Calros Solla
Os sucesos de Nueva Puebla: A matanza dos cinco Ventín (I)
O 15 de setembro de 1936, Perfecto Ventín Barreiro e mais os seus sobriños Ramiro Lois Ventín e Manuel, Erundino e Olegario Ventín Rivas son detidos en Cerdedo pola Garda Civil. Reclamados polo gobernador civil de Zamora, a teor da causa 513/1936, foron conducidos á prisión provincial. Os cinco Ventín non regresarían a Galiza nin vivos nin mortos.
Perfecto Ventín Barreiro (53 anos), natural de Tres Aldeas (Quireza-Cerdedo) era irmán de Vítor Ventín Barreiro. Vítor Ventín Barreiro casara nas Quintas (Codeseda-A Estrada) con María Xosefa Rivas Touriño. Vítor e María Xosefa foron pais de Manuel (29 anos, faría 30 en novembro do 36), Perfecto Erundino (28 anos, faría 29 en novembro do 36) e Olegario Ventín Rivas (23 anos, faría 24 en decembro do 36), todos tres, sobriños de Perfecto Ventín Barreiro. Así mesmo, Perfecto Ventín Barreiro era irmán de Severina Ventín Barreiro, casada en Piñeiro (Quireza-Cerdedo) con Xosé Lois, que trouxeron ao mundo a Ramiro Lois Ventín (21 anos), tamén sobriño de Perfecto Ventín Barreiro.
O tío Perfecto, de profesión canteiro, formou cuadrilla cos seus catro sobriños aprendices, e na compaña do Chusco (o can de Olegario), despois de choiar pola comarca, partiron cara a Puebla de Sanabria (Zamora), empregándose nas obras do camiño de ferro Zamora-Ourense. Os cinco Ventín aveciñáronse no lugar do Campamento de Nueva Puebla, compartindo vivenda e destino. Orgullosos da súa condición social, os Ventín militaban no PSOE, afiliándose ao sindicato da UXT para mellor defender os dereitos da súa clase e os intereses dos carrilanos.
Os cinco Ventín enfrascáronse na construción do túnel do Padornelo (o chamado “Túnel 12”, de case 6 km de lonxitude), unha obra faraónica na que se investiron uns 25 anos de traballo (comezou a furarse en 1929 e inaugurouse en 1957) e o esforzo de máis de 4.000 obreiros (entres eles, presos republicanos, os escravos do franquismo). Os Ventín das Quintas bromeaban coa súa nai Xosefa: “Empezamos unha obra que, cando a acabemos, xa estaremos xubilados”.
Moitos destes operarios faleceron prematuramente, por mor da silicose (“o mal da vía”) e dos accidentes laborais. Do imprescindíbel documental Carrilanos, os túneles dun tempo (Rafael Cid, 2003) reproducimos a voz dun dos seus protagonistas: “Aquelo era unha esclavitú que hoxe non habería quen a puidera aturar; ningún ser humano”.
Túnel 12, Túnel 12,
túnel de la boca negra;
la perdición de los hombres,
de la juventud gallega.
A empresa construtora do camiño de ferro Ourense-Vigo era a MZOV (Compañía del Ferrocarril de Medina del Campo a Zamora y de Orense a Vigo). A empresa MZOV (a actual Acciona, SA) fixérase coa adxudicación das obras en 1926, encargándose así mesmo da construción do poboado de Nueva Puebla (ou de Santa Bárbara) en 1932.
Unha das empresas subcontratadas pola MZOV era a dos Cachafeiro de Cerdedo. Asociado con Ramón Cachafeiro Varela (Xenio de foghete), o tamén cerdedés Francisco González Caramés Majito beneficiouse da concesión dos comedores para os operarios. Segundo a causa 1.306/36, que condenou a morte a Francisco Varela Garrido (secretario do concello de Cerdedo e activista republicano), Ramón Cachafeiro Cabano e o seu fillo Ramón Cachafeiro Varela, homes fortes da dereita cerdedesa, entregaron a Pancho Varela (cuñado e tío dos devanditos) aos carniceiros fascistas.
Túnel 12, Túnel 12,
túnel de mucha largura;
que a más de 4.000 hombres
tú le has dado sepultura.
O poboado do Campamento de Nueva Puebla, tamén coñecido por Campamento de Santa Bárbara, situábase no concello de Requejo de Sanabria (Zamora) e, superando en prestacións á capital do municipio, contaba con escola, enfermaría, fonda, economato, posto da Garda Civil, igrexa e subministración eléctrica. O poboado de Nueva Puebla situábase a 1 km da boca sur do túnel. Os últimos vestixios do poboado abandonado desapareceron en 2018 por mor das obras do AVE.
No Campamento de Nueva Puebla (ou de Santa Bárbara) chegaron a residir unhas 1.500 persoas, vinculadas coa construción do camiño de ferro.
Conforme a causa 513/1936, os cinco Ventín foron acusados de participar, canda centos de obreiros (os mal chamados “rebeldes de Requejo”), na defensa da democracia e da legalidade constitucional e contra as forzas represoras que apoiaron o golpe de Estado fascista do 18 de xullo de 1936. Cando a resistencia republicana foi dobregada (polos verdadeiros “rebeldes”), os cinco Ventín abandonaron Nueva Puebla e emprenderon o camiño de retorno ao fogar.
A causa 513/1936, iniciada con carácter sumarísimo o 25 de agosto de 1936 contra os Ventín e outros 59 procesados, era consecuencia do acontecido o día 21 de xullo “en Puebla de Sanabria, en la zona del ferrocarril en construcción Zamora a La Coruña, grandes núcleos de obreros armados y capitaneados por un alférez y un sargento de Carabineros asaltaron el cuartel de la Guardia Civil de Campamento”. No ataque resultaron mortos e feridos moitos obreiros e feridos dous gardas civís.
Case dous meses despois de iniciada a rebelión fascista, a orde de detención chegou a Quireza. O tío Perfecto aconsellou os seus sobriños que non se entregasen, que o deixasen ir a el só, que el falaría por todos. Os seus sobriños negáronse de xeito tallante (as súas mans non estaban manchadas de sangue) e, xuntos, foron conducidos pola Garda Civil á prisión provincial de Zamora (a máis de 320 km de distancia), onde ingresaron o día 16.
A súa detención fora requirida polo gobernador civil de Zamora, o tenente coronel de Infantaría Raimundo Hernández Comes, nun escrito datado o 28 de agosto dese mesmo ano. Xa en prisión, os Ventín ficaron a disposición do xuíz instrutor, o comandante de Infantaría José de Mora y Requejo.
Procedérase á detención dos Ventín vinte días despois das declaracións realizadas por Manuel Lorenzo Campos, de 31 anos, canteiro, natural de Beariz (Ourense), empregado nas obras do ferrocarril Zamora-Ourense, afiliado á CNT e detido no cárcere de Zamora.
O 26 de agosto, na Comisaría de Investigación y Vigilancia de Zamora, Manuel Lorenzo Campos exculpouse e acusou de integrar e dirixir “la columna roja”, entre outros, a un tal Galera [Juan Galera Galera], presidente da Casa do Pobo de Lubián; a Francisco Martín [Francisco Martínez Fernández], presidente da Casa do Pobo do Padornelo; a Felipe Luciano [Luciano Felipe Martín (ou Martínez)], presidente da Casa do Pobo de Requejo; a Ricardo [Ricardo López Fabián], alférez de Carabineiros; a Pichel [Andrés López Pichel], sarxento de Carabineiros; e a Perfecto Ventín, capataz da canteira. Así mesmo, acusou de integrar a devandita “columna”, entre outros, aos irmáns Manuel, Olegario e Erundino Ventín Rivas, do lugar das Quintas (Codeseda). Manuel Lorenzo Campos declarou tamén que: “Estos individuos obligaban a todo el que encontraban a su paso a subirse en los camiones que la citada columna y se ...naran al campamento de Nueva Puebla para continuar a Puebla de Sanabria y apoderarse de ella para implantar el comunismo. Que la citada columna estaba compuesta de siete u ocho camiones, llevando cada uno de ellos unos cincuenta individuos, todos armados con escopetas y pistolas, llevando solamente fusiles los carabineros que los acompañaban ... La columna partió de Villavieja [A Vilavella, A Mezquita-Ourense], proveyéndose de bombas en casa de un tal Piro, donde ... fabricado con dinamita que habían sustraído del ... de las obras del ferrocarril, que éstas las lle... cajones y cada camión llevaba cuatro de ellos; una vez llegados al Campamento, bombardearon el cuartel de la Guardia Civil, hiriendo a un Guardia Civil ... que el que hirió al guardia fue un tal Manuel Villaverde, que reside en Acibeiros [Aciveiro, Forcarei-Pontevedra], ayuntamiento ... (Pontevedra)...”.
Nas declaracións efectuadas o 27 de agosto perante o xuíz instrutor, Manuel Lorenzo Campos reafirmouse e volveu citar, entre os obreiros que ían nos camións a: “Perfecto Ventín, también capataz, que iba con sus tres sobrinos Manuel, Arentino y Olegario, que supone están en su pueblo, Quireza, de Pontevedra, ayuntamiento de Cerdedo; también iba otro sobrino del citado capataz, llamado Ramiro Eloy. Todos estos obligaban a cuantos encontraban por el camino a subir a los camiones, diciendo iban a Puebla a implantar el comunismo...”.
Oídas as súas pormenorizadas declaracións, o xuíz instrutor considerou a Manuel Lorenzo Campos participante nos sucesos de Nueva Puebla e procesouno por rebelión militar. Ao día seguinte, Manuel Lorenzo Campos volveu declarar perante o xuíz, querendo facer constar que “ante la policía manifestó que el obrero que había disparado y herido a uno de los guardias civiles se llamaba Manuel Villaverde, pero que hace constar que no fue este obrero a quien vio en Campamento con armas, pero que no puede asegurar fuera el que hirió al guardia civil; sólo sabe que fue un cantero que cree sigue trabajando, y cuyo nombre ignora”.
Transcrita a declaración de Manuel Lorenzo Campos, o xuíz instrutor engadiu: “En Zamora, a veintiocho de agosto de mil novecientos treinta y seis, S. S. acuerda por la presente pasar oficio al gobernador civil de la provincia, para que sean detenidos y puestos a disposición de este Juzgado cuantos cita como complicados en los hechos Manuel Lorenzo en su primera declaración y no están ya detenidos”.
Continuará...
- Boca do túnel do Padornelo, na actualidade.
- Campamento de Nueva Puebla (Requejo de Sanabria).
- Cuadrilla de carrilanos traballando no túnel do Padornelo