Tribuna Viva
Sobre o camioneiro acusado do delito de agresión aos ciclistas na estrada a Marín
Primeiro aclarar que a asociación Pedaladas non está personada nesta causa penal, ou é outra entidade ou probablemente débese a un erro ao mesturar a noticia co home de 91 anos recentemente condenado polo sinistro en A Guarda, onde estaba en inicio personada a entidade ASCIGA.
Queremos mostrar a nosa solidaridade cos compañeiros agredidos cun martelo, sobre todo por manter a acusación ata o final, e así mandar a mensaxe de que unha discusión de tráfico non pode acabar en agresión. Existe unha ferramenta que a administración nos da a todos os usuarios da vía, a denuncia voluntaria de tráfico. Tanto, se son os condutores ou os ciclistas os que non se comportan na estrada débese denunciar ante as autoridades, nunca agredir ou poñer en perigo ao resto de usuarios da vía.
Queremos lamentar que a lexislación vixente non contempla para este tipos de casos a retirada temporal ou definitiva da licencia de condución. As persoas que fan condución colérica ou que teñen problemas para conter a ira nunca deberían usar un vehículo pesado. O ideal neste caso é que o fiscal estivera solicitando a retirada temporal ou definitiva da licencia de condución para esta persoa, conducir un vehículo pesado é unha gran responsabilidade, e na nosa opinión, esta persoa non debería ter unha licencia de condución pola seguridade de todos.