José Freire
Rematar coa corrupción
Non fai moitas datas e neste mesmo medio expresaba a miña opinión sobre os galopantes niveis de corrupción que se están acadando neste país.
Dende a chegada da democracia, e máis concretamente dende a chegada da Constitución de 1978, España e os seus cidadás, creron vivir nun paraíso social, nunha sociedade avanzada ata que a crise económica desatada nos EE.UU. en 2007 arrasou todo e lanzounos ao precipicio polo que seguimos caendo.
Posiblemente fora esa caída a que nos fixo ver, ao conxunto da cidadanía, que viviamos nun país cunha democracia de moi baixa calidade; que trocamos dictadura por unha careta trala que se agochaba corrupción e podremia; e que o tránsito á democracia non foi ese proceso exemplar tan laureado, xa que se asentou sobre prácticas opacas e corruptas de poderosos políticos, financeiros, intermediarios, e outros grupos de persoas que deixaron as institucións españolas nunha situación de desafiuzamento moral e social, conducíndonos á actual situación política, institucional e social, unha das peores coñecidas dende o século pasado.
Para arranxar esta situación, coido que so dúas institucións poden facelo con certas garantías de éxito, xa que os partidos políticos, polo que se ve, non están pola labor, os xuíces e os policías.
¿Qué pode facer a Policía, os policías, nesta situación?. Pois iso foi o que estivemos a debater esta semana en Madrid, co gallo do X Congreso do Sindicato Unificado de Policía. E decidimos que podemos e debemos continuar cumprindo a lei, denunciando a situación e actuando profesionalmente contra os corruptos, sexan quen sexan.
No cumprimento da nosa obriga profesional, formulamos dúas medidas que poderían contribuír a mellorala loita contra a corrupción, como a inversión da carga da proba en determinados supostos e a blindaxe profesional da Unidade policial que investigue estes casos.
Sabemos que a primeira cuestión pode resultar controvertida polo principio constitucional da presunción de inocencia como valor esencial a protexer. Máis ilo non evitaría que se levasen a cabo arduas investigacións sobre o patrimonio das persoas presuntamente culpables dun delicto, nin que fose provisionalmente á cadea, polo que establecer que aqueles enriquecementos non lóxicos en función das retribucións e a actividade desenrolada, deban definir a procedencia do seu patrimonio.
Nos casos que son actualidade, Urdangarín, Bárcenas, 4% de Cataluña, Palau, ERES, Invercaria, Blesa, Gurtel, preferentes.., inverter a carga da proba suporía que centos de funcionarios non dedicarían tantos meses ou anos a rastrexar fortunas, senón que, os que as posúen , deban sinalar como as conseguiron, o que resulta sinxelo explicar a calquera persoa decente.
En canto ao segundo aspecto, a blindaxe das unidades destinadas a estas investigacións e aos seus responsables, debería establecerse a imposibilidade de que os policías foran removidos do seu posto de traballo, de recibir ningunha orde dos seus mandos naturais que impedira o normal desenrolo das indagacións, e que se garanta o traslado íntegro e obxectivo da información á autoridade competente.
Aínda que teñen tódolos medios para facelo, resulta evidente que os políticos non queren rematar con estes comportamentos delictuosos e debe ser a xustiza e os corpos de seguridade quen o fagan.
Ou rematamos cos corruptos ou fano eles cos cidadás decentes, que o están a pasar moi mal.