Marta Rodríguez Engroba
Todo ten un prezo; tentar aliviar a dor da incerteza, tamén
Esta mesma semana coñecíase a noticia da autorización do xuiz para a exhumación do corpo de Déborah Fernández, atopado dez días despois da súa desaparición, o 30 de Abril do 2002, na beira dunha estrada en O Rosal, a 40 kilómetros de Vigo, onde residía, un achado que presentaba numerosos indicios de ter sido coidadosamente manipulado para tentar simular un móbil sexual, atopándose, de feito, moi preto do cadáver, un preservativo usado, o seu envoltorio e un pano de papel, e malia que a policía coincidía en que todo semellaba apuntar a unha posta en escena, a investigación xirou en torno a esas probas.
O acontecido a Déborah, as circunstancias que rodearon o seu asasinato, e as posteriores, sempre estiveron rodeados de misterio, e malia que a sombra da sospeita sempre planeou sobre o que fora a súa parella, nunca se puido demostrar a súa culpabilidade, nin atopar ningún outro sospeitoso, facendo presaxiar que o crime quedaría impune, sendo o traballo da policía públicamente cuestionado pola familia da rapaza en numerosas ocasións.
Non obstante, nunca se resignaron a que o caso, arquivado provisionalmente no 2010, pasara a ser un máis dos non resoltos, nin, malia que non se produciu ningún avance nel durante anos, chegou a caer totalmente no esquecemento, xa que con certa frecuencia aparecía en determinados programas de televisión de elevada audiencia, concedendo a familia entrevistas, a vez que se celebraban actos públicos, homenaxes con música, poesía e arte urbana, intensas campañas nas redes sociais, e mesmo se formou algunha plataforma para pedir que a investigación do crime non cesara, deixando patente todo isto os recursos dos que a familia, non soamente a nivel económico, se non tamén en canto a contactos e relacións, dispón.
No 2017, cando xa se albiscaba a prescrición do caso, Rosa, a irmán de Déborah, conseguiu unha copia do sumario, no cal achou numerosos baleiros na investigación que a policía xa daba por pechada con peso suficiente para que se seguira a investigar, algo que eles mesmos, a familia, fixeron, obtendo novas informacións que trasladaron a policía, chegando a reunirse coa Unidade Central de Homicidios de Madrid, conseguindo así a reapertura do caso, e a posterior autorización xudicial, como dicía ao comezo, para a exhumación do corpo.
Non é difícil imaxinar a cantidade inxente de recursos, de influencias, que son precisos para acadar todo isto.
A familia sempre asegurou, e segue a facelo, que non vai desfalecer, que pensa continuar adiante ata atopar ao culpable do asasinato de Déborah e que se faga xustiza, algo comprensible, por suposto, porque, por se a morte dun ser querido non fora dor abondo, o desgarro é total cando o culpable do seu asasinato segue vivindo impunemente, pero, desgraciadamente, isto é algo negado a inmensa maioría, que soamente se poden permitir unhos poucos.
De todos é sabido que calquera familia normal, ante unha desgraza semellante, non tería máis opción que ver, impotente, como o caso é arquivado primeiro e prescribe despois sabendo que quen lle arrebatou a vida a persoa que queren vai continuar vivindo a súa con toda tranquilidade.
E non estou a falar tan so de medios económicos, se non do acceso a determinadas institucións, a cargo relevantes delas, para conseguir que as pescudas continúen adiante.
É evidente, e todos o sabemos, que aínda no improbable caso de que chegaran as súas portas, que estas lles foran abertas para ser escoitados sería practicamente imposible.
Que familia podería soñar con ter acceso a tal apoio dos medios de comunicación, da sociedade na organización e celebración de eventos que removen conciencias, que son un revulsivo para que asasinatos como o de Déborah non fiquen agochados, calados, para sempre?.
E eu pregunto, é isto xusto?.
Sei que é unha pregunta retórica, porque a resposta é máis que obvia, e non podo evitar que me veñan a memoria refráns como “Os cartos non dan a felicidade”, “As penas con pan son menos” ou o de “Poderoso cabaleiro e don diñeiro”.
Certo que nin todos os cartos do mundo poderán encher o baleiro que deixa a falta de alguén a quen queres, que a vida dunha persoa non se pode valorar en diñeiro, que nin todas as pescudas, nin investigacións do mundo, ni a condena a quen lla arrebatou, lla van poder devolver, nin curar a ferida que deixa nos corazóns a súa falta, pero, polo menos, os daqueles que os choran atoparán un certo alivio se quen o fixo paga por isto, se a xustiza actúa con todo o seu rigor. Por desgraza, unha vez máis, coma tantas outras nesta vida, neste inxusto sistema noso, o que debería ser un dereito indiscutible para todos, é, unicamente, un privilexio para unhos cantos.
Tal vez algún día se chegue a saber a verdade sobre o asasinato de Déborah, ou tal vez non, pero, polo menos, os que a queren teñen a oportunidade de facer todo o humanamente posible para que así sexa, algo que a inmensa maioría lles está negado, que ven como a dor da ausencia se engade o causado pola incerteza, polo descoñecemento do que realmente pasou, que levarán cravados no corazón para sempre.
Non son unha persoa ambiciosa, son feliz con pouco e sempre fun consciente de que hai clases, e sempre as haberá, guste ou non admitilo, pero tampouco botei nunca de menos pertencer as privilexiadas, agás cando se trata de algo que impide exercer os dereitos máis elementais trazando unha clara liña divisoria que, por diferenciar, diferencia ata aqueles que poden tentar aliviar a dor da incerteza, dos que nunca poderán.
Que inxusto e que doloroso!
Ogallá a familia de Déborah poida, por fin, acadar ese alivio.
Asociación SI, hai saída