Tribuna Viva
Carta aberta a Ence e á Xunta de Galicia: SOS Lourizán!
En resposta ás declaracións de Ignacio Colmenares, presidente de Ence, desde a Asociación Veciñal Estriceres de Lourizán temos a obriga moral de esixirlle aos responsables da empresa que inicien mañán mesmo o desmantelamento da factoría posto que non poden garantir a seguridade, xa non da veciñanza de Lourizán, senón das máis de 120.000 persoas que habitan os concellos do entorno inmediato, isto é, Pontevedra, Marín e Poio.
Se algo hai de verdade do compromiso social que Ence leva anos a vendernos nas súas millonarias campañas propagandísticas a través dos medios de comunicación, debería facelo por iniciativa propia, unha vez que o seu presidente confesa que temos unha bomba de reloxería metida no fondo da ría. Pero de non ser así, de confirmarse que o compromiso non existe e soamente era pura propaganda, esiximos que sexan os poderes políticos e xudiciais responsables os que mañán mesmo deteñan a actividade industrial da fatoría ata que quede garantida a seguridade da cidadanía.
Por outro lado, aproveitamos a ocasión para esixirlle á Xunta de Galicia a mellora integral da estrada vella de Pontevedra a Marín (PO-546), xa que o seu estado actual é lamentable, como levamos meses a denunciar. A estrada vella, cuxa titularidade é da Xunta e na que levan nada menos que 40 anos sen invertir un peso, semella unha estrada tercermundista. Presenta tramos en estado ruinoso, que son un perigo para os peóns, tramos sen beirarrúas, e os ciclistas son obrigados a facer o traxecto compartido a vía con centos de camións que entran e saen diariamente de Ence, co perigo que isto supón para os usuarios da bici. Por iso esixemoslle á Xunta unha reforma integral desta estrada, con beirarruas en ambos sentidos para os peóns e un carril bici para os ciclistas.
Cabe recordar que os responsables políticos da Xunta levan anos insistindo na idea da riqueza que supón Ence para a sociedade galega. Por iso queremos preguntarlles publicamente para onde vai esa riqueza, porque o certo é que en Lourizán non chega nin un euro. Se o que di a Xunta fora certo, Lourizán sería o epicentro desa riqueza, pero calquera que pase por aquí pode comprobar que somos a zona cero da degradación urbana e do abandono e o desleixo.