Juan José Esperón
Oficios dos veciños: Leiteira
LEITEIRA : Persoa que se dedica a vender leite (RAG).
Seguramente moitos dos máis novos que lean este artigo non viviron aqueles anos onde en moitas das parroquias da nosa cidade habían unhas señoras que tiñan un oficio que hai anos desapareceu, coma algúns outros que fun contando anteriormente.
Refírome ás leiteiras e con iso quero facer a miña pequena homenaxe a todas aquelas que pertencen á nosa parroquia, en especial a Angelita Sabaris, Adelina a Jaxa, Rosa a de Angelita, Lola a de Quitian, Fina a Cucaracha, Pijocha, Finiña a do Castaño, e como non, a Regina a do Perillón, que viña desde Reiriz, recollendo tamén o leite de muitas casas da parroquia.
Tamén había veciñas que de cando en vez, cando tiñan sobrantes, achegábanse a Pontevedra a vender de todo un pouco do qué sembraban nas súas leiras, ou uns ovos, algunha fruta…e tamén leite. Na miña familia a miña tía avoa Sabina, aproveitaba os dias de feira ou tamén os días que había a venda de sementes na Praza do Teucro, ela, xunto a súa irmá, a miña avoa Ramona, iban cargadas na cabeza coas súas cousas, andando desde o lugar de Pidre ata Pontevedra. O pasar a Ponte do Burgo ían pola Rúa Real arriba é Sabina sentábase na Fonte dos Tornos, alí ofrecía os seus produtos, mentras que Ramona iba a Praza da Leña.
Pasei uns dias preguntando os veciños por saber que leiteiras recordaban, e foron decindome algunhas, entre elas a máis antiga das leiteiras, foi a bisavoa de Tino Gallego.
Estas mulleres tiveron un traballo moi sacrificado , primeiro porque tiñan que madrugar moitísimo, antes de chegar á capital para vender o leite tiñan que recollela casa por casa, ou ben esperar en un lugar determinado as mulleres que viñan de máis lexos, coma por exemplo aquelas mulleres dos lugares de Meán que levaban a súa leite ata Pidre, alí a señora Aurelia daballe abrigo na súa casa ata que chegase Rosa a recoller o leite, así todos os días, pensade que ademáis tiñan as labores da súa casa, os fillos, deixar a comida preparada, cuidar dos seus pais…
Naqueles anos da miña xuventude recordo que todolos veciños tiñamos unha ou dúas vacas en cada casa, había leite dabondo, eran muitos litros o que daba unha boa vaca cada día, polo tanto vendíase a leite sobrante as leiteiras, as cales xa dispoñían dunha rede de clientes fixos na cidade onde lle levaban todolos días o seu produto, a veces tamén aproveitaban e levaban algunha verdura, ovos, patacas…
Cada familia pontevedresa tiña a súa propia leiteira, baixaban de Tomeza, de Lérez, de Xeve, de Cerponzons…..estas mulleres acudían a cidade ao principio con varias latas, primeiro na cabeza e máis tarde cun carriño de dúas rodas casa por casa, vendendo o leite das nosas vacas, algunha facíao en bicicleta, coma Fina a Cucaracha.
Eu aínda teño en mente aquelas mulleres leiteiras que todas as mañás pasaban por diante da miña casa, parábanse no noso portal, recollían o leite nunha canada e iba botando nas latas do leite, é co seu carriño alá íanse a capital, que magoa me daba ollar como tiñan que ir empurrando a costa de Pidre aqueles dias de inverno, chovendo e ventando, o seu horario era sempre o mesmo, sabían que tiñan que entregar o leite aos seus respectivos clientes naquela hora acordada, é asi era, todolos días os clientes de cada unha delas recibían a chamada da súa leiteira á porta da súa casa, sempre á mesma hora. O leite que vendían pola rua o cobraban no mesmo intre, pero naquelas casas que xa eran clientes fixos, adoitaban a pagar por semáns, mismo as leiteiras preferían así porque o diñeiro seica lles rendía máis.
Algúns daqueles clientes comentábanme que sendo eles uns nenos lembraban á señora leiteira coma se fose hoxe, dicíame fai un tempo un coñocido que todolos días cando soaba o timbre xa sabían que era a leiteira, tiña algo especial ao pulsalo que xa ao momento a súa nai advertía que fosen abrir a porta que xa chegara a leiteira.
Lembra que ao ferver o leite formábase unha capa de nata duns tres centímetros de espesor que se utilizaba para untar no pan e tomábanllo de merenda, tamén na súa casa utilizábanna para facer manteiga e algún que outro biscoito, para eles a leiteira era algo imprescindible na súa alimentación diaria, tamén recorda que algunha vez tiña discutido a súa nai coa leiteira, pois había días que cando fervian o leite chegouse a "cortar", cousa que a leiteira contestaballe que eso era polo tempo que se acercaba tormenta ou por non botarlle unha area de sal ou quizáis debido ao calor que facía…
Ainda así tíñanlle moito agarimo, pois eran persoas que se facían querer na maioria, sei de algunha leiteira que en datas sinaladas, coma por exemplo no Nadal, leváballes algún alimento da colleita da súa casa, uns ovos, unhas mazás, laranxas, figos….era como un integrante máis da familia.
Que traballo máis duro tiveron, toda unha vida de arriba para abaixo, estou escribindo e veñenme máis recordos, sígoas lembrando coma si fora hoxe, parece que estou na fiestra da miña habitación é vexo como baixaban á primeira hora da mañá, como tamén cando subían para as súas casas, o seu rostro reflectía o duro que era percorrer tantos quilómetros para arriba e para abaixo, cantas molladuras, canto frío pasaron…..Pero nunca se viñan abaixo, era o seu medio de vida e nunca desfaleceron, ata que aproximadamente no ano 1976 unha orde ministerial outorgou ás Centrais Leiteiras a venda exclusiva do leite fresco e daquela prohíbese totalmente a venda a granel.
A cousa xa viña de moi atrás, era polo ano 1952 cando un Decreto de Presidencia indicaba que quedaba prohibida a venda de leite de vaca a granel por temas de saúde e que as Centrais Leiteiras comprarían todo o leite, polo cal o prexuízo económico que se lle puidese causar desaparecía e ademáis así evitaban que tivesen que desprazarse todos os días para realizar a venda do produto.
Supoño que se faría de boa fe a de prohibir este tipo de venda por temas de salubridade, pero aquelas merendas co pan e a nata, os biscoitos e a mantequilla que se facía en casa de muitos pontevedreses nunca máis se volvería a repetir.
Con esta Orde do Ministerio do ano 76 empezou o momento en que en moitas casas se foron desfacendo das súas vacas, porque aínda que se prometeu que as centráis recollerían o leite, os prezos á que a pagaban eran a menos da metade que as leiteiras nola pagaban a nós. E claro, era moita leite a que daba unha vaca para bebérnola toda nas nosas casas, así que non quedaba máis remedio, meus pais coma os demáis veciños tiveron que ir vendendo as vacas.
Se facemos un cálculo así por encima, fai uns cuarenta anos, por poñer un exemplo, na Parroquia de Cerponzons había en cada casa polo menos unha vaca, cando non dúas ou tres…Poderiamos calcular que habería polo menos unhas 400 vacas, hoxe non creo que chegue a media ducia.
Como dicía o meu amigo, hoxe en día teño unha dúbida, se esa cousa branca envasada nun cartón e que pode ser enteira, desnatada ou semidesnatada, teña algo que ver coas vacas, porque mesmo algunhas marcas din que lle engaden calcio e vitaminas. Ao leite das nosas leiteiras non había que engadirlle nada, era pura leite recién saída do teto é con todalas vitaminas incluidas, nin máis nin menos.
A labor das leiteiras da parroquia de Cerponzóns foi máis aló de vender leite, grazas a elas e ás demais mulleres das nosas aldeas que acudían coas súas verduras, froitas, sementes, leña etc. foron portadoras da nosa cultura popular levándoa á cidade e dándo a coñecer os nosos costumes, sendo ademáis parte activa do noso idioma falándoo e levándoo porta a porta.