Manuel Pérez Lourido
Viaxes low cost
Viaxar en vacacións estase a converter en algo como facer agasallos por Nadal. É unha obriga máis, algo que todos esperan de ti. E todos aprendemos a facer o que se agarda de nós dende ben pequeniños. A sociedade, a familia, edúcanos para viaxar en vacacións. Que imos responder a alguén cando nos pregunte, no medio da rúa, cun sorriso de fábula, medio minuto antes de que nos chova unha chapa sobre a súa marabillosa viaxe ás Séichelles? cando falemos do verán e nos pregunten: onde fuches?, que diremos?, que saiamos botar o lixo cada noite?
Os viaxes low cost están a ter un altísimo prezo para nosa saúde emocional. Xa non hai escusa para non viaxar ao outro lado do hemisferio, ao último recuncho do globo, á última fronteira dispoñible por uns euros gastados en facerse un pasaporte. Xa dicir que non saíches da península é de losers. E todos sabemos que un loser igual que todos sabemos que é low cost, os problemas xa comezan por aí.
Servidor coas viaxes ten unha mentalidade low cost : danme unha preguiza negra. Pensar todo o que che pode pasar polo mundo adiante, como se non abondase co que che pode pasar sen saír da casa. Co agoiro que é un para durmir en condicións e a cantidade de sitios desacougantes onde podes rematar durmindo. Co repugnantiño que é un para comer e a cantidade de merdas que poden rematar no teu bandullo por eses mundos de Deus. Haiche que che estar ben necesitado de aprobación para arriscarse tanto. E ademais, esa sensación de benestar cando voltas á casa, será por algo digo eu!
A xente adoita dicir que os cartos que gastas nas viaxes son os cartos mellor gastados. Depende. Tamén alguén pode dicir que os cartos mellor gastados son os que gastas facendo ben a quen precisa deses cartos. Tanto egoísmo e tanta leria.
En calquera caso, as mellores viaxes son as viaxes que non son un fin en si mesmo (esas das que o único que tiras é o feito de poder presumir delas). Por exemplo: un desprazamento que fas para asistir a un concerto ou a calquera espectáculo que non pasa pola túa cidade. Outro exemplo: unha viaxe que fas porque es coleccionistas de fotos sacadas ca túa propia cámara de fotos de edificacións que están torcidas. E viaxas a Pisa para facerlle unha instantánea á torre que teñen alí. Este último é unha merda de exemplo, pero non todo vai ser poñer exemplos caralludos. Os exemplos caralludos están sobrevalorados, igual que as viaxes en vacacións.