Marta Rodríguez Engroba
Nin contigo nin sen ti teñen meus males remedio, contigo porque me matas, sen ti porque eu morro
A cara menos entendida da violencia de xénero.
Diversos xornais recollían esta semana a noticia dunha muller de Vigo que, tras ser agredida e ameazada cunha navalla pola súa parella en plena rúa, cando a policía, despois de recibir a chamada dunha testemuña, acudiu ao lugar dos feitos e procederon a deter o agresor, esta, despois de increpalos para que o deixaran tranquilo, nun intento desesperado de evitar a detención, non dubidou en amosarlles os peitos e mesmo chegou a baixarse os pantalóns.
Os comentarios non se fixeron agardar.
Desde os que a tacharon de tola, ata os que sentenciaron que, en vista do seu comportamento, merecía o que lle fixera a súa parella, pasando polos que avogaban porque ela tamén fora detida porque "tanto ten el coma ela", ata, como non, os que aproveitaron a ocasión, faltaría máis!, para soltar iso de "despois din que as maltratan e poñen as denuncias falsas", agarrándose ao argumento tan frecuente de que, as mulleres que denunciamos, mentimos, e o que buscamos e arruinarlles a vida aos homes, e, como non!, quitarlles ata o último céntimo, malia que, non é por nada, moitos deles, ademais de maltratadores, son auténticos "chupópteros", por non dicir claramente chulos, que viven a expensas das súas vítimas.
Estos comentarios non foron, e isto si que é tremendo, patrimonio exclusivo de homes, nin moito menos.
Moitas mulleres se uniron tamén a eles porque non son poucas, por máis que se negue, as que teñen bastante afinidade con "Machilandia", iso ao que algunhas definen como "ser unha muller coma é debido".
O máis terrible de todo, é que semella que ninguén, nin homes nin mulleres, son quen de entender as tremendas dimensións que chega a acadar a dependencia psicolóxica que unha muller pode ter con respecto ao seu maltratador, que a leve mesmo a actuar como o fixo esta muller, e a incapacite por completo para tentar saír desa relación que a está matando e que, en moitos casos, acabará por facelo, nin tampouco do pánico tan atroz que senten ante as posteriores represalias contra elas que unha denuncia ou unha detención van facer que o agresor tome máis cedo ou máis tarde.
É moi complicado, eu diría que case imposible, para a inmensa maioría da xente, poñerse na pel destas mulleres.
Obviamente, a ninguén, sexa do sexo que sexa, que nunca se vise inmerso nunha relación deste tipo, e, se supón, psicoloxicamente sano, lle cabe na cabeza que unha muller maltratada poida saír en defensa de quen a está a machacar cada minuto da súa vida, facendo dela, e tal vez da dos seus fillos, un inferno.
É lóxico, e, ademais, a empatía se sente ou non.
É difícil que quen non a ten por natureza, chegue a desarrollala, e, como moito, se é prudente, calará e non emitirá xuizos que non lle corresponden.
O problema, o verdadeiramente grave, é cando esta incapacidade, esta falta absoluta de empatía, é exercida por profesionais encargados de asistir, asesorar, e mesmo protexer as vítimas de violencia de xénero, e iso, pese a quen pese, sucede, e con frecuencia, porque, por desgraza, e contravindo toda a lóxica, algo imprescindible nun tema de tal calado como é a violencia machista, non se ten en conta, como sería imprescindible, a hora de seleccionar ao persoal que se encargará de tarefas tan vitais, ou, no mellor dos casos, se considera un valor secundario.
Méritos policiais, títulos, formación, etc, etc, son o pasaporte para ocupar tales postos, e non digo que iso sexa malo ou superfluo, nin moito menos, pero, por si mesmos, non garanten en absoluto a humanidade e a sensibilidade de quen os posúe, e menos aínda se temos en conta que moitas das persoas que os ocupan, chegaron a eles por motivos que nada teñen que ver coa vocación ou coa implicación na loita contra a violencia de xénero, sen esquecer que, nalgúns destes eidos, o machismo é aínda a nota predominante.
Por poñer un exemplo, imos falar dos primeiros que reciben unha muller maltratada cando decide, tal vez despois dunha agresión, denunciar: A policía.
Non é estraño que a muller agredida, cando está a punto de declarar na comisaría, en ocasións despois dunha longa espera para ser atendida, e por mor do que dicía antes, dependencia psicolóxica, temor ás represalias, mesmo á soidade, dependencia económica, desculpe e defenda o home que acaba de agredila, chegando mesmo a autoinculparse.
Alguén cre que un policía que chegou a ese despacho tal vez por disfrutar dun mellor horario, por non estar na rúa, pero que o mesmo lle daría estar en calquera outro sitio se tivese idénticas vantaxes, porque a implicación no que atinxe á violencia de xénero é cero, pode entender que unha muller agredida poida reaccionar xa non digo dun xeito tan chamativo coma a da noticia a que aludía ao comezo, por moitos méritos policiais ou coñecementos teóricos que teña ou por máis cursos que faga?
Alguén se preocupa de valorar como pensa, como sente, ou que grao de empatía é quen de amosar?
Quen dixo que un xuiz, un psicólogo, un traballador social, etc, etc, polo feito de selo, traen a sensibilidade, a capacidade de poñerse na pel da outra persoa, "de serie"?
Ou tal vez é algo que se adquire no mesmo momento no que lles é entregado o título ou que se gaña a golpe de máster ou de curso? Evidentemente, non.
Acaso non existen policías, xuices, avogados, etc etc, machistas ou mesmo que maltratan?
E vou ir un pouco máis alá, malia que xa sei que dicir isto non xenera simpatías: Non me estou a referir soamente a profesionais do sexo masculino.
Non é a primeira vez que unha muller, pertencente a algún destes eidos profesionais se atopa na tesitura de ter que asistir ou asesorar unha vítima e o fai dun xeito que podería cualificarse de calquera cousa agás de sensible, e menos aínda agarimoso, sen ter en conta en absoluto o seu precario estado emocional e, en ocasións, por desgraza, mesmo físico.
Evidentemente, que estes profesionais non sexan quen de entender o por que das razóns que levan a moitas vítimas de violencia de xénero a negar as agresións, a defender a quen llas causou, e mesmo, se chegaron a denunciar, a tentar retirar a denuncia cando isto aínda era posible ou a acollerse ao dereito a non declarar contra a súa parella antes de que esta dispensa fora anulada hai dous meses, ten como consecuencia que, cando algo así sucede, non sexan entendidas e porén non se lles preste a protección que precisarian.
Máis difícil é ainda pretender que o resto da sociedade, alleos a esta problemática, o fagan.
O resumo de todo isto?
Sinxelo.
É URXENTE E VITAL revisar os criterios de selección do persoal destinado a asistencia e protección das vítimas de violencia de xénero e traballar arreo para concienciar a sociedade de que estas mulleres nin están tolas, nin merecen que as maltraten, nin, por suposto, son como o que o fai.
Por desgraza para moitas delas, como dicía unha vella canción "Nin contigo nin sin ti teñen meus males remedio. Contigo porque me matas, sin ti porque eu morro".
Asociación Si, hai saída