Tribuna Viva
Profesorado en folga: non é traballar menos, é traballar mellor
Nos últimos dez anos o profesorado galego sufrimos recortes nos nosos dereitos laborais. Dende hai xa tempo o noso colectivo enfróntase a ratios elevadas, excesiva burocracia, perda de poder na toma de decisións, eliminación dos desdobres, non regulación das materias afíns, inestabilidade laboral do persoal interino, falta de recursos para a atención a diversidade, ataques á nosa lingua... Á perda de poder adquisitivo sumáronselle duras medidas que empeoraron as nosas condicións de traballo.
Ante esta situación que xa se torna insostible, o profesorado galego imos a folga este xoves 12 de decembro baixo o lema "Son horas, son dereitos". Nesta mobilización a nosa principal reivindicación é a recuperación do horario lectivo que tiñamos antes da chegada de Feixóo á Xunta de Galiza: 18 horas lectivas en Secundaria e 21 en Primaria.
Coa chegada do Partido Popular o horario lectivo ampliouse a 20 horas en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e a 25 horas en Infantil, Primaria e Educación Especial. Esta medida supuxo a perda de miles de postos de traballo e o empeoramento da nosa labor docente ao non poder realizar tarefas de coordinación e ver limitada a atención que lle podemos dedicar ao noso alumnado. Queremos ter menos horas de docencia directa porque precisamos máis tempo para o resto das nosas funcións e que isto nos permita mellorar a calidade do noso ensino. Non é traballar menos, é traballar mellor.
Queremos unha mellora nas nosas condicións de traballo para poder ofrecer un ensino público de calidade. É urxente frear a política de recortes e de desleixo do PP. Ante a negativa da Consellaría de Educación a negociar, só queda irmos a unha folga xeral para recuperar dereitos e esixir respecto polo noso traballo docente.
Sobran os motivos.
Sabela Bará Louro, docente de Secundaria