Manuel Campos
Covid-19 e Atención Primaria en Cuntis
Imos camiño xa dos 8 meses desde que a pandemia da covid-19 irrompeu nas nosas vidas. E non hai máis que un ano e medio que en Cuntis nos manifestabamos para esixir unha sanidade pública digna.
O coronavirus supón un reto para os sistemas sanitarios e para a sociedade no seu conxunto, pero é a Atención Primaria a que ostenta un papel máis complexo neste escenario, pois ten a función de cribar casos da covid-19 e, ao mesmo tempo, vese na obriga de seguir atendendo da mellor maneira ao resto de pacientes.
Lamentablemente, a pesar da pandemia, a Atención Primaria segue estando en Cuntis nunha situación moi mellorable.
A Xunta de Galicia está cargando sobre os nosos centros de saúde o seguimento da covid-19 pero, pola contra, non está reforzando o sistema e isto está facendo mella na calidade da asistencia.
O exemplo máis claro desta situación témolo no noso propio Concello. O venres pasado os dous facultativos do noso centro de saúde atenderon a nada máis e nada menos que a 110 persoas. É un número esaxerado que fai imposible que os médicos poidan pararse todo o que quixeran con cada paciente.
Ademais, a Xunta estableceu un sistemas de citas médicas telefónicas que lonxe de supoñer unha mellora está provocando esperas de ata 10 días e que os cidadáns -considerando que teñen unha afección que debe ser valorada de forma presencial- acudan ao Centro de Saúde sen cita previa para ser atendidos, colapsando aínda máis aos médicos de familia.
Debemos ser responsables nesta situación.
En Cuntis temos un escenario favorable de contaxios en gran parte porque os nosos profesionais sanitarios están realizando un sobreesforzo atendendo cada caso de maneira particular e tratando de detectar positivos por coronavirus de maneira temperá para evitar unha posterior cadea de transmisión.
É o bo facer dos traballadores sanitarios o que dignifica a Atención Primaria porque a Consellería de Sanidade non está aportando nin o apoio nin os medios que a situación epidemiolóxica precisa.
Os Concellos tamén estamos realizando un esforzo inxente para facer fronte a esta pandemia. Son moi importantes os medios económicos e humanos necesarios para atender as necesidades da cidadanía e do tecido económico durante a crise do coronavirus.
Desde o Concello de Cuntis puxemos en marcha numerosas accións de apoio ao comercio e de reactivación dos nosos principais sectores económicos que o están pasando moi mal debido ao parón provocado pola enfermidade.
Incomprensiblemente, a Xunta tampouco está á altura nesta cuestión e esquécese das administracións locais que somos, por outro lado, as que mantemos o contacto máis directo coa nosa veciñanza.
A pesar de ter as as competencias en sanidade, polo momento non aportou ningún recurso a maiores e o único apoio que recibimos por parte doutras administracións veu da Deputación e do Goberno Central.
En definitiva, o esforzo dos nosos sanitarios e a efectividade dos medios municipais para conter o coronavirus só terá efecto se se ve respaldada pola responsabilidade colectiva da cidadanía.
Soa insistente, pero se queremos que Cuntis manteña uns números positivos debemos seguir mantendo todas as medidas de prevención e seguridade.
Lembra: garda as distancias, reforza a túa hixiene persoal e o lavado de mans, evita reunións e aglomeracións innecesarias e usa sempre a mascarilla. Disto saímos xuntos!
Manuel Campos, Alcalde de Cuntis