Tribuna Viva
Os perigosos ataques da velutina a poboación e a diversos sectores
Acotío, estanse a recibir novas de persoas que nas súas funcións laborais ou de lecer no campo ou no monte están a sufrir numerosas e perigosas picadas, producidas ao molestaren os niños das velutinas sen se decataren ou por descoidos de non avaliaren previamente o terreo sobre o que se vai actuar.
Non debemos esquecer que os niños tartagueiros, xa cun tamaño e poboación considerables, se poden atopar a diversas alturas da vexetación e mesmo no chan.
A desmanda preocupante das velutinas representa un perigo serio non só para os abelleiros, senón para a pobocación en xeral. Os accidentes poden ter consecuencias graves e xa levan producidos no que vai de ano o falecemento dalgunha persoa.
Dende a Asociación Galega de Apicultura (AGA) recomendamos que as persoas que vaian desenvolver labores de campo, como rozas ou cortas de árbores, se equipen para o efecto dun traxe de apicultor con luvas e careta, que poderá axudar a amortecer o ataque e a escapar do lugar, mais non dos longos ferróns do tártagos negros.
De cara aos apicultores, estes, ademais da colocación das arpas, deberán colocar na entrada das colmeas biqueiras antivelutina e, de teren castrado o mel, alimentar as abellas cun pouco xarope, co obxecto de aguantar a falta de flora pola seca e os ataques continuos dos tártagos.
Pola súa banda, a Administración autonómica non está a controlar a situación tartagueira, cunha gran descoordinación e multitude de queixas polos perigos evidentes para as persoas. Esta débelle dar unha volta ao tema tartagueiro, pois quédannos dous meses dunha loita extremadamente dura e coas velutinas no seu apoxeo vital. E esta defensa non pode ser abarcada exclusivamente polo sector apícola. As velutinas representan un problema ambiental global.
Xa que logo, a precaución neste ámbito débenos concernir a todos.
Asociación Galega de Apicultura