Marta Rodríguez Engroba
Cando o maltratador viste toga (I)
Unha vez máis, como xa adoita ser un lamentable costume, acudo a esta cita de cada semana coa miña mente nun estado de confusión, de total estupor, e co corazón encollido, cunha dor que nin a indignación que pugna por sair é capaz de relegala nin por un intre.
Antes de continuar adiante, teño que dicir que, ante ese caos que vai a máis cada día, non podo por menos que agradecer un pequeno soplo de aire fresco que me fai pensar que tal vez non todo estea perdido.
Por que digo isto? Pois porque, malia que vivo nunha cidade na que o panorama en canto a violencia de xénero é algo máis que desalentador, e retrocedemos a ollos vista, por máis que ninguén queira admitilo, temos, dentro da desgraza, a fortuna de contar con un xuiz de violencia de xénero que, a vista de todo o que está acontecendo, comezo a crer que é case "rara avis".
Empático, humano, sensible.
Certamente non sempre concordamos coas súas resolucións, algo, entendo, lóxico, dadas as nosas respectivas posicións, pero temos claro que en todos e cada un dos casos que chegan a el, o factor humano está garantido, algo fundamental e que é un ben escaso, moi escaso.
Supoño que algúns vos estaredes preguntando a qué ven todo isto.
Pois ben, vou a explicalo.
Creo que non é preciso lembrar o tráxico mes de Xullo que acabamos de despedir, e no que a violencia machista estivo presente do xeito máis cruel día sí e día tamén.
Un mes no que se fixo ainda máis evidente que as mulleres, os nosos fillos, estamos a mercé dun sistema para o que, malia ser un estrepitoso fracaso, e cobrarse vidas e máis vidas de mulleres e nenos, non se albisca ningún tipo de cambio, nin que ninguén dos que tendo algunha atribución para, xa non tentar mudalo, se non nin siquera propoñelo, dean sinal algunha de estar polo labor.
E mentres a lista de asasinatos por mor da violencia machista non deixa de medrar deixando no mes que rematou a arrepiante cifra de nove mulleres e un neno, hoxe, a noticia dunha nova aberración, non fixo se non confirmarme o que, en realidade, xa sabemos hai moito tempo: As vítimas de violencia machista están vendidas, totalmente vendidas, e cada vez se fai máis difícil confiar niso ao que se lle dá en chamar xustiza, pero que cada día que pasa fai menos honra ao seu nome.
O xuiz titular do Xulgado de Violencia sobre a muller número 1 de Palma retiroulle a unha nai, con graves problemas de mobilidade, sendo isto acreditado medicamente despois de sufrir un accidente hai anos, a custodia dos seus fillos, dous nenos de curta idade, para otorgarlla en exclusiva ao pai dos menores, condeado en firme por violencia de xénero, existindo informes médicos de maltrato aos nenos e con dúas ordes de afastamento.
Este sinsentido comezou no ano 2015, cando despois de que tres partes médicos certificaran os malos tratos do pai sobre a nai, e esta, ante o medo de que lle quitasen aos nenos por protexer ao seu maltratador, decidiu denuncialo.
O Xuiz emitiu un auto cun rexime de visitas, que implicaban 22 traslados ao mes ao Punto de Encontro, sen ter en conta en ningún momento a discapacidade da nai e a imposibilidade física de levar cabo eses traslados nos que tiña que percorrer máis de 7 kilómetros.
Obviamente, nesta situación, que xurdira algún incumplimento das visitas era inevitable, e tras amenazala con quitarlle aos seus fillos, se lle encomendou o traslado dos nenos á avoa, tamén con serios problemas de saúde, ampliando, ademáis o número de visitas.
Foron inútiles cantas propostas e alternativas se propuxeron para tentar que o pai pudiera ver aos nenos sen todo este penoso periplo, sen resultado, desembocando, finalmente, na perda da custodia por parte da nai, malia estar máis que recoñecido o bo estado dos nenos, perfectamente atendidos e felices con ela.
Non sei nin como definir este xeito inhumano, xa non de cometer unha inxustiza coa nai, se non a absoluta tolemia de expoñer aos nenos a un risco como é a convivencia cun energúmeno con graves antecedentes de malos tratos.
Onde está esa prevención da que tanto falan os "expertos" en violencia de xénero?.
Ah, non!, en que estarei pensando?, se son os que sosteñen que un maltratador pode ser un bo pai, faltaba máis, claro que si!.
Por eso a lista de nenos asasinados por esos "bos pais" vai camiño de alcanzar a de mulleres, porque son bos!.
Pero o peor de todo, son as mostras de apoio cara o xuiz desde o eido xurídico, destacando, entre outras cousas "o exquisito trato e consideración que en todo momento dispensou aos letrados".
Bueno, pois xa nos quedamos máis tranquilos!.
Que lle quite a unha nai os seus fillos para encomendarllos a un individuo que é quen de maltratar, quebrantar ordes de afastamento, etc, etc, non ten importancia algunha dada a exquisita educación deste señor, titular dun Xulgado de Violencia sobre a Muller, e que demostra unha extraordinaria sensibilidade, empatía e sobre todo prudencia, moita prudencia.
Casos coma este, porque, por desgraza non é o único, son a mostra desa "concienciación" que nos queren vender que existe en canto a loita contra a violencia de xénero, e deixan ao descuberto, ademais do enorme descoñecemento que ainda existe acerca da realidade desta letal lacra, os máis que cuestionables e totalmente reprobables, ademais de perigosos, criterios empregados a hora de designar aos profesionais que terán nas súas mans as vidas de tantas mulleres e menores.
Expedientes brillantes, que serán moitos, seguro, méritos profesionais, que tamén os terán, sen dúbida, antigüedade, e, por suposto, un probado prestixio entre aqueles que son "alguén" son os baremos empregados para designar os despachos, as cadeiras e as responsabilidades de quen manexará temas tan sensibles e tan dolorosos como a violencia de xénero.
O mesmo dá que o xuiz, o policía, ou calquera outro profesional, non teña nin o máis mínimo interés neste eido, ou, peor ainda, que sexa un machista dos de manual, con sensibilidade cero, incapaz por tanto de sentir nin un ápice de empatía por quen está a vivir no inferno.
Que máis ten? A humanidade está sobrevalorada, non si?.
Queda probado, ademáis, ante situacións desta índole, que a violencia de xénero segue a ser a "parente pobre" das causas, por máis vidas que se cobre, e as irregularidades, as neglixencias, que se cometen, que non son poucas, quedan reducidas rápidamente a categoría de anécdotas, que pasarán, ademáis, nun tempo récord, ao esquecemento, porque, do que non se fala, non existe.
Como tamén queda probado que nos, as mulleres, os nosos fillos, cando por desgraza nos alcanza a traxedia da violencia machista, temos que asumir que, desde ese momento, por moito que tentemos seguir os cauces correctos para rachar con esa situación, temos, lamentablemente, moitas papeletas, de feito case todas, para vernos na necesidade de procurar, polos nosos propios medios, protexernos, protexer aos nosos fillos, non soamente do noso maltratador, se non tamén dun sistema que semella diseñado para rematarnos.
É sinxelamente terrible, pero, as veces, cando acudimos a pedir axuda, cando nos poñemos nas mans daqueles que teñen a obriga de protexernos, o que estamos é a meternos na boca do lobo.
É tremendo e moi difícil, case imposible, fuxir dun maltratador, pero, como nos defendemos cando somos novamente maltratadas por quen actúa ao abeiro das institucións e son parte delas?
Como nos defendemos cando o maltratador viste toga?
Moito me temo que esta prgunta, como tantas outras que todas nos facemos, quedará sen resposta.
Asociación Si, hai saída