Ramiro Espiño
Quen se equivoca?
Vaia por diante dicir que sei perfectamente que só van disputadas tres xornadas de liga. Vaia por diante dicir que tamén sei perfectamente que estamos en Terceira División e que non se poden pedir peras ao olmo. E non pedirei peras ao olmo, pero polo menos pedireillas á pereira, que para iso está. Dígoo para aqueles que queiran buscarlle tres pés ao gato e riscarme de impaciente, de non dar unha marxe a un equipo en construción ata que calle nun proxecto sólido.
Pero teño que dicilo, porque penso é ademais opinión maioritaria da afección granate. Ben, da pouca que queda, ou que van deixando que quede, porque a este paso a deserción masiva de Pasarón seguirá ata facer imposible encontrar na bancada alguén con quen xogar unha partida de tute.
E por iso vou dicilo alto e claro: Así, non!. Así non imos a ningunha parte salvo a estrelar novamente o barco contra as rochas, a facer naufragar un novo proxecto, vendido para sacar ao Pontevedra da Terceira División, e que transmite de todo menos ilusión e confianza.
Porque mesmo poderá gañar a liga. Gañaranse a maioría dos partidos, pero aínda así logo haberá que pasar un sempre complicado play-off. E sinceramente, cos vimbios actuais ou baixan todos os santos en novena, ou recorremos a Tom Cruise para que interprete unha nova entrega de "Misión imposible".
E é bo dicilo agora. Aínda que sexa pronto. ÿ bo dicilo porque estamos a tempo de buscar remedios e solucións. Fíxose unha pretempada calamitosa, e o que veu despois, en tres xornadas, non serviu máis que para confirmar as malas sensacións.
Non me vale a desculpa do resultadismo. Xogando como fronte ao Grixoa estarase sempre máis preto da derrota que de que soe a frauta, como en Santa Isabel. Pero o peor non é iso, o peor é que seguimos sen saber a que quere xogar o equipo de Nando, ou a que lle pide o seu técnico que xogue.
Porque unha cousa é evidente. Visto o visto ata o momento, alguén se equivocou.
Todas as propostas futbolísticas son válidas se se contan cos vimbios necesarios, pero se fichas xogadores pequenos non poderás xogar directo facendo que os baixiños pelexen balóns para os que terían que saír ao campo con escaleira. E se os fichas altos, terás que ter fortaleza atrás, e precisión nos envíos longos, porque sacar o balón buscando a segunda xogada require tamén un centro do campo aguerrido, non exento de calidade, e unha defensa que non de concesións.
E nada disto ten o Pontevedra actual. Blandiño en defensa, cun centro do campo que non elabora, e con problemas para xerar perigo na área rival. E iso sen falar do pouco traballado que dá a sensación de estar o equipo.
Pero o peor de todo é que, se a proposta futbolística de Nando é aplicar o "patapum p'arriba", que diría Javier Clemente, alguén debería dicirlle que iso aquí non gusta, que a afección do Pontevedra aspira a sentirse orgullosa do seu equipo, independentemente da categoría na que milite, e non a saír abafados da maioría de campos, incluído o propio Pasarón.
E chegados a este punto volvo preguntarme quen se equivoca?: Nando e a súa 'rácana' proposta futbolística?, o director deportivo ao fichar a Nando sen advertirlle de cal é o estilo que a entidade demanda?, ambos os dous ao confeccionar un equipo cuns vimbios que non se axustan ao estilo de xogo que se pretende practicar?.
De momento imos deixalo aquí, a xeito dunha especie de aviso a navegantes. Cun último apuntamento que o domingo me comentaba un amigo que de fútbol e futbolistas sabe algo. Para arranxar as cousas en fútbol a premisa fundamental é o traballo. No Pontevedra os que xogan o domingo descansan o luns. O martes o descanso é xeral. E o sábado tampouco se adestra.
Ou sexa, tres días reais de ensaio á semana. O noso modesto rival desta última xornada, o Grixoa, sen ir máis lonxe, ten un día máis de traballo. E o apuntamento do meu amigo ben sinalaba que os adestramentos dun sábado pola mañá, perfectamente compatibles cun equipo non profesional, serven entre outras cousas para evitar tentacións de venres...¡aviso a navegantes!, non sei se me explico.
Remato cun apuntamento. Parece que por fin estamos a punto de coñecer os números do club do exercicio pasado. Pois que ninguén saque peito. Cóntanme que haberá superávit, si, pero só no papel, que o soporta todo. Superávit consecuencia da contabilización como ingresos das condonacións obrigatorias polo proceso concursal, non por entradas reais de diñeiro nas arcas do club nin por resultados de xestión.
Haberá que analizar esas contas con lupa, pero o certo é que se seguen debendo cantidades importantes da pasada tempada, algo incompatible coa existencia de superávit real, e que o club non pode seguir nunha situación na que o actual presidente está atado de pés e mans polos caprichos e veleidades dalgúns que xa demostraron sobradamente que o Pontevedra non lles importa máis alá que o beneficio que poidan obter del.
09/09/2013