Tribuna Viva
Comunicado da ANPA O Baño, en relación aos danos producidos no CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis
Desde a ANPA cremos que toda a comunidade educativa, da que por suposto formamos parte as familias, temos dereito a información suficiente, clara e veraz sobre os asuntos que afectan a vida escolar. Por iso, e para evitar rumores e malentendidos, queremos facer pública a información que temos con respecto aos danos producidos hoxe no noso colexio.
Como sabedes, o domingo 20 de xaneiro descubriuse unha inundación no centro debido a una avaría na fontanería. Como consecuencia caeron parte dos falsos teitos. O luns 21 de xaneiro, por acordo do Concello e a Xefatura territorial de Educación, suspendéronse as clases durante un día para levar a cabo obras de acondicionamento e limpeza e decidiron reanudar a docencia o martes 22.
Esta ANPA, despois de falar co Alcalde e co técnico enviado pola Consellería, solicitou, primeiro verbalmente e logo por escrito, un informe técnico á xefatura territorial que certificase a adecuada seguridade e salubridade do centro, pensando tanto no alumnado, como no profesorado e o resto das persoas que pasan polo centro. Pola súa parte, sabemos que o claustro do profesorado tamén fixo a mesma solicitude. Non obstante, temos que informar que a nosa petición non foi atendida e, de feito, aínda a día de hoxe continuamos sen ter resposta de ningún tipo.
O equipo directivo tampouco ten ese informe, só recibiu por escrito orde de reanudar as clases, ante a confirmación oral do técnico correspondente (Sr. Tanoira) de que non había ningún risco.
É mais, onte, 29 de xaneiro, no Consello Escolar tratouse o tema e as representantes da ANPA volveron insistir na necesidade de que constase por escrito a certificación de que o centro estaba en boas condicións, xa que parte dos corredores continuaban sen falsos teitos, de xeito que quedaban as bovedillas ao aire. A directora respondeunos que ela se limitaba a seguir as ordes dos seus superiores. Pola súa parte, a representante do Concello, presente tamén no consello escolar, expresou a súa consideración de que lle parecía esaxerada a nosa petición. Aínda ninguén do Concello contactou connosco hoxe.
Hoxe, mércores 30 de xaneiro pola mañá caeron varios anacos de bovedilla no corredor central da primeira planta, nun momento no que, afortunadamente, non pasaba ninguén por alí e non houbo danos persoais de ningún tipo. Ante esta situación, imprevista e totalmente improbable segundo o técnico co que falamos a semana pasada, o equipo directivo procedeu a precintar os corredores e dependencias afectadas do centro, o que obriga a cambiar a circulación do alumnado para o acceso ás aulas, situación incómoda para alumnado e profesorado, pero que consideramos asumible. A directora avisou á directiva da ANPA do incidente ao longo da mañá e da solución proposta.
Polo equipo directivo, con quen nos reunimos a primeira hora da tarde, sabemos que o técnico da Consellería e persoal do Concello xa estiveron no colexio mirando os desperfectos e estudando solucións.
Decidiron que mañá haxa clases coas zonas afectadas precintadas ao paso, e que o venres 1 de febreiro queden suspendidas as clases, xa que van "proxectar" os teitos cun produto que necesita 48 horas para secar. Está previsto que as clases se reanuden o luns 4 de febreiro, unha vez que o técnico da Consellería supervise a obra.
Ante a xestión levada a cabo ata o momento, tanto dos danos e das reparacións previstas como da información facilitada ás familias, temos que dicir, sentíndoo moito, que compartimos a desconfianza que existe entre moitas familias. Así, reiteramos a esixencia de que se emita, por quen sexa competente, un informe técnico por escrito conforme efectivamente o centro estará en condicións axeitadas de seguridade e salubridade para o seu correcto funcionamento o luns, 4 de febreiro.
De non ter resposta, estudaremos outras medidas a tomar que garantan a seguridade dos nosos fillos e fillas.
Cuntis, 30 de xaneiro de 2019
Asdo. Mercedes Renda Melón
Presidenta da ANPA O BAÑO