Antón Masa
Carta aberta á arquitecta Marta Orts
Prezada Marta,
Vaian por diante os nosos parabéns polo recente premio ao proxecto "Materia propia" do que es coautora xunto con Carlos Trullenque. Pero estes parabéns non nos impiden facer algunhas consideracións que vos afectan a vós, ao voso proxecto e, sobre todo, á empresa ENCE que convocou o concurso de ideas que vindes de gañar.
Temos lido as túas declaracións acerca do proxecto, dos vosos obxectivos á hora de deseñalo e dos piares nos que baseastes a súa posta en práctica; e queda claro que como ti mesma admites- descoñecedes a realidade de ENCE en Pontevedra. Se non fose así non diriades algunhas cousas que dicides (mesmo na presentación do voso proxecto). Falades de que "hai un problema, que é o tema paisaxístico" cando perdoade que volo diga- o problema non é ese. Por máis que a empresa queira obvialo, o problema de ENCE é moito máis grave que iso e o concurso de ideas non é máis que unha cortiña de fume na que agochalo.
En efecto, ENCE tenta mudar a realidade repetindo constantemente unha mentira; fártanse de dicir que teñen solucionados os problemas dos vertidos á Ría e das emisións á atmosfera, que teñen practicamente eliminado os cheiros e que só falta integrar a fábrica na paisaxe. Pero non é certo; non se trata de "invisibilizar" a fábrica. O problema de ENCE non se pode reducir a un problema de "feismo"; o problema de ENCE, o seu impacto negativo na comarca, sigue sendo un problema ambiental, social e económico. Trátase tamén co concurso de ideas- de ocultar a verdade para poder continuar na Ría máis alá do ano 2018 no que remata a concesión en terreos de dominio público, pero a realidade é moi teimuda e acaba sempre por se impoñer.
Aínda hai uns días supoñemos que vos terán chegado noticias- houbo varios escapes na fábrica que provocaron problemas de saúde na cidadanía e que ENCE tratou de ocultar. Pois ben, esa é unha das constantes no funcionamento dos directivos da empresa pasteira, que utilizaron sempre a mesma táctica para tentar permanecer na Ría contra a posición maioritaria da poboación da comarca: a mentira, a propaganda enganosa e os cartos para mercar o silencio agradecido, para contrarrestar a mala imaxe que ten entre a poboación e para facer esquecer a súa verdadeira realidade. E este concurso de ideas, queirades ou non, enmárcase nesta política empresarial. O de menos é levar á práctica o proxecto.
Trabucádevos cando preguntades se "é compatíbel con este entorno un espazo produtivo coma este" referíndovos a ENCE, cando o que teriades que vos preguntar é se unha empresa coma esta é compatíbel cun espazo natural tan produtivo coma a Ría. Concordamos con vós en que hai que recuperar a paisaxe orixinal da zona, pero volvedes a vos trabucar cando falades de que "o bosque debe recuperar o espazo perdido xunto a auga". Antes de ter feito estas consideracións deberiades tervos informado de que a paisaxe orixinal, o que había antes de chegar ENCE a Lourizán, era a Ría; deberiades saber que ENCE está instalada nun recheo sobre a Ría, un recheo que eliminou o mellor dos bancos marisqueiros, as nosas praias urbanas e ao tempo- os postos de traballo de milleiros de persoas que tiñan na explotación racional dos recursos naturais o seu medio de vida; deberiades saber tamén que, ao longo de 50 anos, ENCE non fixo máis que afondar na destrución do noso medio, dos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestais e turísticos, da calidade de vida e da saúde das persoas e da economía da comarca, baseada tradicionalmente na explotación racional daqueles recursos que nos roubou a empresa. E deberiades saber tamén poida que o saibades- que ENCE foi condenada por delito ecolóxico continuado no ano 2002; que aínda hoxe segue incumprindo unha grande parte da lexislación en materia medioambiental e que ten destruído (e segue a destruír) moitos máis postos de traballo dos que creou neses 50 anos de permanencia na Ría. Por suposto que queremos recuperar a paisaxe orixinal da zona, a Ría e as praias roubadas, pero queremos recuperar sobre todo a calidade das súas augas, os bancos marisqueiros e os postos de traballo estragados desde a chegada de ENCE; queremos recuperar a saúde e a calidade de vida. Por iso é necesario eliminar a fábrica, porque non abonda con disfrazala. ENCE é incompatíbel con estes obxectivos.
Somos conscientes de que tamén a vosa profesión está a atravesar unha época de crise pero, sinceramente, non todo vale. Tiñades a obriga de vos preocupar por coñecer a situación de ENCE en Pontevedra; tiñades que saber que o único que persigue ENCE co concurso de ideas é conseguir, a cambio dun pouco de "pasta", perpetuarse en Lourizán; que o de menos é o concurso e a integración na paisaxe. Non entendedes cal é o obxectivo dunha empresa que gasta os cartos en facer propaganda do boa que é en materia medioambiental?, que gasta os cartos en subvencións ao deporte ao tempo que destrúe o medio no que practicalo? Non veredes nunca a ENCE facer propaganda dos produtos que fabrica, da súa calidade, algo habitual no resto das empresas; non, ENCE gasta os cartos en contrarrestar a mala imaxe que se ten gañado a pulso entre a sociedade da comarca. Gasta os cartos tamén os que vós ides recibir polo premio- para tentar contrarrestar a posición maioritaria na comarca que rexeita a súa presenza na Ría, unha posición que é liderada pola asociación que presido e que mantén os seus principios mesmo nesta situación de crise; porque, lonxe do que poidades pensar, ENCE non é o motor económico da nosa comarca; moi ao contrario, é o freo que impide a posta en práctica dun modelo de desenvolvemento económico sustentábel, quen de crear os postos de traballo que poidan sacar á comarca da crise, un modelo incompatíbel coa presenza de ENCE na Ría e uns postos de traballo que han de vir da man da explotación racional dos nosos recursos.
Sen outro particular, e coa espranza de que esta carta vos poida axudar a reflexionar, recibide un saúdo da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR),
Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR
06.09.2013