Marta Rodríguez Engroba
Construír sobre unha base de area, garantía de derrubamento
Non acabo de entender o que está pasando.
Non entendo aos nosos políticos.
Non entendo nada.
Imaxinade por un momento que, durante anos, o voso soño é conseguir vivir nunha casa na que non vos falte de nada, na que estar dentro dela sexa sinónimo de confort, de tranquilidade, e, por riba de todo, de seguridade.
A vivenda vaise levantando pouco a pouco, e, malia que ao comezo hai eivas na construción, semella que estas se van arranxando, o que fai que cada vez se vexa máis bonita.
Pero, a medida que pasan os días, as semanas, comeza a facerse evidente que algo non está a ir ben. A aparente seguridade non é de todo real.
As veces, as paredes tremen, caen cousas, e chega a sentirse unha certa sensación de perigo.
Un bo día, alguén se decata da razón. A vivenda é fermosa, mesmo luxosa, pero a base sobre a que foi construída non é sólida.Tampouco as paredes.
O material máis empregado foi a area, e, porén, en calquera momento, pode caer, máis, malia isto, cada vez que alguén da a voz de alarma, os que din ser entendidos na materia seguen empeñados en que todo é perfecto, e, ante cada queixa, ante cada manifestación de temor, engaden un detalle bonito, decorativo, que, por un breve tempo, renova e mantén a ilusión de que, a partir dese momento todo vai ir ben, de que esa inseguridade que quen vive na casa sente é un temor infundado, imaxinacións......
Ata que, de súpeto, cando menos se agarda, unha vibración un pouco máis intensa do habitual desencadea a traxedia. A casa cae. Todo se ven abaixo, e alguén queda atrapado nese derrubamento. Tal vez incluso lle custe a vida .
Xa non hai remedio, pero, por máis que se advertiu, que se pediu axuda, ninguén fixo caso, porque os expertos afirmaban que todo estaba perfecto. Non había máis que ver o moito que lucía a vivenda. Non hai que darlle máis voltas.
É máis, probablemente a culpa foi de quen vivía nela, que non se comportou do xeito correcto e provocou ese derrubamento.
Aínda así, borrón e conta nova.
É cuestión de volver a construíla, e, por suposto, do mesmo xeito que anteriormente, porque todo se fixo perfectamente.
Tamén a base, as paredes, van ser idénticas, de area.
Algún de vos iría a vivir a esa casa?. Permitiriades que alguén a quen queredes o fixera?.
Estou convencida de que a resposta sería un rotundo NON.
Pois ben, o que acabo de describir é, nin máis nin menos, o que está a suceder coa violencia de xénero.
Esta semana foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego a reforma por mor da cal a lei galega incluirá a violencia vicaria dentro do concepto de violencia de xénero, unha das formas máis crueis desta, que se exerce contra os fillos, chegando nalgúns casos a matalos, coa intención de facer o maior dano posible as mulleres, de tal xeito que as vítimas dela se lles recoñecerá o dereito a axuda económica, laboral, social ou psicolóxica.
Unha boa nova, sen dúbida, e non se entende, ademais, que isto non se levara a cabo ata agora, malia que xa estamos acostumados a que, en materia de violencia machista, sempre andamos tarde e mal, coas vidas que estas incomprensibles e inxustificables demoras custaron e seguen custando.
Pero, o que non se pode entender, e que, a esta reforma, coma a todas as que a precederon, non se engada a máis necesaria, a imprescindible, a que ninguén semella querer ver: A da base.
A que debería comezar examinando con lupa o que se van a atopar as vítimas de violencia de xénero cando acoden a denunciar, a que debería estudar, diseccionar, a idoneidade das persoas, os policías, que as van a atender, que van recoller a denuncia, dos que van depender en gran parte as posteriores medidas xudiciais que se adopten, a quen se lles vai encomendar a súa protección e a dos seus fillos, e cando falo de idoneidade non estou a referirme tan so a formación, se non ao aspecto máis importante, e ao menos tido en consideración:
O psicolóxico, a súa sensibilidade, a súa humanidade, a capacidade de empatizar con esas mulleres que chegan rotas as comisarías.
Non se pode entender, máxime cando non é, por desgraza, a primeira vez que a falta de protección ou unha valoración de risco incorrecta se cobra unha vida.
Tampouco que un policía que presenta un comportamento claramente machista ou que amosa cero empatía coas vítimas, que tal vez as faga sentirse cuestionadas, sexa o encargado de tomarlles declaración ou de valorar o risco que corren.
Moito menos aínda que se lle encomende a súa protección sinxelamente porque, como se adoita argumentar, “é un bo policía”.
Estes son exemplos reais, moi reais.
Porque estas cousas, por máis que se neguen, suceden, e tamén algunhas máis graves, pero, malia isto, ninguén se pronuncia ao respecto. É un tema tabú, que non se menciona, que non existe, e se ignoralo ten un resultado fatal, non hai problema en darlle a volta e xustificalo, culpando se é preciso a propia vítima.
En ningún momento se ten en consideración a posibilidade, ou máis ben a imperiosa necesidade, de revisar, de mudar, os criterios de selección destes profesionais, de evitar que ocorran máis desgrazas, por máis que xa abonda coas que, lamentablemente, non se poden evitar.
Un muro de silencio, impenetrable, se levanta arredor deste asunto, malia ser vital, e aqueles que teñen competencias non amosan, por máis intentos que se fagan, nin a máis mínima disposición, xa non para tentar arranxalo, se non nin sequera para escoitar as chamadas de atención que sobre algo tan grave se fan.
Tampouco os políticos, nin os movementos feministas moven ficha. Non interesa.
Cando sucede o inevitable, optan por distraer a atención con campañas mediáticas, ou virais, tan de moda agora, e disfrazar a indiferenza, a irresponsabilidade, de indignación, eludindo a realidade.
As casas, esas casas as que se lles poñen detalles decorativos que as fan parecer seguras, acolledoras, seguen caendo, unha e outra vez.
As veces, algunha muller, algunha nena, algún neno, quedan atrapados entre os cascallos, non logrando todos sobrevivir a unha traxedia que se vía vir, que se anunciou, pero sempre hai quen atopa unha explicación, unha xustificación, que exculpan a aqueles que, non soamente puideron evitalo, se non que tiñan a obriga de facelo.
Seguramente se moveron demasiado, non tiveron coidado ou non mediron a súa forza, pero tiveron a culpa seguro, porque todo o mundo puido ver o fermosas que eran esas casas.
De feito, moitas fotos deron fe, e todos os que participaron na súa construción se congratularon e se felicitaron entre eles, porque non era para menos.
Qué saberán os que se queixan?. O único que fan é amolar!
Non hai que preocuparse.
Se a casa caeu, tan só é cuestión de volver a construíla, tal como se fixo a primeira vez, con base e cimentos de area.
O derrubamento está garantido, pero, a quen lle preocupa?.
Que a base sexa feble, insegura, perigosa, é o de menos.
É esteticamente perfecta, e eso é o que conta, non si?.
Asociación Si, hai saída