Tribuna Viva
Lourizán avisa: "O Ministerio autoriza o emisario submarino pero non autorizará a ampliación"
Desde a Plataforma Veciñal de Lourizán eramos conscientes de que o máis probable era que o Ministerio de Transición Ecológica acabara autorizando o novo emisario submarino. Porque se ben a Xunta de Galicia é a que debería prever todos os escenarios e é moi posible que dentro de pouco o escenario que manexemos sexa o de que a partir de 2033 haxa que empezar a recuperar o litoral de Lourizán, e polo tanto haxa que empezar a buscar alternativas á EDAR dos Praceres; o certo é que a Xunta se nega a contemplar ese escenario.
E o Ministerio autoriza o novo emisario por 15 anos, prorrogables por outros 15. Neste sentido parécenos fundamental a interpretación que se faga do Art. 32.1: da Lei de Costas: "Unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa naturaleza, non poidan ter outra ubicación". E no caso do novo emisario depende da interpretación. Non así no caso da ampliación da EDAR, que xa están a intentar xustificala desde a Xunta e os medios afíns.
Non nos parece de recibo que desde determinados medios se deixe caer a idea de que desde o Ministerio se estaba a bloquear intencionadamente a autorización desde 2018, asumindo o discurso da Xunta como propio. Consideramos que o Ministerio ten que cumplir os trámites establecidos por lei e no caso das ocupacións do DPMT debe estudar cada caso minuciosamente, tendo en conta a manga ancha que houbo no pasado e que provocou a problemática existente na actualidade.
Outra cousa é que o Ministerio autorice o emisario uns días despois de que o Congreso aprobara a Lei de Cambio Climático, co rexeitamento do goberno da Xunta de Galicia. Como se houbera unha intención de compensar ou polo menos rebaixar a tensión entre gobernos.
Comprobamos como a raíz da autorización do novo emisario submarino xa se xustifica a ampliación da EDAR dos Praceres e xa se anuncia para 2023. E insistimos unha vez máis: a Lei de Costas non permite a ampliación da EDAR polo Art. 32.1 e o Ministerio de Transición Ecológica non pode autorizar a ampliación sen incumplir a lei. Pola nosa parte, confiamos na sensatez do Ministerio e no cumplimento estricto da lei.
Porque neste tema a pregunta clave é: Existe outra alternativa á ampliación da EDAR que non supoña a ocupación do DPMT? E a resposta é clara e levamos a dicilo desde o principio deste conflito: Si que hai alternativas e consisten na construción doutras depuradoras fóra do DPMT.
Así pois, autorizar a ampliación sería retorcer a lei. Pode pasar? Si que pode, porque ten pasado moitas veces e en Lourizán somos testemuñas. Pero non é o mellor desde o punto de vista social, político, xurídico e ético. Tampouco ambientalmente.
Plataforma Veciñal de Lourizán.