Manuel Pérez Lourido
Miroume mal
Nestes tempos da COVID, onde os ollos son practicamente o único que vemos da faciana das persoas, é moi importante ter claro que significan as olladas e talvez sexa boa idea comezar por comprender que é iso de "mirar mal".
Todos, algunha vez na vida, experimentamos a noxenta sensación de que alguén está ollándonos sen ningún tipo de simpatía, e ata con antipatía. Non fai falta que nos diga nada, non ten que verbalizar o seu desgusto coa nosa existencia: xa o di todo cos ollos. Os ollos desa persoa son como aquel libro gordo de Petete e en todas as súas páxinas está escrito que non lle gustamos nin un anaco.
Ás veces o asunto está xustificado, ollo. É como na letra de "Rock & roll star" de Loquillo, na que o cantante e despois Alaska (sen Pegamoides nin Dinarama) cantaban que os proxenitores dos seus ligues os miraban mal: normal, nos oitenta calquera pai ou nai miraría mal a Loquillo e a Alaska se lle fixesen as beiras aos seus fillos/as. Non facelo sería non quererlle aos fillos.
Existen tamén malas interpretacións: aquel tipo que se acercou a outro nun local de copas, farto de que o fitara de malos modos, para ofrecerlle comungar alí mesmo, en vivo e en directo, e resulta que o que pasaba era que o candidato a recibir as ostias tiña un ollo birollo.
O gremio do profesorado sabe moitísimo deste tema: sonche expertos en mirar mal cando teñen que facelo. Eu tiven profesores que controlaban a clase coa mirada, tíñana máis afiada ca un coitelo e, cando detectaban que andabas a argallar algo que non debías, zas, cravábanche o coitelo sen misericordia. Un instrumento fundamental para os profesores son os lentes: unha ollada por riba deles ten un poder disuasorio de varios megahercios (un supoñer).
Tamén se considera "mirar mal" cando a ollada está fixada no ollar do outro, como cando se colga windows. Porén, en certos contextos e momentos, esta ollada tamén pode ser interpretada como sinal de atracción e de feito emprégase moito no ligoteo en lugares aos que vai a xente a ligar. Ao que ía.
Se o que se quere é amosar desprezo, hai que fitar ao paisano/a de enriba a abaixo como se fose un becho raro. Esta mirada, que te percorre verticalmente é o exemplo máis acaído de "mirar mal". Desa forma de ollar non adoita saír nada bo. E senón, fagan a proba: vaian a un bareto calquera e póñanse a ollar así á xente que atopen. E leven o móbil enriba para chamar despois ao 112. Fitar a alguén dese xeito é un sinal ou unha escusa para pelexar. Se cho fan, o máis aconsellable e ollar cara outro lado, sobre todo se as dimensións do compadre superan as propias. Investigadores británicos chegaron á conclusión de que o rango temporal no que podemos mirar ao ollos a outra persoa sen que se sinta incomodada ou ameazada está entre os 2,6 e os 4 segundos. E que o tempo perfecto serían 3´3 segundos. Aí queda.
Para rematar, unha frase de Jean Paul Sartre que amosa a tremenda importancia das olladas. Dicía o filósofo francés que a mirada do outro/a é o que nos da a nós o ser e, ao mesmo tempo, nolo quita.
É unha frase para darlle moitas voltas, eu aínda o estou facendo.