Pedro J. Peón Estévez
Éche o que hai!
Alá por 1946, o crego Martín Niemöller dixo:
"Primeiro vinheron polos socialistas pero eu non dixen nada, porque eu non era socialista.
Despois vinheron polos xudeos pero eu calei porque eu non era xudeo.
Logo vinheron a polos sindicalistase e achantei porque eu non era sindicalista.
Máis tarde vinheron a polos comunistas e eu calei porque eu non era comunista.
Despois vinheron a polos ziganos, católicos, negros, enfermos, pobres...e eu
calei, pois non era nada diso.
Agora venhen a por min pero xa non queda ninguén que me acuda............"
Suponho que conhecen este texto. Refírese ao povo alemán pero pode ser calquera outro. Hai quen o atribúe a Bertolt Brech. Existe unha versión máis moderna. Esta é dun celulófilo de pro que prefire ficar no anonimato, e di así:
"Primeiro claudicou A metalúrxica Rías Baixas pero nós nada fixemos porque non éramos metalúrxivos.
Despois pechou Afar, pero nós calamos o peteiro porque non eramos ferralleiros.
Tamén pechou Raimundo Vázquez (a empresa que nos construiu a fábrica) pero nós miramos para outro lado porque non eramos constructores.
Pechou José Malvar (a empresa que nos construiu a "autovía?" a Marín) e con ela Odein, Manosa, Horpasa, Horaglosa, Horpasa canteiras...pero nós pasamos moito pois non eramos constructores.
Claudicou Tafisa e ficamos caladinhos pois non eramos fabricantes de taboleiros.
Pechou Elnosa e fixemos o morto pois nós non eramos químicos.
Pecha Alcoa pero iso queda lonxe. Polo tanto, nós coma aquel que oe chover. Ademais nós non fabricamos aluminio.
Ai ! Pero agora venhen a por nós e xa non queda ninguén que nos defenda !"
Reproduzo parte dun telegrama que os obreiros de Raymundo Vázquez enviaron daquela ao Rei, moito antes de ter liscado a Abu Dabi:
" Maxestade; 315 trabalhadores da empresa galega Raymundo Vázquez e familias sofren violencia física e moral por parte de empresarios e governos. Único delicto cometido; defender o noso posto de trabalho..."
..." Todos nos enganaron: Xunta de Galicia, Governo Central...levamos 10 MESES SEN COBRAR!!
Que falta lhes facía un "plan social" deses. Pero daquela non existían (e agora tampouco)
Xa van alá 40 anos pero o tempo, que todo cura, fíxonos esquecer ese drama e aquí non pasou nada, pois alá fican os que o sofriron; no panteón dos esquecidos ante a indiferencia dos que só se lembran do sindicalismo cando lhe ventan o cu á coruxa, dos que en sesenta e dous anos non pararon ni un minuto. E aínda reclaman solidariedade!
E velaí vai a banda do Pedrosa, os doce do patíbulo, berrando, ameazando, insultando, saltándose normas, límites e corentenas, parando o tráfico aló onde van en accións sen autorizar e ninguén lhes atusa. Por ben menos nos tenhen mazado na praza dos Praceres cando nos impuxeron aquel tren de calamidades. Daquela, Marianinho o nongrato, ministro do Interior, tennos metido boas cargas día si, día tamén. Proporcionadas, faltaría máis. Pero mentres mande o carto e os ilustres Caducados, éche o que hai. Ademais hai que ter en conta que Pedrosa sen celulosa, non ten onde caerse o home. Sexamos considerados. Éche o que hai.