Alexandre Alberte Moreira
Adán e Eva eran galegos
E dixen ben, vivían ceibes e ledos, ata que a "Civilización" construíu unha ponte que unía o Paraíso coa barbarie. Tiveron dous fillos Caín e Abel. Caín o primoxénito, fisicamente era máis da nai, aínda que nas súas ideas tiraba máis polo pai.
Era moreno, alto, forte, afoutado, de cabelo negro e crecho, e ben parecido segundo dicían as Huríes do Paraíso Musulmán ao que accedeu, despois de fuxir do Inferno do Sur, a onde foi inxustamente expulsado acusado dun fratricidio que non cometeu, e intentar sen éxito asaltar os Ceos do Nordés, que estaban defendidos por altas vallas provistas de concertinas en todo o seu perímetro.
A súa vida era un continuo goce coa natureza, gustaba de bañarse espido nas "súas" praias, subíase aos árbores, apertábase a eles, corría entre bolboretas e cabaliños do diaño, coidaba dos animais feridos, facía frautas con canas de bambú, que despois facía soar coa destreza necesaria, para que unha chea de paxariños, coellos, algún que outro cervo e incluso unha parella de lobos, improvisaran un escenario nun claro do bosque e asistiran engaiolados ao so de frauta.
Os pais unianse aos xiareiros, abrazados, emocionados e úfanos do ver ao seu fillo ledo, moi ledo, independente, e cheo de gañas de vivir, e de facer este mundo un sitio un pouco mellor para todos, e especialmente para os que non teñen nada... carecen de todo, a súa rara enfermidade xenética, durmía esquecida nun caixón da memoria.
O que máis lle gustaba, ademais de rebuldar coa natureza, era axudar a nai a facela comida, era un perfecto coñecedor das prantas que usaba súa nai para condimentar os exquisitos pratos que cociñaban, e que a menudo ían recoller xuntos, cada unha tiña seu lugar no bosque, albahaca preto do Faro de Punta Cabalo, hinollo xunto a praia da Xastela, loureiro e orégano aos pes dos piñeiros da Praia de Arnela, tomiño no camiño a Praia dos Petóns, romeiro xunto ao gran carballo, herbaboa preto da Praia de Arnela, eneldo ao carón da Punta Banqueira, estragón e menta no entorno da Lagoa do Carreirón e perexil no eirado da casa, sen esquecer o cardo leiteiro un endemesmo dunar, co que Eva facía unha suculenta sopa.
Abel pola contra, era cuspidiño ao seu pai en canto a parecido físico, algo máis baixo que o irmán, de cabelo roibo, de amplas costas, e recias pernas como columnas salomónicas, saían a pescar xuntos nunha vella Dorna alcumada Calmoseira, a menudo axudaba aos pais a traballar no campo, as veces Caín uníase a eles nas tarefas agrícolas.
O resto do tempo, Abel pasábao agradecéndolle a Deus, polo que era, polo que tiña, polos seus pais, polo que xantaba, polo ar que respiraba, e pregándolle que o axudara a volver ao redil a óuvella descarrilada do seu irmán, ao que por outra banda adoraba, o amor era mutuo.
Un domingo de agosto, pola tardiña Abel decidiu ir rezar a Praia de Sualaxe, onde ademais dunha incríbel posta de sol, había un osario que a maneira de milladoiro, Abel fora creando, amontoando os osos dos seus animais mortos, Furia un cabalo de tiro, Platero e Ti, un burro e a súa compañeira, que pensaron morreu de pena... deixou de comer cando votou en falla a Platero, e a pesares dos coidados tanto de Eva como de Caín, que chegou durmir a carón de Ti, as catro derradeiras noites da vida da equino, morreu apenas unha semana despois do deceso de Platero, Marela, Pinta e Negriña vacas leiteiras, un par de bois, Hércules e Sansón, Neboa, Patras, e Palleiro, cans pastores dun rebaño de ovellas.
Cando chegou ao milladoiro dos osos, na vez de poñerse a rezar, como facía de cote, mirou a seu arredor, e cando se asegurou de que estaba libre de miradas furtivas, colleu a queixada de Platero, recoñeceuna de inmediato, subiu ao alto do osario, e comezou xirar sobre si mesmo, co seu brazo dereito en alto blandendo a queixada a modo de espada flamíxera, ao tempo que berraba en latín contra Satanás e as súas hostes.
Nestas estaba o bo de Abel, cando o castelo de osos cedeu ante non so a presión de seus pes, senón tamen dos seus máis de noventa quilogramos, con tan mala sorte que a súa caluga foi impactar contra o esternón de Furia... quedando a queixada a carón da ferida aberta e manando abundante sangue.
E como era Domingo, o "Anxo" que estaba de "Guarda", para levantar o atestado era de "La Coruña", coido que se chamaba Paco e apelidábase Vázquez, cando chegou a xunto Abel, este acertou dicir: "caín e matinme", era da Illa de Arousa, o resto xa volo podedes imaxinar.
O Atestado era unha infamia e todo por non coñecelo noso idioma... FÁLEMOS GALEGO...! é o Noso.
Adicado a Felipe Vázquez Abal, residente no Paraíso e patrón do galeón