Tribuna Viva
A AAVV San Andrés de Estribela denuncia o mal estado da estrada PO-12/N-558
Durante os últimos anos, o estado da estrada PO-12/N-558 ao seu paso polo lugar de Estribela é bastante deplorábel: as beirarrúas teñen as lousas levantadas e rachadas, o firme está deteriorado, con gretas e furados e a vexetación invade de xeito incontrolábel o espazo público.
Esta situación xera un gran malestar na veciñanza, así como tamén representa un perigo inherente para todos os veciños e as veciñas que a diario percorren estas rúas varias veces no mesmo día para poder levar a cabo as súas tarefas cotiás. Cómpre ter en conta que unha meirande parte desta veciñanza pertence á terceira idade, os cales xa sofren unha certa dificultade de seu para acometer tarefas diarias, polo que realizar actividades tan sinxelas como facer a compra ou simplemente pasear, tórnanse nunha odisea. Polo tanto, a probabilidade de sufrir unha caída ou accidente vese incrementado notabelmente.
O estado tan agraviado que sofre Estribela, non se limita unicamente ás beirarrúas, asemade a calzada precisa unha actuación de urxencia para paliar as súas desmelloras. A presenza de fochancas e a frecuente circulación de peóns pola estrada debida as deficiencias nas beirarrúas xera situacións de gran perigo para a circulación do tráfico rodado, afectando á veciñanza da zona.
Non podemos esquecernos dun factor externo agravante desta situación coma é a presencia da COVID19 na nosa sociedade. O estado das beirarrúas non permite manter as recomendacións de seguridade das autoridades sanitarias, xa que polo mal estado do firme xunto coa invasión da maleza, resulta unha tarefa case imposíbel manter as distancias mínimas de seguridade entre os que a percorren.
Dende a AAVV San Andrés de Estribela esiximos as administracións competentes que poñan unha solución eficaz e inmediata a este problema que a veciñanza de Estribela vén denunciando constantemente ante a lamentable situación desta rúa. Esiximos, polo tanto, que a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra cheguen a un acordo de actuación urxente reparando as desmelloras existentes nesta zona.
A XUNTA DIRECTIVA DA AAVV SAN ANDRÉS DE ESTRIBELA