Tribuna Viva
Cultura e saúde
Quixera falar a favor do que nos presta ás persoas cando pasamos por situaciones estresantes ou nos enfrontamos ó mundo, que penso que é habitual porque os momentos en que todo encaixa, en que todo vai ben, son poucos.
No listado das miñas manciñas favoritas está a xente amiga, os animais e a música. Mirei e remirei o programa de concertos de Pontevedra deste ano atípico e parecéronme moi interesantes. Aínda que non coñecía moitos deles, foi fácil introducirse nos seus mundos musicais.
O día de Baiuca ía con moita ilusión, non eramos espectadores pasivos, estabamos moi emocionados e os músicos tamén o parecían. Eu estaba de pe e vía ben á xente, todos con máscaras e bailando, mantendo distancias, salvo os que eran grupos de amigos. Non vin nada que puidera supoñer perigo de contaxio, xa que iamos coas máscaras e non había bicos nin se daban apertas, bailabamos sen mais.
Por iso, cando nun momento onde estamos contentos, sentindo a música, curándonos dos nosos males, veñen e cortan o son, e un furgón advirte coa súa serea e luminaria de que están aí, métendose despois entre a xente berrando que rematou o concerto, a situación pareceume absurda, sin sentido.
Supoño que a mentalidade da policía reflicte a mentalidade de aqueles que mandan neles, dos que mandan en todos, nas mentes tamén. E ós que se respectan son aqueles que teñen cartos ou poder, sen mirar como os obtiveron, tanto máis respectados neste mundo ó revés, canto máis pícaros sexan. A policía non está para cambiar as cousas, senón para manter a estructura social. A música estaba axudando a liberarnos, a curarnos males, pero o espírito non está en alza como valor. Por iso desligaron a luz da equipa de son sen contemplacións. O risco sanitario non existía, era menor que nas reunións de xente nos bares o nas casas.
A sensación foi de corte de rollo, de vergoña allea polo pouco respecto cara ós músicos, como se chegas a un museo e rachas un cadro e estropeas unha obra que lle sirve a moita xente para disfrutar e estar mellor. Se non hai un cambio de mentalidade para valorar estas cousas imos de cabeza cara á depresión.
Patricia Barcala Calveiro.