Manuel Pérez Lourido
Escenas de pre apocalipse
Pedro Sánchez encarga un globo sonda: barato, lixeiro, feitiño, solitario... os medios de comunicación publicitan a imaxe do aparello: os bancos terán que pagar un imposto. A ministra María Jesús Montero pon a cara, nun país como o noso é máis improbable que lla rompan sendo muller.
O lobby dos cartos non acredita o que escoita. Érguese do asento coa faciana tinguida de verde, bota as mans á camisa de Armani, tira dela cara lados opostos á altura do peito, saltan os botóns, a gravata de Gucci fica tirada nun recuncho. Hulk dáse puñadas no peito, coma un gorila.
Pedro Sánchez chama os medios. Que te calmes, Hulk, senta, toma unha tila, acouga. Tan só queriamos ter con que pagar as pensións. As da xente que traballou para facer os cartiños cos que vós facedes negocios ou as trapalladas esas que facedes. Tranquis. Xa abonda cun imposto ás transaccións financeiras, e iso ímolo vendo aínda así.
Portugal, Francia e Reino Unido levan tempo aplicando taxas á banca coma as que rexeita Hulk. Hulk é moito de arrepañar para si e só abre a man un pouco para recoller o dobre coa outra. Por iso este imposto non lle interesa, iso da solidariedade non aparece no seu dicionario (a non ser no epígrafe da propaganda). Foi Hulk quen inventou a estafa das preferentes, lembran?
E que imos dicir da Xustiza? Un xuíz mete a zoca, que iso lle pasa por andar con zocas en lugar de con zapato fino, e di que o imposto de actos xurídicos documentados para as hipotecas ten que pagalo o pobre Hulk, que leva décadas facendo que sexan os parroquianos quen apanden con el. Móntase unha boa. Hulk entra en coma, teñen que ingresalo os do IBEX en urxencias. O FMI non pode crer o que está a pasar. Rodrigo Rato xoga a Mario Bros cunha aplicación para o smartphone, xa alleo a case todo. Perde unha e outra vez.
Tres semanas e moreas de paracetamol despois, o Supremo rectifica e decide que sexan os clientes os que paguen o pato, como se viña facendo. Hai quen di que se impuxo o razoamento de "xa están afeitos a facelo" e claro, para Hulk & Co o cambio supón unha inversión da cadea de privilexios. Pode haber infartos, pode chegar o sangue aos ríos. Pero ¡alto! Entran en escena doce home sen piedade. Doce xuíces do Supremo opóñense por escrito a que sexan os paganinis de sempre os que paguen ese tributo. Prodúcese unha lea entre os maxistrados, a cousa queda no ar.
Pasa o tempo, que ten o vicio de pasar rápido, ademáis. Hai uns días a sala civil do Tribunal Supremo declara que a cláusula de apertura que cobran algunhas entidades cando se contrata unha hipoteca non é abusiva, pois entenden que a entidade informa debidamente ao cliente da existencia da cláusula antes da contratación dos préstamos. É un razoamento inmaculado: se un pailaroco te avisa de que te vai meter unha hostia de campionato, como te vas queixar cando a recibas?
Igualmente, establece que os gastos de apertura (arancel notarial, arancel rexistral e gastos de xestoría) deberán repartirse entre bancos e consumidores. Este reparto salomónico, que pasa un tanto desapercibido mentres todo o país está pendente dun pobre neno que caeu nun pozo, semella non ser un problema para o xigante verde (posto que non di nin "mu").
E como dicía o outro, que tamén eramos nós (sempre somos nós) : "cala, que podía ser peor".