Manuel Pérez Lourido
Niño y pistola
Sábado noite, Salason, Cangas. Saen a escena Niño y pistola a facer rock e americana dende Baiona. Porque o valen. Vai calor, case cen persoas, media hora de atraso. Todo vai ben.
Unha desas noites de principios de verán que non queres que rematen nunca. Só quedarte a vivir nela, sen agonías, un grolo de cando en vez, rock&roll e boa xente arredor. Aparece Portolés coa estrela de sheriff no chaleco, por se non estivese claro quen leva alí a voz cantante. Arrancan con She was so do anterior disco e movémonos ritmicamente. Os brazos, as pernas, a pelve. O rock existe para que a xente mova os brazos, as pernas e a pelve. Deberían poñer anuncios nos ximnasios: Apúntate a mover os brazos, as pernas e a pelve: é que todo o mundo quere facer.Portolés pregunta se alguén quere presentar á banda. Métese cun colega que adoita facelo e parece ser que anda por Vitoria para ver aos Black Crowes. Eu esta noite só quero ver, e escoitar sobre todo, o que me contan Niño y pistola. Esa vida finxida en territorio ianqui, ese relato de que hai un tipo por aí cunha arma (There's a man with a gun over there, o disco que levan tres meses a presentar). Grolos de auga entre canción e canción. Guitarra eléctrica, acústica, baixo, teclado e batería. De libro. Sona todo ben, moi ben. As cancións son temas longos que electrifican o ar nun momento dado para deitarse nun sosego que Portolés entretén co seu inglés sen complexos. Voume á barra a por reforzos e a ver se vexo a Gram Parsons por aló.
Antes da última anuncian que non son de retirarse para que lle pidan os bises. Pedímosllos xa mesmo. Rin, e botan a derradeira despois sen moita cerimonia. Sen rebumbio nin concesións, Niño y pistola teñen o gran mérito de ser eles mesmos pretendendo ser un combo do sur dos USA. O engrenaxe do rocanrol funcionando á perfección con aceite galego. E todo para ir parar no mesmo sitio: movendo os brazos, a pernas, a pelve.
3.07.2013