Marta Rodríguez Engroba
Muller, adolescente e embarazada. O perfil dunha vítima máis do sistema
Sempre dixen, e me reafirmo, que teño moi claro cales son as miñas limitacións, e non son, por suposto, especialista en nada, nin teño títulos colgados das paredes, pero, supoño que como prácticamente todo o mundo (sempre hai excepcións!), unha das poucas cousas que fun gañando cos anos foi sentido comùn.
Non todo o que sería de desexar, seguramente, pero non fun a peor, ou eso creo!.
E desde ese sentido común vou falar hoxe. Tamén desde o abraio e a indignación que certas situacións inadmisibles a día de hoxe me producen, ademais de apelar a miña condición de muller, de nai, e botar man das lembranzas da adolescente que nun tempo fun.
Eu cheguei a adolescencia entre dous lumes, xa que nacín nesa xeración que deixaba moi claro que o sexo soamente se podía practicar despois do matrimonio, por aquelo da procreación, e porque para nos, as mulleres, era unha obriga mais, como facer a colada ou cociñar.
O pracer era patrimonio exclusivamente masculino, e ningunha muller "decente" podía sentir desexo....eso era de lurpias!.
O papel da muller no sexo era única e exclusivamente o de compracer ao marido, estando disposta cando él a requerira ou llo esixira, porque negarse non era unha opición, e, por suposto, non se contemplaba a posibilidade de disfrutar del, como tampouco podía mencionarse. Diso non se falaba!.
Pero, de súpeto, e ainda estreando a adolescencia, estalou a revolución!.
Comezouse a falar de relacións prematrimoniais, apareceu ese invento do demo da píldora que nos otorgaba as mulleres, según os seus detractores, manga ancha para encamarnos con unhos e con outros, e o "destape" e o sexo nos invadían onde queira que ollases.
Non era nada doado para cantos estabamos nesa etapa da nosa vida.
Por unha banda, toda esa explosión de liberdade, unida a nosa natural curiosidade e, todo hai que dicilo, unhas hormonas que seguían o seu proceso natural, facían que estivéramos ávidos de saber, de experimentar, mais pola outra, o pouso de tantos anos de represión, de calar, de considerar sucio o que era natural, seguían contribuindo a que o sexo fora un tema tabú, que se trataba as agochadas, e a que a inmensa maioría da mocedade nos informáramos como podíamos, porque, evidentemente, a ninguén no seu sano xuizo se lle ocorría tocar tal asunto na casa, cos seus pais, especialmente se eras muller.
Algúns rapaces, con sorte, nun momento dado, chegaban a ter esa conversa "de home a home" sobre os "misterios" do sexo co seu pai ou un irmán maior, e a algún privilexiado mesmo os axudaban a iniciarse na súa andaina de "macho" no club de alterne de turno, pero eso era algo inimaxinable no caso das rapazas.
Que moza decente se poñía a falar de tales obscenidades?
A que mais e a que menos tivemos que "documentarnos" coas amigas, compartindo a información que recabábamos nos consultorios das revistas do momento,que agochábamos no rincón mais recóndito dalgún caixón para que a nosa nai non as atopara, desde o "Super Pop," ou o "Vale", que escandalizaba a propios e estraños falando explícitamente de coitos , fotos incluídas, pasando polo "Pronto", que comezaba a súa andaina e que aclaraba as dúbidas daqueles e daquelas que non sabían moi ben que facer cos seus corpos dun xeito non moi ortodoxo que digamos .
Tampouco faltou algunha privilexiada que se fixera con un exemplar do célebre "Informe Hite", que, hábilmente forrado, e coma se dun libro de texto máis se tratara, circulaba de man en man, ensinándonos misterios sexuais que nin imaxinar podíamos.
Os resultados desta mestura de represión, curiosidade e liberdade desenfrenada non se fixeron, en moitos casos, agardar, e os embarazos precoces e non desexados, obviamente, comezaron a ser frecuentes.
Cantas bodas de "penalti", como se lles deu en chamar a eses "goles" metidos antes de tempo, lembro desa época!
Porque se a moza quedaba embarazada, non había outra opción que non fora a de casarse rapidiño, antes de que a panza a delatara e quedara deshonrada para sempre.
Non había maior drama para unha familia "de ben" que o do embarazo da filla adolescente, cun mozo ou cunha familia do mozo que non estaban pola labor do casamento, ou porque, sinxelamente, non se querían e decidían seguir coas súas vidas por separado.
O escándalo estaba servido e a rapaza levaría xa para sempre con ela o estigma de "nai solteira", o mesmo que o seu neno ou nena, ao que sempre se aludiría como "fillo/a de solteira".
Loxicamente, esta era a consecuencia de non ter a información adoitada, de non ter onde nin a quen acudir para aconsellarse con sentidiño nin sobre anticoncepción nin sobre as relacións sexuais en xeral.
Se unha rapaza quedaba embarazada, o pánico, o desconcerto, se apoderaban dela e da súa parella, porque non sabían que facer, non había onde nin a quen acudir, nin quen os orientase sobre as posibles opcións.
Tan só algunhas que se movían noutros eidos, e tiñan, porén, acceso a unha información vetada para a maioría, podían considerar a posibilidade de abortar, pero nin siquera eso era igual para todas.
A que dispoñía de medios económicos decidía coller un avión a Londres para un par de xornadas de "shopping" e volvía a súa casa, ao seu ambiente e a súa vida normal con unhos bombóns ou unha colonia do "duty free" do aeroporto e sen mácula ningunha no seu historial que lle implicase un atranco para un futuro matrimonio "de ben".
As outras, as que non gozaban dunha economía desafogada nin tiñan quen lles axudase, recabando información aquí e alí, acababan nun antro, onde unha señora que era calquera cousa menos médico, enfermeira nin nada semellante e case sempre nunhas condicións hixiénicas mais que deplorables e, por descontado, sen garantía algunha, lles practicaba as mais das veces unha auténtica carnicería, a que algunha non sobrevivía ou quedaba con secuelas para sempre.
Seguro que mais de un, lendo isto, pensará que semella ser un capítulo de "Cuéntame como pasó", pero o certo é que esa era a realidade que nos tocou vivir.
O tráxico, o inadmisible, é que máis de tres décadas despois, ainda nos atopemos con situacións que non son tan diferentes.
Esta mesma semana soubemos que a nai adolescente do bebé que foi atopado afogado no rio Besós pediu axuda para abortar, concretamente a un Servizo do Concello de L´Hospitalet de Llobregat, pero por mor do cambio da lei que o PP impulsou e aprobou no 2015 que esixe o consentimento paterno para unha rapaza coma ela, de 16 anos, fixo imposible, non soamente que puidera levar adiante o seu propósito, se non tamén que ninguén a axudara, xa que a educadora que a atendeu, dado que non existe ningún protocolo ao respecto, algo insólito nun pais como o noso no que se esgrimen os protocolos para todo, pero que, curiosamente, semella que cando mais se precisan non existen, respectou a confidencialidade da rapaza, polo que ningún mecanismo se activou, malia ser o seu, pola súa edade, un embarazo de risco.
Asustada, sen ser quen de contarllo aos seus pais, agochou o embarazo coa complicidade da súa parella, tan desorientado e con tanto medo coma ela, dando a luz clandestinamente na habitación dun hostal, poñendo en risco a súa vida e a do bebé, para, posteriormente, o pai do neno presuntamente o tirara ao río.
Arrepiante. Intolerable.
Que clase de sistema, ese fantástico sistema que tanto nos venden, permite que sucedan estas traxedias e non dispón dun mecanismo que as evite?
Non quero nin imaxinar o medo, a soedade, que esa parella sentiu.
Lembrei cando meu fillo chegou a adolescencia, e cando nos si tivemos esa conversa, unha conversa na que tentei transmitirlle que o mellor era tentar evitar ese embarazo non desexado, pero que, se malia eso, se chegaba a producir, non dubidara en contarmo e que tivera claras dúas cousas: que era responsabilidade dos dous, non soamente da rapaza, e que os axudaría a levar adiante a decisión que ambos tomaran.
Nunca me perdoaría que se viran nunha situación coma a desta parella. Como nai e por ese puro sentido común ao que me refería ao comezo,
Sei que non lle caeu en saco roto.
O acontecido a esta parella, ao seu bebé, non é nin mais nin menos que unha mostra mais das mentiras que nos contan dun sistema que, lonxe de axudar aos mais vulnerables, os condea, entre outras razóns, ademais de por unha falsa moral, porque descoñecen totalmente a súa realidade, coma tantas outras, e nese grupo, por suposto, teñen un lugar destacado as adolescentes embarazadas e desprotexidas.
O prioritario,coma sempre, os seus intereses.
Sinxelamente desesperante.
Asociación Si, hai saída