María Pierres
Non son monstros
Entender.
Todo o mundo trata de entender qué é o que pasa pola cabeza dun home para chegar a asasinar a quen nalgún momento, seica amou, e a quenes, tamén nalgún momento seica respetou e apreciou.
¿Qué abismo é aquel que de repente se reduce para levar da man a crueldade e o afecto?
Hai quen prefire pensar que a traxedia só pode ter un detonante extraordinario. Que un asasino non é unha persoa "normal", senón que obrigadamente ten que ser especial e monstruosamente diferente.
Sinto discrepar.
Os asasinos e violentos machistas viven con naturalidade entre nós. Teñen amizades que os acollen, familias que os arrouban, compañeiros que os axudan, e nais ou pais que os meceron con agarimo. E todo isto acontece con normalidade.
A monstruosidade da acción que lle roubou a vida a Sandra, Elena e Alba non se pode xustificar na excepcionalidade da personalidade dun home. Nos guste ou non, a violencia machista se fragua desde ben pequenos e afecta a homes e mulleres por igual. Facéndolle crer a uns que a normalidade está na desigualdade, e ás outras en que a desigualdade non pode nin debe ser cuestionada.
E contra iso…a arma da educación.
A convicción de que a violencia, o violento, é excepcional se convirte precisamente nun dos autoenganos máis perigosos para unha sociedade que aspira a ser igualitaria. Porque obvia que hai violencias silenciosas cada día, agochadas en miles de pequenos monstros, con máis ou menos capacidade de lastrar as liberdades das que segundo eles, queren e aman. Obvia e excusa a responsabilidade social, porque parecera que a violencia acontece por non ter remedio, e que non puideramos freala de ningún modo.
Hoxe hai 3.500 violentos baixo vixilancia en Galicia.
Non son 3.500 monstros, son fillos, irmáns, amigos e compañeiros de toda esa sociedade que somos nós, coa particularidade de ser incapaces de relacionarse e amar como iguais. Eles foron denunciados, moitos outros non, e viven con normalidade entre nós.
A nosa responsabilidade é ter claro que para que esas cifras se reduzan non debemos minimizar nin desnaturalizar ós violentos. Son coma nós, conviven con nós e se educan e forman coma nós.
Incidamos máis nunha educación igualitaria e non permitamos nin reduzamos a importancia dos comentarios nin comportamentos machistas.
Se de verdade queremos que nun futuro a violencia non sexa algo normal, non falemos de monstros, falemos de nós.