Ramiro Espiño
Where's Wally?, "Mau"
Antes de que se me volvan confundir e convoquen unha rolda de prensa para desmentir que o Pontevedra non é a "Casa de Rócame Troque" (que si, que así é como a cita o "ilustrado" Mau entre os seus íntimos, en referencia a unha columna de hai un tempo de quen isto escribe), déixenme que lles aclare o título desta (a eles, non a vostedes, que non lles fai falta) e dicilos que Where's Wally? é unha serie de libros creado polo británico Martin Handford en 1987, que traducido ao "cristián" significa "Onde está Wally? ".
Xa saben, Wally é o personaxe dun xogo, que hai que encontrar nunha imaxe con decenas de detalles que despistan o lector e que sempre vai vestido do mesmo modo: xersei de raias horizontais vermellas e brancas, lentes, pantalón vaqueiro e un gorro de la, tamén de raias.
E iso máis ou menos é o que están a intentar facer "Mau" e os seus íntimos: buscar "o seu Wally". Todo con tal de manterse na poltrona, aínda que para salvar a cara dunha dimisión multi-anunciada e aínda non cumprida, pretendan retorcer as súas propias palabras, deixando caer que si, que se vai, pero queda. Non sei se me explico. Que o que en realidade quere é seguir, aínda que sexa en poltrona distinta, un chanzo máis abaixo, para manexar (ou intentalo) dende un segundo plano.
Pero teñen un problema (ou moitos), e é que algún malvado lles colocou ao "Wally" que buscan no medio dunha multitude de afeccionados do Athletic de Bilbao, vestidos como Wally, e claro, así non se pode.
Vén isto a conto porque, cando PontevedraViva publicou a intención de "ofrecer" o posto de presidente a Gerardo Lorenzo, a condición de que mantivese no Consello ao mesmo "Mau", cos seus máis íntimos preto, a negativa de Gerardo, tamén publicada nesta páxina, lles deixou descolocados. Pero agora volven á carga. Desesperadiños que están, porque temen movementos, en proceso de xestación pero crecendo aprisa, que lles saquen o caramelo da boca.
Así, dime o "filtrador enmascarado" que onte mesmo, mércores, sen ir máis lonxe, houbo un novo intento de "Mau" con alguén moi próximo a Gerardo, insistindo en que había que falar. Que Gerardo fose de presidente e que "eles" o apoiaban.
Está claro. Necesitan alguén con "boa imaxe" ante o socio e afeccionado, que lles axude a lavar a súa propia, en evidente deterioración, por non dicir absolutamente desprestixiada, e que ao mesmo tempo lles permita seguir manexando o "cotarro" dende un discreto segundo plano.
Esquécense de que Gerardo Lorenzo pode ser calquera cousa, pero o que nunca aceptará é ser "monicreque" de ninguén, en todo caso aspirará a ser el quen mova e manexe os fíos do monicreque, facendo que as "marionetas" se movan ao compás que decida.
Non descarten que Gerardo Lorenzo acceda á presidencia, pero non será agora, como el mesmo declarou a PontevedraViva. Como máximo, e dependendo de varios asuntos persoais e profesionais do empresario, faríao a finais de ano, ou, se o horizonte se tornase máis negro, pasado o verán. Iso si, coa súa xente, que a auga e o aceite mesturan mal.
Todo iso, claro, se antes non se materializa algunha candidatura que se está a xerar e que podería ser presentada en pouco máis de dez días, e que os ten moi inquedos, porque vén disposta a darlles unha soberana patada nas posadeiras a todos, que é o que están a pedir a gritos.
Pase o que pase, anticípolles que este fin de semana pode ser movido e interesante.
Para rematar unha pequena referencia á resolución xudicial sobre o Concurso de acredores do Pontevedra C.F.S.A.D. Era un segredo a voces, aireado polas "gargantas profundas" que hai no seo do club ou no seu ámbito, que son varias e de diverso signo (dígoo para que se eviten andar buscando ao "filtrador enmascarado", que aquí nos coñecemos todos e xa sabemos que máis dun quere seguir, pero por se acaso, vaia saber vostede, mellor poñemos unha vela a Deus e outra ao Demo, e se hai que saír por pernas mellor escudarse nun "tí xa sabes que eu son bo").
E digo que era un segredo a voces o feito de que "a súa señoría" aceptaba a declaración de "NON CULPABLE" para o procedemento. Ou sexa, que todos son "INOCENTES" de que se perdesen máis de cinco millóns de euros (case MIL MILLÿNS DE PESETAS das de antes, que angustía máis), en apenas tres anos e todo para non saír da miseria e rematar onde tristemente estamos, que outros polo menos levaron aos seus clubs á ruína, pero logo do desfrute de gañar Ligas, competir na elite e demais, mentres o noso Pontevedra leva camiño de ir a xogar unha exhibición á próxima edición da "Feira de Cuspedriños", dito con todo o cariño cara á bonita aldea de Cotobade.
Non serei eu, dende logo, quen poña en solfa unha decisión xudicial, así que vou aceptar "polbo" como animal de compañía e dicir que si, que NON SON CULPABLES, pero convirán comigo polo menos que a cousa "TEN DELITO"...
06.06.2013