Manuel Pérez Lourido
Co inverno enriba
Agosto devala cara o inverno que, como é vox populi, preséntase en canto remata a Peregrina. O sol de Agosto é unha metáfora do propio outono, que en Galicia saltamos porque en Setembro chega o verán, arrebatadoramente nidio. Os galegos sentimos arrepíos cando nos falan diso do cambio climatolóxico, porque vivimos nunha terra máxica onde o tempo xa cambiou hai tempo.
Mentres a xuventude debece por chuzarse ata as orellas en celebracións taurinas propias do paleolítico (disque xa había touros entón) e turra en ambientar as rúas con Eau de Ouriños, no ar xa comeza a sentirse unha saudade espantosa, unha tristura morna de fin de case todo. Foi para combatela que se inventou iso da Feira Franca, que igual daría a festa do Chourizo con Patacas ou a Revolta Irmandiña Reload, o caso era fuxir cara adiante.
Botarse á rúa vestidos coma parvos, coma parvos medievais, é algo que os pontevedreses sempre quixemos facer e do que tardamos moito en decatarnos. Comer sen vergoña nin fame, porque é imposible comer e cear tanto en tan pouco tempo, beber a eito e pasear, sobre todo pasear a zona vella arriba e abaixo, abaixo e arriba, milleiros de Sísifos ledos coma paxaros (coma paxaros ledos) encantados de facer o ridículo de forma colectiva, en irmandade festiva e lixeira.
A festa é un xeito de suspensión de hostilidades coa rutina e ten unha función social e afectiva moi clara, pero da unha preguiza do demo poñerse a falar diso agora. En calqueira caso: os espetos da praza de Mugartegui, os postos variopintos da Ferrería, os dragóns que botan lume e fume, as xustas da praza de touros, son espectáculos que forman parte xa da tradición festeira desta vila que non cansa de festexar.
Trátase tamén de ir collendo folgos para un invernía máis que agarda co espeto dos carneiros ao espeto agochado, chámese crise goes on, novenas a Nosa Señora dos Sobres ou Este ano Si que Si (III parte). Este capítulo protagonizado polo noso Pontevedriña, que unha dor de cabeza futboleira e endémica que temos pola capital e que máis que festa, semella unha verbena.
14.08.2013