Marta Rodríguez Engroba
Es vulnerable e precisas axuda? Non o esquezas: premisa fundamental, parecelo
Desde que o estado de alarma foi decretado, en Si, hai saída, a asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da que formo parte, estamos a librar unha auténtica carreira de fondo para tentar transmitir as institucións e mesmo ao goberno a situación desesperada na que se atopan non soamente estas mulleres, se non moitas persoas e familias que, se xa tiñan unha economía precaria que as facía vivir no limiar da pobreza, agora, coa crise do coronavirus, a miseria é o único que teñen asegurado, xa que a axuda urxente que precisan para o máis básico non vai chegar a tempo, ou, sinxelamente, non chegará.
É a nosa unha carreira que semella condenada ao fracaso máis absoluto, e non soamente porque as axudas prometidas se demoran, como era previsible, por máis que nos venderan o contrario, ademais de que a maquinaria burocrática xa lenta en condicións normáis é agora sinxelamente desesperante, e mesmo hai trámites que non se poden realizar, pero, e volvo ao que estaba a dicir, un dos principales escollos cos que nos estamos a dar de bruzos é o concepto, pechado e trasnoitado, que moitas institucións, organismos ou persoas con competencias neste eido seguen a ter do concepto "persoa vulnerable", ou en risco de exclusión social, e que non se axusta para nada a evolución, ou máis ben, involución, que a sociedade experimentou no que a isto atinxe.
Cando se fala destes colectivos, inmediatamente dan por sentado que se trata única e exclusivamente de persoas que rozan a indixencia ou están xa directamente mergulladas nela, sen teito, sen traballo, e,por suposto, cun aspecto que delata a súa condición.
Mal vestidos, desaseados, e vagando pola rúa, pedindo esmola ou tentando atopar nun contedor algún alimento rexeitado polos que si teñen posibles que levarse a boca, sen pararse a mirar se está caducado ou, polo menos, nun estado que non os intoxique, e mesmo escravos dalgunha adicción, o que se reflicte no súa apariencia e no seu comportamento.
Dito doutro xeito, teñen na mente o estereotipo do indixente de manual.
Hai unhos días, no transcurso dunha conversa telefónica cunha persoa pertencente a unha institución con competencias directas neste eido, tentei por todolos medios transmitirlle esta mensaxe e facerlle entender que ese concepto está xa máis que obsoleto, e que, a día de hoxe, non se axusta a realidade, que hai moita xente en condicións moi precarias que nin está tirada na rúa, nin presentan un aspecto miserento, e tal vez nin siquera estea no paro, pero son os seus unhos traballos mal pagados, con salarios que non lles alcanzan para levar unha vida digna, ou tal vez traballan, por pura necesidade, en negro, sen contrato, sen ingresos regulares, sen dereito ningún que os ampare, e en "empregos" que, por mor da crise desapareceron.
Outros traballan a tempo parcial, polo que os salarios, por máis que se axusten a legalidade, non lles dan para vivir.
E moitas destas persoas son aquelas coas que nos atopamos cada día, na rúa, no noso edificio, no supermercado, ou mesmo nalgunha ocasión tomando un café.
Persoas cun aspecto totalmente normal, que, obviamente non levan un cartel na fronte informando da súa situación, e que, de portas adentro, conviven coa escasez, co medo a non poder pagar o aluguer, ao corte de suministros, ou mesmo coa fame.
Nada o fai sospeitar, porque, me reitero, a súa apariencia é coma a de calquera outra persoa "de ben", entre outras cousas porque nesta sociedade e neste pais nosos, a pobreza é motivo de vergoña, estigmatiza, e o que compre é agochala, e se, nun momento de desesperación, se deciden a pedir axuda, case con toda probabilidade se lles vai negar, porque non se axustan aos parámetros establecidos para ser pobres ou vulnerables.
Como me decatei de que estaba predicando en deserto e que todo canto lle estaba tentando explicar lle caía noutro planeta, decidín concretar un pouco máis e plantexarlle unha situación real.
Sen dar o nome, por suposto, conteille os ingresos mensuais dos que dispón unha persoa X, e os gastos fixos aos que ten que facer fronte, referíndome tan so aos imprescindibles, aluguer, suministros... Ollo!, nin siquera mencionei os relacionados coa alimentación, ou outro tipo de gastos tamén ineludibles.
Por suposto, nin falar, por exemplo, de vacacións, e nin se contempla a posibilidade dun imprevisto, se chega, xa se verá como sae do apuro, e pregunteille se, baixo o seu criterio, estaríamos a falar dunha persoa vulnerable.
Despois dunha pausa, díxome que si, que realmente esa persoa tería que facer algo máis que números, e non soamente para chegar a fin de mes.
Quedeime coas ganas de verlle a cara que se lle debeu quedar, porque, como xa dixen, a conversación foi telefónica, cando lle dixen que a persoa da que estábamo a falar era eu, e que me aclarara que pasaría se me decidira a solicitar algunha axuda.
Despois dunha nova pausa, esta vez máis longa, contestoume moi baixiño, coa frase mítica, "non das o perfil", para, cando lle preguntei en que se baseaba, díxome, "non sei, o xeito de vestir, o teu aspecto, as túas relacións....".
Sen comentarios.
Creo que isto resume perfectamente o que acabo de explicar.
Eu son unha persoa normal, cun aspecto normal, mesmo hai quen di que teño, e cito textualmente, "pinta de pija", cun traballo normal, e cunhos ingresos baixos, pero totalmente xustos para as horas que traballo,non porque eu non queira traballar máis horas, se non porque é o que hai, punto, e máis a miña idade, pero cos que teño que facer auténticos malabares para tirar adiante, e, ainda así, moitas veces non chego.
Tampouco, e agardo que isto manifestado así, públicamente, lles aclare a dúbida a algúns, cobro ningunha xugosa subvención por Si, hai saída, o mesmo que os meus compañeiros.
Non vivo na rúa, nin rebusco nos contenedores. Tampouco teño pinta de yonqui, nin me movo en ambientes marxinais.
Evidentemente, non me podo permitir ir de vacacións, nin de fin de semana, nin de ponte, circunstancias estas polos que moitos, aos que, evidentemente non lles vou contar a miña vida, me tachan de rancia e amargada e me din eso que teño que escoitar verán tras verán, semana santa tras Semana Santa, e ponte tras ponte, de que "muller, para unhas vacacións sempre hai!".
Eu coñezo de primeira man, na miña pel , a angustia de que se me acumulen as facturas, o temor a quedar sen luz, sen gas, ou sen os dous!
Creo, de feito, que o único que me diferencia de tantas e tantas persoas en idéntica situación, é que eu teño moi claro que non debo sentir vergoña, non hai razón.
Traballo honradamente, non me dedico a fundir o que gaño ao tolo, e se a vida me conduciu a estas circunstancias, non digo que me resigne, pero teño que levalas do mellor xeito posible, o que non me exime dos meus malos momentos, por suposto, máis, ainda así, ninguén me arrebatou ainda o convencemento de que hai un ben que é e será meu para sempre: a dignidade, por moito que falen de min, e me consta que son moitos os que o fan, ou por moito que me sinalen.
Eles, os que sinalan, sen embargo, andan bastante máis escasos dela.
Afortunadamente, son muller de gustos sinxelos, e non me amargo por non poder facer unha viaxe, ou ter unhas vacacións de ensoño desas que tanto presta colgar nas redes sociais.
Tomar unha caña con bos amigos, por poñer un exemplo, é un pracer que para min abonda, porque, de non ser así, a frustración estaría asegurada, o que non faría máis que empeorar as cousas ata minar por completo a miña moral.
Agora ben, o que me indigna profundamente é que, si mañá, cinguíndome as miñas circunstancias económicas, e por moi mal que o chegue a pasar, me decidira a pedir algunha axuda, estou totalmente convencida de que me sería negada, por esa razón "de peso", esgrimida polos que valoran quen ten dereito a ela e quen non, de que"non dou o perfil".
Ante isto, creo que queda claro que a situación de precariedade, de vulnerabilidade, unhos por mor da crise do coronavirus, outros porque levan moito tempo arrastrándoa, que os levan a estar sempre cun pe na exclusión social, non ten solución, porque aos nosos políticos, aos nosos gobernantes, e aos dirixentes das institucións non lles entra na cabeza que os estereotipos caducos que ainda seguen contemplando xa non serven, ou, polo menos, non en exclusividade.
É máis, vou ter a ousadía de dicirlles desde aquí que, no medio de todas as asignaturas que estudaron para chegar a onde están hoxe, hai unha que, sen dúbida, lles faltou: a da vida real, unha asignatura que, ademais de ser moi importante, a que máis, esixe reciclarse constantemente, porque a vida non é unha ciencia exacta. Cambia, da sorpresas, e quen pretende ter un papel nela, ou, ainda vou máis alá, quen pretende axudar a xestionar a dos demais, ademais de aprobala con nota, ten que estas sempre ao tanto de todolos cambios.
De non ser así, esa "axuda" de pouco ou nada serve, agás, as veces, pola contra, para afundir ainda máis a quen a demanda.
Para dicilo máis claro, por se alguén ainda non me entendeu, o mesmo da o mal que moitos o poidamos chegar a pasar.
O noso sistema nos excluirá automáticamente do circuito de axudas, sinxelamente porque "non damos o perfil", xa que, moi importante!, quen é vulnerable, e aspira a acadar algunha axuda, debe ter moi presente unha das premisas fundamentais: Ten que parecelo.
Asociación Si, hai saída