Ramiro Espiño
"Mauricinho"
Houbo un tempo en que calquera equipo de fútbol de medio pelo suspiraba por ter nas súas filas polo menos un xogador brasileiro. O de menos era se ese xogador tiña calidade para xustificar a súa fichaxe. Con tal de que o seu nome rematase en "inho" xa servía; total, para o que sabían de fútbol os incautos parroquianos do lugar, iso de conseguir traer a un tipo de máis alá do charco convertíalle automaticamente no "Pelé" da categoría, aínda que logo moitos non sabían nin atarse os cordóns das botas.
Tamén os houbo bos, non crean, como Mazinho, Jairzinho ou Ronaldinho (ata que o perdeu a "samba"). E non obstante dos mellores poucos eran os "inhos", quedando en cousas máis "simples" como Pelé, Ronaldo, Romario, Zico, Garrincha, Rivelino, Mauro Silva, Didí, Vavá, Tostao ou Gerson (case nada).
Fose como fose, que vostede quería que o seu equipo saíse da miseria?, pois nada, se fichaba un brasileiro, e se non xogaba polo menos facía bonito, quedaba "fisno", imos, como moi "cool" e facía pensar a incauta "parroquia" que os que mandaban sabían de que ía a cousa.
Claro que houbo excepcións, e grandes fracasos, como moi cerquiña de aquí, exactamente en Vigo, cando a mediados do século pasado, exactamente en 1958, o Celta de Vigo, os seus dirixentes, tiveron a ocorrencia de que había que traer un brasileiro, e, como non era plan de cruzar o charco, que daquela angustiaba o seu, mellor tirar de proximidade, e tendo Porto a man, fixáronse en Jaburú.
Jorge de Souza Matos, coñecido como Jaburú, era dianteiro dun F.C. Porto que gañara Liga e Copa, pero os directivos do club portuense padeceran sobradamente as andanzas do tal Jaburú, ao que lle gustaba máis a marxe esquerda do río Douro, á altura de Vilanova de Gaia, para ser máis exactos, onde hai grandes adegas pero poucos campos de fútbol. E viron a ocasión de desfacerse do "paquete" a prezo de Gran Reserva.
O resto da historia é longa, aínda que apenas durou uns meses, pero abonde dicir que o Celta, crendo ter encontrado a un fenómeno se gastou millón e medio de pesetas das de entón, que por certo non tiña, para traerse a un xogador que chegou lesionado e non chegou a debutar coa camiseta celeste.
Iso si, algo tería Jaburú que poucos conseguiron o que el: ter unha peña propia nun club do que non que chegou a lucir a súa camiseta nin sequera un minuto.
Conta a lenda que durante a súa estanza en Vigo se afeccionou a frecuentar o porto, a ribeira, en Bouzas, onde deleitaba aos presentes con espectáculos balompédicos.
Preguntaranse que a que vén a conto esta historia, pois moi sinxelo, ao noso Pontevedra actual e á figura "oriúnda" que nos colocaron como "redentor" e, se non lle paran pronto, leva camiño de conseguir acabar con algo que é un dos emblemas da cidade e provincia.
Non. Non é un futbolísta. ÿ un "brasileiro" de pega ao que se foi a buscar como "solución" e se converteu no "problema".
"Mauricinho" é un individuo ao que hai que recoñecer o valor de poñer a cara nun momento difícil, pero tamén o descaro de crerse, á volta de pouco tempo, en señor de vidas e facendas, conseguindo nun tempo record levar a un club histórico ata os máis baixos niveis de miseria, jaleado, iso si, por pouco máis de media ducia de palmeiros, algún que outro mamporreiro, e por un ego que lle impide ver que non é o mundo enteiro quen se equivoca.
Os "éxitos" de "Mauricinho" son "impresionantes":
- Recibiu un Pontevedra en Segunda B e rapidamente levouno a Terceira.
- Dunha asistencia media entre 3.000/4.000 espectadores por partido, en pouco máis dun ano apenas chegamos aos 1.000.
- Se é certo que a débeda do club era galopante á súa chegada, a redución desta non é mérito seu, senón dos acredores que accederon a perder o seu diñeiro a través dun proceso concursal.
- Finalizado ese proceso, a primeira anualidade económica completa correspondente á súa xestión botou unha perda de case 200.000 euros, a pesar de non alcanzar os obxectivos deportivos.
- Se os xogadores non cobraban cando el chegou, os actuais sufriron o mesmo e algúns ingresaron só 2 mensualidades, tendo pendentes de cobramento outras 7.
- Os atrasos nos pagamentos esténdense aos empregados do club.
- O "escurantismo" é a nota predominante na xestión diaria, ata o punto de que mesmo os membros do Consello de Administración din descoñecer a situación real e algunhas das operacións realizadas.
- Fixou como data para abandonar o cargo o 30 de xuño (despois de senllos anuncios anteriores incumpridos), pero filtra a quen queira escoitalo a súa intención de seguir no Consello, con apoios que intentan conseguir de forma cando menos cuestionable eticamente.
- Enfrontado coa masa social, moitos dos seus rivais non se pode dicir que teñan tampouco a mellor impresión del e nin sequera no mesmo Consello lle rin xa as "grazas" aínda que por educación se lle sigan soportando.
E así poderiamos seguir, pero non me dá a gana de darlle o gusto, para que logo vaia "lamber" feridas facéndose a vítima.
Tivo a oportunidade de ser un bo presidente e deixouna pasar. Tivo máis axudas que ninguén, máis respaldo que ninguén, e unicamente lle serviu para crecerse e crelo. Pensou que o Pontevedra era o seu "casal" particular e como tal o gobernou, non sen algún "colaborador" necesario e algunha alianza, digamos, antinatural. E equivocouse.
A masa social levantouse en armas. O movemento Acción Granate crece e crece. Xa non son "catro gatos e un que escribe" que o teñen manía. Xa é unha evidencia que lle pillaron máis dunha vez co "carriño do xeado", a última coas manobras denunciadas como supostamente irregulares na ampliación de capital en curso (iso sen contar "ofertillas" ás agachadas que poden estar a realizarse para facerse con paquetes accionariais a baixo prezo e así intentar manter a tixola polo mango).
Pero a faísca que puido acender a mecha é posible que saltase. Algúns dos que ata agora estaban ao seu lado fartáronse. Atentos ás próximas horas que van ser interesantes e movidas.
"Mauricinho", á fin e ao cabo, non é brasileiro nin xogador. "Mauricinho" nin sequera chega a Jaburú, o brasileiro de pega que lle empaquetaron ao Celta fai xa máis de medio século e que ben caro lle custou. ÿ máis, "Mauricinho", a diferenza de Jaburú, non creo que chegue nunca a ter unha pena de afeccionados propia, de tan maltratada que tivo a "parroquia".
Iso si, a "Mauricinho", como a Jaburú na ribeira de Bouzas, sempre lle quedará o consolo de presumir dos seus coñecementos futbolísticos mentres segue dirixindo ao Peña Bora de veteranos, ese mesmo ao que un día intentou chamar Pontevedra e ao que algúns "malvados" aínda chaman ironicamente Pontevedra C.
25.06.2013