Marta Rodríguez Engroba
Non hai título para o horror
Imposible poñerlle título ao horror mais absoluto.
Tampouco existen palabras que o describan.
Despois de semanas absolutamente negras, o horror da violencia machista segue a súa tráxica escalada ascendente, deixándonos, cun intervalo de tan so unhas horas, a súa manifestación mais cruel, a violencia vicaria, co achado do corpo da pequena Olivia, e o asasinato de Rocío, a menor sevillana de tan so 17 anos, a quen matou a súa ex parella.
Teño que confesar que me custa seguir adiante. Non sei como facelo, nin teño tampouco as ideas moi claras.
Demasiada dor seguida, demasiadas traxedias que asimilar.
Por mais que o tento, e aínda sendo nai, non son quen de poñerme na pel de Beatriz, a de Ana e Olivia, e non son quen porque creo que a súa dor, inconmensurable, sen dúbida, se lle engadirá a de ter, comprensiblemente, confiado, confiado en que a súa boa vontade era correspondida do mesmo xeito polo seu ex marido, polo pai das súas fillas, sen sospeitar, nin por un momento, que as deixaba nas mans dun asasino.
Penso, na miña humilde opinión, que Beatriz caeu, coma moitas vítimas de violencia machista, na trampa de crer que Tomás non era malo, que era bo pai, que adoraba as súas nenas, porque os maltratadores, os encantadores de serpes, son capaces de facernos crer isto e moito mais.
Por eso non puxo reparos a entregarllas, libremente, sen presións, porque neste caso non existía ningunha sentenza, ningún convenio regulador que lle obrigara a deixar marchar as nenas con él, por eso, con toda probabilidade, non quixo privalos de desfrutar da súa mutua compaña, o que lle proporcionaba, ademais, a ese malnacido, unha total impunidade, xa que, ante a lei, non estaba, a priori, a cometer delito ningún.
Sinxelamente levara as súas fillas, estaba a pasar tempo con elas, co beneplácito da nai, como podería ter sido a inversa.
Levo lido e escoitado nestas últimas horas moitas críticas ao sistema xudicial, que aboga pola custodia compartida, que deixa aos menores nas mans dos maltratadores, etc, etc, e, sobre isto, e vou tentar explicarme con todo o coidado posible, porque se ben hai tempo que o teño claro, nos últimos días confirmei a marchas forzadas e na propia pel que hai quen se comprace en terxiversar as palabras alleas, ou ben en poñer nas súas bocas as que nunca se pronunciaron.
Eu son a primeira que cuestiono o sistema, un sistema que, é evidente, deixa desprotexidas as vítimas de violencia de xénero, aos seus fillos, en demasiadas ocasións.
Son a primeira que, malia que agora moitas neguen a maior, en representación de Si, hai saída, o colectivo do que formo parte, me creo moitas inimizades, porque non teño reparos en esixir, mirando aos ollos a quen proceda, malia que non existan fotos que deixen testemuña, o dereito a protección, a adecuada asistencia a que teñen dereito, e a denunciar alto e claro o que cremos que non se está a facer ben, pero, neste tráxico caso, non procede facelo, creo, sinxelamente porque a xustiza nada tivo que ver en todo isto.
Tal vez indirectamente, e pode que Beatriz non acudira a ela precisamente por desconfianza, por temer que non ía responder, e, posiblemente, porque Tomás, o asasino das súas fillas, a tería convencido do innecesario de facelo, ou mesmo ameazado con tomar represalias se daba ese paso, non o sei, como tamén teño claro que posiblemente facelo non tería evitado o tráxico resultado, porque cando un maltratador quere matar, matará con ou sen denuncia, sen dúbida, pero as cousas son como son.
Se o sistema, a xustiza, tería fallado unha vez mais no caso de ter acudido a eles xa nunca o saberemos.
Si, hai algo, pola contra, que se reafirma: Un maltratador NUNCA, e repito, NUNCA, pode ser un bo pai.
No caso de Rocío Caíz, unha rapaza moi nova, menor, de tan so 17 anos, unida a un maltratador que confesou tela asasinado o mesmo día da súa desaparición o pasado 3 de Xuño, desde que era unha nena de 11, e nai dun bebé de 4 meses, soamente vou dicir unha cousa:
A propia familia da rapaza manifesta agora ser coñecedora de que fora agredida varias veces por él, que algunha vez presentara feridas sobre as que non deu, din “explicacións convincentes”, e non soamente ninguén fixo nada, se non que, sabendoo, o día da súa desaparición, e comunicándolles ela que ía reunirse con él para recoller un carriño para o bebé, a 28 quilómetros do seu pobo, a deixaron marchar soa.
Non teñen, eso si, reparo en contarllo agora aos medios de comunicación.
Nada mais que engadir.
En calquera caso, desde Si, hai saída, todo o noso apoio e agarimo a ambas familias, malia que é imposible paliar tanta dor, a nosa condena mais rotunda a tan deleznables e crueis crimes, e, por enésima vez, na confianza de que, dunha vez por todas, acaben por calar, dúas mensaxes.
- NUNCA, repito, NUNCA, un maltratador pode ser un bo pai.
- CALAR, SABENDO, tamén é maltrato, tamén pode chegar a matar.
Asociación Si, hai saída