Marta Rodríguez Engroba
A desesperada pregunta das vítimas de violencia de xénero. Para cando menos márketing e máis solucións?
Practicamente todos os medios de comunicación se fixeron eco esta semana desa arrepiante cifra de mil mulleres asasinadas por mor da violencia machista desde o ano 2003, que existen rexistros, e, de novo, sentín esa sensación no peito que fai que me falte o aire e que teña moitas ganas de berrar catro cousas a quen corresponde.
Imos por partes.
Para comezar, esa cifra non é real, xa que neste pais noso, outra cousa non, pero somos moi "mirados" con eso dos matices, e por máis que unha muller sexa agredida ou mesmo asasinada por un home, di a lei, esa mesma lei que tanto nos protexe as mulleres, seica, que para que ese delito sexa considerado violencia de xénero ten que existir unha relación afectiva, de parella..
Dito doutro xeito, que se eu, ou calquera outra muller, mañá coñezo a alguén e me dá a real gaña de ter un "affaire" con el, dunha noite ou dunhas horas, o mesmo me dá, e me agrede ou me mata, non sería considerado violencia machista, porque, obviamente, a relación "afectiva" non era.
Tampouco sería violencia machista se calquera de nós sae a rúa e un malnacido nos agrede sexualmente, malia que nos mate, porque afecto, o que se dí afecto, non creo que sintamos.
Ahí está, como exemplo evidente e recente do que estou a dicir, o caso de Laura Luelmo, por citar un de tantos e tantos que se dan.
Porén, a cifra, esa cifra de mil mulleres asasinadas que tanto arrepía estes días a xente, que, por certo, non sei en que mundo viviron ata agora para que a sorpresa sexa tan maiúscula, quédase moi curta.
O feito evidente é que, desde que no ano 2004 se aprobara a Lei contra a Violencia de Xénero, a cifra de vítimas medra e medra sen cesar, algo que non casa con ese bombardeo continuo de estatísticas, mesas de traballo, observatorios, campañas, e demais medidas máxicas, que, a vista está, non serven de nada, ou, sendo benévolos, de moi pouco.
Os únicos que saen beneficiados de tal desplegue son aqueles que, ao tonto, como quen non quere a cousa, se van colocando, principalmente porque xa se sabe que máis vale ter un amigo mesmo no inferno.
Unha e outra vez os nosos políticos, cos seus séquitos de acólitos, marean a perdiz con números e máis números, pedindo orzamentos, porque de pedir cartos todo o mundo sabe moito, e mesmo o Observatorio contra a Violencia de Xénero, que está a ser moi efectivo, onde vai parar!, e que publica informe tras informe no que nos conta o tempo que aguantan as mulleres maltratadas en verbalizar a súa situación, por qué o fan, etc, etc, etc, e así van tirando outra tempadiña, e xustificando os ingresos nada desdeñables que perciben.
Tamén se falou moito estes días do custe que implica a violencia machista, tanto no eido laboral, como sanitario, e na sociedade en xeral……e volta a falar de cartos!.
Xa soamente nos falta que as mulleres maltratadas, ainda por riba teñan que sentirse culpables polo quebranto económico que supoñen e pedir desculpas!.
Ao fin e ao cabo, son moitas as veces nas que se lles culpabiliza pola súa situación,polo que seguramente ben poderán con unha culpa máis.
Pero, curiosamente, e a vista de tan desolador panorama, ninguén se fai eco do que, ía dicir pedimos, pero o termo correcto sería pregamos desesperadamente cantos coñecemos de preto, moi de preto, a violencia de xénero:
Que se nos escoite, que se nos permita transmitir a tremenda realidade das vítimas, e, e isto é o máis importante, de feito é vital, que se revise un sistema que non soamente está permitindo, se non que está axudando a que nos maten.
Non consigo asumir que, ante a evidencia de que prácticamente todo o que se está a facer en materia de violencia de xénero está fallando estrepitosamente, ninguén se plantexe que hai que mudalo, e de xeito urxente, ademais, a menos, claro está, que se prefira ignoralo, porque, de levarse a cabo esa máis que imprescindible "limpeza", está claro que remataría o chollo para moitos e moitas.
E, lamentablemente, creo que esa é, e permitídeme a expresión, a nai do año.
Esa "loita oficial" que din se está a levar a cabo contra a violencia de xénero, a pouco que se observe, é ben doado decatarse de está a ser "cociñada" sempre polos mesmos, esa xente "de ben", con un sitio de honor en Institucións e demais "chiringuitos", e polos seus "engadidos".
Pola conta que lles ten, o apoio entre eles é incondicional e férreo, e a premisa que rixe, é a de "eu non falo das túas eivas, de feito finxo non velas, e ti fas o mesmo coas miñas", e a de "eu tapo o teu lixo, ti o meu, e todos contentos e a seguir gañando , que é do que se trata".
Raro é o día no que non aparezca o político de turno, o colectivo "solidario", pero xenerosamente remunerado, ou a "personalidade" que máis vende no momento nunha especie de contínuo photocall, que é, por outra banda, un chanzo máis dunha hábil campaña de márketing, contándonos as excelencias das súas divagacións, "estudos", lles chaman, e bombardeándonos con cifras, teorías, sorrisos ou caras de circunstancias, según se tercie, aproveitando, ademais, para acadarlle o seu sitio a amiga, a sobriña ou a filla que levan tempo buscando onde ubicarse e que están, como non! moi concienzadas, pero que as únicas vítimas de violencia de xénero que viron son as dos programas de televisión, pero que van a proporcionarnos o oráculo para rematar con esta sangría de mulleres.
Ninguén con competencias se cuestiona, nin se albisca que se plantexen facelo, darlle unha volta, pero das boas, a selección do persoal que traballa con vítimas de violencia machista, desde o xudicial, ata o policial, pasando polo eido social… para qué?
Imos deixar as cousas como están, que, como din os máis maiores, e, como case sempre con moita sabiduría e razón, "peixe non come a peixe".
Eu preguntaríalle a esta xente se, cando se encontran mal, e van ao médico, e lle contan, loxicamente, os síntomas que notan, que agardan del, que lles dea un remedio, unha solución, para o seu mal ou que lles repita de novo, unha e outra vez, os devanditos síntomas, que, obviamente, coñecen de primeira man porque os están sufrindo na súa pel?.
Pois eso é o que están a facer esa xente a que todos pagamos, que está ahí porque os votos os elevaron aos "altares" e con eles aos seus "compinches", cubrir o expediente para seguir cobrando contándonos os síntomas unha e outra vez, pero sen darnos nin o máis pequeno remedio…….pero moi concienciados, faltaría máis!.
Eu pregaríalles, polo menos, xa que non fan outra cousa, un mínimo de respecto, e que, se non van a axudarnos, que, polo menos, non nos tomen por parvas, dando por sentado que non nos decatamos do seu xogo.
Aproveitarse da impotencia, da vulnerabilidade, tamén e maltratar, e lémbrolles, ademais, que nos, as mulleres, e en particular as vítimas de violencia de xénero, sabemos perfectamente o que nos pasa.
Agradecémoslles o recordatorio, pero non é preciso que nos conten o mesmo unha e outra vez. E máis, xa nos resulta ofensivo. Como xa dixen antes, non somos parvas, malia que se nos trate como tales e se nos utilice descaradamente.
O que queremos son solucións.
Asociación Si, hai saída