Pedro M. Cortegoso Gago
Terra de montes, terra de eólicos?
Cando os españois conquistaron América, e os ingleses e franceses África e Asia, tomaron posesión das terras dos "nativos" implantando grandes latifundios, explotacións mineiras e a escravitude.
Cando Fenosa, da man do franquismo, decidiu asolagar os vales de Galiza tomou pola forza as terras, as casas e os pobos dos "nativos", promovendo a mobilidade laboral que daquela chamaron emigración.
Despois de corenta anos de "democracia" os herdeiros de Fenosa e do franquismo, agora denominados Naturgy ou Greenalia, queren facer o mesmo cos nosos montes e o noso vento. Queren encher, aínda mais, Galiza de muíños de vento e liñas de alta tensión enganándonos co argumento da enerxía verde.
Se os encoros levaban a electricidade e os cartos para Madrid, tamén as pas dos muíños van levalos aos mesmos petos deixando na Galiza as migallas, os refugallos, os montes desfeitos e o rural vendido e sen futuro, se non llo impedimos.
Coa complicidade de políticos sipaios nos concellos, coa bendición do PP na Xunta e do PSOE no goberno do estado, coas portas xiratorias funcionando a miles de revolucións recolocando excoselleir@s e altos cargos, queren que Galiza sexa o gran xerador de enerxía barata para o estado español, mais para nós sempre cara.
O mapa dos proxectos eólicos instalados e previstos mete medo, Galiza parece unha obra cubista chea de cadros e rectángulos, non se escapa ningún recuncho do noso país. Un exemplo desta desfeita témolo na Terra de Montes onde pretenden instalar dezasete novos parques eólicos coas súas correspondentes liñas de alta tensión, con nomes tan propios como Tramontana ou Siroco.
Se nos paramos no concello de Forcarei, entre muíños e liñas de alta tensión parece que estamos a ver o plano do metro de Londres. Vaise converter nun parque temático da enerxía eólica con muíños de 180 metros de altura cabo das casas e afectando explotacións gandeiras e ao aproveitamento forestal. O mesmo en Cerdedo, A Estrada, Silleda ou Lalín.
E mentres en moitas comarcas de Galiza os veciños e veciñas estanse a organizar para pórlle freo a esta desfeita organizando xuntanzas e mobilizacións, o Sr. Feixoo, o presidente de todos os galegos e galegas, enche a boca en Fitur vendendo as marabillas de Galiza e as súas potencialidades turísticas. Que van ver as persoas que nos visiten dentro duns anos de levarse adiante todos estes proxectos? Montes cheos de paus brancos con enormes brazos movéndose co vento.
O que non conta é que está traballando arreo para transformar o noso país nun inmenso parque eólico que vai de norte a sur e de este a oeste, poñendo unha vez mais o noso país ao servizo do cobizoso capital que nós ve como unha colonia á que chucharlle os recursos.
É o momento de levantarse unha vez máis, como en Baldaio, como en Xove, como nas Encrobas, para defender Galiza.
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago (traballador do Sergas)