José Freire
Catástrofe
Atopábame, na tardiña do pasado 24 de xullo, sentado na cadeira de brazos no salón do meu fogar pontevedrés, disposto, como tódolos anos, a presenciar pola televisión o espectáculo de luz, son e fogos da véspera do día grande de Galicia que se ía celebrar na fermosa Praza do Obradoiro. Preparábame a vivir un deses momentos en que se ían mesturar a beleza das imaxes e da música, coa lembranza da miña xuventude en Compostela e, sobre todo, dos meus país. ÿ un deses poucos días do ano en que algunha bágoa ten posibilidades de deslizarse polas miñas meixelas.
E todo aquilo que estaba chamado a ser un día de festa e de exaltación de Galicia e as súas xentes, trocouse nun mal sono de cuxo pesadelo tardaremos tempo en espertar.
Das imaxes da Praza do Obradoiro xa ateigada de xente, pasamos as de aquel tren descarrilado en Angrois, tamén con xente, pero non coa aptitude de pasar un rato agradable, senón de tratar de salvar ao maior número dos viaxeiros. Alí estaban tódolos servizos de emerxencias (policías locais, bombeiros, protección civil, ambulancias, sanitarios, gardas civís) e os propios veciños do lugar.
Pero valorando moi positivamente o traballo desenvolvido por todos, permítame estimado lector que faga unha especial mención ao que me toca máis de preto: aos meus compañeiros do Corpo Nacional de Policía.
A nosa é unha fermosa profesión, pero as veces incomprendida. Aínda que hai cidadás que si a comprenden, outros non, ou incluso a odian. Máis, tanto a uns coma aos outros, cando nos necesitan, respondemos dando o mellor de nos, incluso coa propia vida como sucedeu non fai moito na praia coruñesa do Orzán.
E deron o mellor deles respondendo, de xeito inmediato, traballando en primeira liña, cos únicos recursos do seu esforzo e a vontade por recuperar a maior cantidade de vítimas. Foi un traballo incuestionable, de gran profesionalidade, nun marco difícil, cunha gran capacidade de reacción e ordenación dos traballos (non hai que esquecer que había un dispositivo co gallo das festas do Apóstolo), sen importar os riscos e sobrepoñéndose a un tráxico escenario.
Por iso, namentres observaba aquelas imaxes tristes e dramáticas, emerxía en min un sentimento de agradecemento a estes compañeiros por facerme sentir orgulloso de ser policía e servir a esta sociedade.
Sociedade representada naqueles intres, e de que xeito, polos veciños de Angrois. Homes, mulleres, maiores e xoves, todos a unha, deron unha fermosa mostra de solidariedade, entrega e sacrificio, virtudes tan necesarias na sociedade actual. Os profesionais que participaron nos traballos de rescate saben ben que non houbera sido igual sen a súa colaboración, sobre todo nos primeiros momentos. Estes cidadás se que representan a marca España.
O vindeiro ano, cando me sente de novo perante o televisor para vela Praza do Obradoiro, xa non será o mesmo. Alí faltarán fisicamente 79 persoas, pero a bo seguro que estarán presentes en cada un dos nosos fogares.
No meu, sen dúbida algunha. E será máis que probable que asome algunha bágoa.
9.08.2013