Marta Rodríguez Engroba
A consternación por se mesma non salva vidas, señorías
A verdade é que hoxe podería resumir este artigo nunha soa frase, breve e ben sinxela, que sería "Señorías, non teñen Vds. vergoña", pero, lóxicamente, non procede, polo que vou explicar o que quero expresar con ela.
Esta semana que remata, faleceu en Cartagena unha muller de 61 anos, tras estar ingresada na UCI despois de ser, presuntamente, faltaría máis!, agredida polo seu marido o pasado 22 de Xullo.
É a vítima número 29 de mulleres asasinadas por violencia de xénero no que vai de ano.
O seu asasinato xa forma parte desas estatísticas que tanto gustan aos nosos políticos, e que eu chego a pensar que empregan como unha especie de "anestesia mental" para tentar adormecer o noso entendemento e distraelo da arrepiante barbarie que estamos a vivir por mor da violencia machista e, por riba de todo, da súa ineptitude a hora de buscar solucións.
Un asasinato que se engade a longa lista de brutais agresións machistas, algunhas con resultado de morte, non soamente de mulleres, se non tamén de menores, acontecidas nun verán especialmente dantesco, algo que era previsible, xa que ademais do habitual repunte da violencia de xénero nestas datas, había que ter moi en conta a situación de confinamento que se viviu, especialmente perigosa, e o final do mesmo, momento crucial, xa que a sensación de perda de control absoluto dos agresores sobre as súas vítimas era, é, unha auténtica bomba de reloxería.
Malia eso, as tan anunciadas medidas, eses reforzos dos que tanto se falou, acabaron por convertirse, coma case sempre, en balas de fogueo, por non dicir nunha gran mentira.
Nada mudou, e malia que o máis elemental sentido común indicaba que era o momento de estar máis alerta, de aumentar a protección sobre as vítimas, sobre os seus fillos, o verán, a prioridade, como non! das vacacións, fixo que, un ano máis, a desprotección , e, porén, os maltratadores, camparan libremente, con licencia para agredir, para matar.
O silencio por parte do goberno foi total e absoluto, como o de prácticamente todos os eidos, xusto é dicilo.
A violencia de xénero semellou, desde hai meses, ser a convidada de pedra, a máis fea, esa a que se tolera por compromiso, porque é filla, amiga, ou o que sexa do que paga a festa, que se agocha nunha esquiniña, na que ninguén se fixa, e soamente, de cando en vez, cando por accidente fai algún ruído, alguén repara nela, e mesmo se digna a prestarlle un minuto de atención.
O xustiño para non parecer cruel, pero sen pasarse, e, por suposto, para quedar ben diante de quen lles confiou o seu coidado e a quen hai que ter contento porque é quen paga e concede, ademais, prebendas varias.
Esa foi a actitude dos nosos políticos e da sociedade en xeral.
Pero, como cada ano, o final do verán, como dicía a canción, está a chegar.
Toca volver a poñer a careta de concienciados, e unha vez disfrutadas as sagradas vacacións, das que nin a pandemia impide gozar, toca botar man da "sensibilización" que gardaron nun caixón durante meses, e que agora, despois de tantos meses, non é doada de atopar.
Por eso, con motivo da morte da vítima número 29, asasinada, como xa dixen polo seu marido, a Delegada de Violencia de Xénero e a Ministra de Igualdade, despois de tomarse o traballo de consultar o calendario, e decatarse de que Setembro xa comeza a asomar a patiña, e o disparo de saída do postureo está a piques de escoitarse, decidiron, por fin!, manifestarse e expresar, por enésima vez, ese mantra da súa condena e da súa consternación.
A min gustaríame moito, de corazón o digo, ter ocasión de dicirlles algún día persoalmente, que é o que as mulleres vítimas de violencia de xénero e os que as acompañamos día a día e vivimos o seu horror coma noso, condenamos e nos causa consternación.
O primeiro que condenamos e o seu desleixo, a súa indiferencia, as súas promesas incumpridas, as súas mentiras.
Tamén condenamos que, ante unha situación tan grave como a que estamos a vivir, non se aseguraran de que se reforzaba a atención e a protección as vítimas, aos seus fillos, e non permitir que a desbandada vacacional nas comisarías, nos xulgados, nos puntos de encontro, os deixara nunha case total indefensión cando máis perigo corrían.
Nin un só dedo se moveu por evitalo. Para que?
Xa nos regalaron os oidos na campaña electoral con toda clase de promesas, xa gañaron. Agora toca disfrutar.
Auténtica consternación nos causa constatar en que mans estamos. Unhas mans que, polo menos de momento, lonxe de traballar para que as cousas melloren, para que o goteo imparable de vítimas cese, dan a lamentable sensación de dedicarse única e exclusivamente a disfrutar da súa vitoria, da súa nova e privilexiada situación.
Agora xa están no poder, así que, a disfrutar o gañado!
Que lles parecería se unha desas mulleres fora súa irmá, súa filla?
Ou se foran os seus fillos os que viviran nese horror cada día, temendo polas súas vidas?
Tamén se limitarían a expresar a súa condena, a súa consternación?
Non dubido que saberán moito de política, e que terán Vds. unha formación impecable.
Da súa sensibilidade, polo menos da que se pode percibir e a que amosa ata o momento a súa xestión, prefiro non falar.
O que teño moi claro, e con todo respecto o digo, é que hai algo que, sinto dicilo, lles falta por aprender, Señorías:
A consternación, a condena, por se mesmas, non salvan vidas.
Que tal se, dunha vez, se puxeran mans a obra e tentaran salvar algunha vida?
E se, polo que sexa, non teñen pensado facelo, permítanme que lles faga unha suxestión que, seguro, lles soa, "Señorías, pechen ao sair".
Asociación Si, hai saída