Marta Rodríguez Engroba
Desconfinamento e teletraballo. Liberdade para algúns, e unha condena para moitas
Achegámonos a esa tan nomeada "nova normalidade", case a podemos tocar xa coa man.
Outra cousa é como resulte, pero ese non é o tema que hoxe quero compartir con vos.
Esa nova normalidade vai traer consigo para todos hábitos e costumes que non formaban parte das nosas vidas, algúns dos cales semella que chegou para ficar, ou, polo menos, para facerse moito máis presentes, e isto afecta tamén, como é lóxico, as vítimas de violencia de xénero.
Pero vaiamos por partes.
O primeiro chanzo para esa nova normalidade foi, por suposto, o desconfinamento, e, aparentemente, con el remataba ou se aliviaba en parte o inferno que moitas mulleres e moitos menores sufriron pechados e illados durante a cuarentena co seu maltratador.
Aproveito aquí para dicir que me ferve o sangue cando escoito a algún e a algunha "especialista" na materia gavarse do éxito das medidas implementadas polo goberno, esas que chegaron tarde, mal, e amosando un máis que notable descoñecemento da situación real, e afirmar que esta non foi tan grave como se puido pensar, porque as denuncias non aumentaron de xeito notable.
Parabéns polo descubrimento!
Porque claro, para as mulleres pechadas co seu agresor era doado coller, dicir, por exemplo, que ían mercar o pan, e achegarse a denunciar... Total, era un momentiño de nada e xa estaba, todo resolto!
Nin que estiveran vixiadas!
Desculpádeme a ironía, pero, francamente, hai argumentos que me superan, e, ou fago uso dela en ocasións ou son firme candidata a que me dea algo, e non é unha frase feita.
Non podían, a inmensa maioría, acceder ao seu teléfono para chamar e pedir axuda, pero, polo que e ve, podían sair a denunciar sen problema ningún.
E, para avalalo aí están as sempre sabias estatísticas. Se non aumentaron as denuncias, é que todo vai ben. Punto!
Supoño que moitos estarán pensando, "Bueno, agora xa pasou o peor. Xa rematou o confinamento e o perigo é menor". Unha mostra máis de que, no que atinxe a violencia de xénero, non se sabe tanto como se quere facer crer.
O desconfinamento, en moitos casos, lonxe de supoñer unha nova liberdade para a vítima, é, pola contra, un factor máis de risco, e elevado, ademais.
Por qué? Pois por unha razón moi sinxela, porque o maltratador sinte que perde o ben máis prezado para él: o control, un control que exerceu ferreamente durante todo o encerro, que tivo a súa parella, aos seus fillos, mesmo aqueles que tal vez non chegaron a agredilos físicamente, coa alma nun puño polo pánico, e aos que unha sinxela ollada del lles conxeaba o sangue, sen saber por canto tempo se prolongaría esta situación de terror, de incerteza, de non saber, cando espertaban, se sobrevivirían a un día máis de cárcere.
Agora, co desconfinamento, ese control xa non é tan implacable, xa non ten o poder de vixiar todos e cada un dos movementos dos que tanto lle temen, xa poden escapar nalgunha ocasión, malia que non sexan moitas, desa mirada que os paraliza de puro terror, e, quen sabe se tal vez non aproveiten algunha delas para dar a voz de alarma, para pedir axuda.
Isto non é algo que asuma nin tolere, porque non esquezamos que o maltratador é, no fondo, un pobre miserable, un cobarde, que precisa dominar, someter, para sentirse alguén, e a frustración de non poder facelo, provoca que a súa agresividade medre de xeito notable, é unha auténtica bomba que en calquera momento pode estalar.
Estamos, agora mesmo, nun momento no que a vixiancia, a protección das vítimas de violencia de xénero, dos seus fillos, debe intensificarse. Hai que estar moi atentos, non baixar a garda, porque o monstruo pode xurdir de súpeto, cando menos se espera.
O papel da veciñanza segue a ser fundamental, e non nos cansaremos de pregar que, ante calquera sospeita de que unha muller, uns nenos, poden estar sendo maltratados, non dubiden en coller o teléfono e pedir axuda rápidamente. Non hai que agardar. Cada segundo conta, e a dúbida, a demora, poden supoñer a diferencia entre salvar unha vida ou varias, ou condenalas.
Vital tamén o papel dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
É o momento de levar a práctica esa prevención da que tanto falan, de facer un seguimento exhaustivo das vítimas, de acudir as súas chamadas de auxilio, por moi insignificante que poida semellar o que lles están a contar.
Unha falsa alarma sempre ten solución. Unha vida truncada, nunca.
Non é o momento de relaxarse.
Outra nova práctica que chegou a moitas vidas é o teletraballo, algo liberador para moitas persoas, non tanto para outras, sobre todo se falamos de mulleres, pero, en calquera caso, unha verdadeira e nova condena para moitas que están a sufrir violencia de xénero.
Para moitas delas, acudir ao seu traballo era non soamente unha obriga, se non unhas horas nas que a súa cabeza podía pensar en algo máis que non fora o seu medo, o seu inferno.
A única oportunidade de relacionarse e deixar de lado durante a xornada laboral o illamento que o maltratador sempre impón, de sentirse útiles, e non insignificantes coma eles lles fan crer que son , e, o máis importante, nas que estaban seguras. O único sitio onde non ian ser agredidas e que, quen sabe, tal vez lles brindara a única saída para, algún día, escapar do seu verdugo.
O teletraballo está a roubarlles a única ilusión de liberdade que tiñan, ademais de expoñelas a un constante perigo as vintecatro horas do día.
Xa non teñen que sair da casa, están literalmente presas, e tamén o seu rendemento pode chegar a verse seriamente afectado, ademais de pola tensión de estar constantemente vixiadas, porque os seus carceleiros,que probablemente desprezaron sempre a súa actividade profesional, e mesmo as presionaron a miudo para que a deixaran, teñen agora a oportunidade perfecta para rematar a súa faena, infravalorando o que fan, criticando o desatendida que teñen a casa, os fillos e as tarefas domésticas por estar pendentes desa "parvada" de traballo seu que non vale para nada, críticas que medran de día en día, e tamén a agresividade coa que llas lanzan, ata que, con frecuencia, elas mesmas, totalmente desbordadas pola tensión, polo menosprezo e polo medo, optan por renunciar a única ferramenta que as podería axudar a acadar a súa liberdade, e ficar sometidas, sumisas e frustradas, mesmo pensando que non serven para nada, que eles teñen razón, e que a culpa de que todo estea manga por hombro é delas. É a súa obriga que todo estea a punto cando o amo volve ao seu feudo.
Acaban por crer que o que deben facer é renunciar, que, efectivamente, non están respondendo ao seu rol de ama de casa e nai como se supón que deberían de facelo, e que por eso é lóxico que eles monten en cólera en canto entran pola porta e non atopan todo ao seu gusto.
Anulalas é a sua misión e, por desgraza, case sempre a culminan con éxito.
Así as cousas, penso que queda claro que dous elementos que, en principio, semellan ser liberadores e, de feito, deberían de selo, son, en realidade, para moitas mulleres, un novo e tráxico capítulo da súa condena.
É tamén queda claro algo máis que, por moito que o repitamos, é evidente que non cala:
De violencia de xénero fálase moito, pero saber, o que se di saber, pouco se sabe.
Tamén é verdade que se un bo día xurdira, así, como por arte de maxia, o verdadeiro interés en coñecer a súa realidade, o traballo multiplicaríase, e non sempre acompañado de fotos, titulares, e recoñecementos, e, francamente, quen quere eso?
Asociación Si, hai saída