Tribuna Viva
A Xunta de Persoal Docente demanda unha reunión coa Xefatura Territorial de Educación
A Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra, coa escusa de problemas de axenda e alegando a situación sanitaria actual, a cal terá incidido na carga de traballo e nun funcionamento por quendas do persoal da Delegación, pospón de novo a reunión convocada pola Xunta de Persoal Docente, que é o órgano de representación institucional do profesorado dos centros públicos desta provincia.
Desde o inicio da pandemia as reunións tiveron lugar coas pertinentes medidas de seguridade, aínda que con menor periodicidade da habitual. De feito, os sindicatos que conformamos a Xunta de Persoal Docente emitimos unha resolución pola falta de reunións en xullo e setembro. As dúas reunións do primeiro trimestre do curso tiveron lugar en decembro: unha para a preceptiva negociación das vacantes do concurso xeral de traslados, outra sobre diversos asuntos que afectan o profesorado e o resto da comunidade educativa.
Esta negativa da Xefatura Territorial a reunirse neste momento vén precedida, precisamente, polo informe emitido pola Inspección de Traballo, no que se fan constar múltiples deficiencias e irregularidades da Consellaría de Educación no tratamento da pandemia.
Esta Xunta de Persoal Docente salienta a consideración da educación como actividade esencial e o feito de o profesorado estar a traballar a máis do 100%, con gardas suplementarias, con docencia a través de diversas combinacións de ensino telemático e presencial —o que supón un exponencial aumento da carga de traballo de preparación e corrección—, así como con elevados niveis de exposición nun entorno de traballo de moita concentración e interacción de persoas. A todo isto debemos aínda sumar a responsabilidade permanente de controlar e aplicar as medidas sanitarias, a percepción incompleta dos salarios e a obvia e inherente necesidade do diálogo institucional para tratar estes e outros asuntos.
Santiago Rodríguez Sánchez
Presidencia da Xunta de Persoal Docente