Pedro J. Peón Estévez
O país de Nonpasanada
Nacín na escuridade da Longa Noite, despois veu o Atado (e ben atado) e a democracia Plena (enténdase por Plena...chea, farta.
Nacín no país de Non Pasa Nada, irmanado co País de Nunca Xamais, un territorio habitado por personaxes que non queren medrar ademais de mouchos, coruxas, sapos, bruxas, demos, trasnos e dianhos, e tamén mouras, lamias, meigas, sereas, fadas e toda sorte de pantasmas nas que ninguén cre pero que haber, hainas. Tamén abondan os caciques, eucalitos, ghuníteros, chapapotes e crueis piratas como o que governa este extranho territorio: o temible filibusteiro capitán Feihook ! Todo isto forma parte do vasto país de Non Pasa Nada. Nota: Por máis que os paisanos non queiran medrar, isto nada ten que ver coa Viaxe ao País dos Ananos do moi grande Celso Emilio. Ou si.
As devanditas pantasmas son as que levan a culpa de que nós apandemos co relón pero quen lambe o óleo son os de sempre: o capitán Feihook e achegados que tenhen o seu púlpito armado na tvg onde día si, día tamén, adícanse a autogabanza por non teren avoas que os aturen.
O capitán Feihook e companha tenhen este país como finca particular de recreo (herdada do franquismo do que son un preto feixe por aquilo do "atado e ben atado", non por outra cousa). Aquí aterran os seus correlixionarios paracaidistas, convidados de honra a barra libre: "vereis que vino hacen mis paisaninhos" " vereis que percebes más ricos apanhan" " ¿y las patatas? ¿habeis probado las patatas de Coristanco...?, bocata de cardinale" "y note digo nada del solomaiz ni de la lamprea" "son la mar de riquinhos mis paisaninhos y eso que, por detrás, les plantamos eucalistos hasta debajo de la cama, pero ellos no se coscan de nada, y eso que andan los rojillos dando la matraca, denunciándolo todo...envidiosos !...Pero No Pasa Nada; por mucho que hagan y digan los putosecologistas, llegamos nosotros y con unas chapadinhas en la chepa, ponemos las cosas en su sitio, o sea: donde siempre".
E mentras na Ribeira Sacra a sarabia arruína colheitas de legumes e vinhas a eito, Feihook mete o garfo no birrete e saca catro milhóns para axudar ó ocio nouturno, os que non beben vinho, os do ocio de gharrafón...Ta bom.
E mentras Alcoa se debate entre a vida e a morte por falta de enerxía eléctrica, o país vaise inzando de tarabelas multinacionais sen que os povos vexan un peso en troques do seu chan e o seu vento (exemplo; Monte Seixo, Serra do Cando). Eis o paradoxo: no país de NPN, primeiro productor nacional de corrente, as empresas locais pechan por falta dela mentres outras fan caixa, que para algo o territorio se satura de eucaliptos, disque para producir "enerxía limpa", dado que o negocio da "pasta" xa viu tempos melhores.
Que plans ten logo o capitán Feihook para esta Terra ?
- Ningún. Perdón, si: os que dicte o capital. O capitán Feihook xa bastante ten con vixilar a poltrona de Casado e mandarlhe sutís "ondanadas" baixo a linha de flotación cada canto. O malo é que lhe saiu unha competidora con máis "jeta" ca el (que xa é dicir): Sabela I de Castela disposta a acometer unha "doma e castración" de todo o que non sexa Madrid-centro. Corren malos tempos para os métodos tradicionais da exportable cacicaxe galega: aquel "estou e non estou", "vou-non vou, quero e non quero, que hay de lo mío?" "Sigo aquí, non digo nada nin sei nada peeero..." . Non, hoxe en día hai que botarlhe morro ó cocido. Con máster ou sen el. O sistema dos Franco, Pío Cabanillas, M. Rajoy, etc. fica obsoleto.
Non, pero en serio; que futuro agarda ós nosos netos ? Que país lhes deixamos ? Ben; como queira que o capitán Feihook, trala esparrunhada inicial que fixo na xunta tan pronto chegou, non deu máis pau á auga, o país vai tomando a forma que lhe dan os que realmente mandan:os do carto. E así, presentará un interior inzado de milheiros de tarabelas, centrais térmicas, minas a ceo aberto con lagoas ultra-contaminadas e milhóns de eucalitos como solución á despovoación de non ter sido a causa dela. Iso si; conservaranse aquelas vilas costeiras que non se viran moi afectadas polos limos e metais pesados que os ríos arrasten dos incendios coas chuvias torrenciais.
Así te has de ver Gallaecia, Suevia, Fogar de Breogán, Terra Meiga, País dos mil ríos...serás o que sempre fuches: o país de NPN.
-E que vai ser dos nosos mandaricas, "diormío" ?
Ficarán encantados de si mesmos dicindo o que Ghamfri Bogart naquela película: "Sempre nos quedará Sanghengho" co seu toque marbelhí, co seu ghiliporto, cos tradicionais fodechinchos, co seu alvarinho, ca praia de Silgarrotes, co seu ocio nouturno gharrafónico, co seu Emepunto corricán, coas súas festas da coca...perdón!, esas son as de Redondela, e que chova!, aínda que sexa chuvia aceda, aínda que sexa chuvia dourada...tanto ten, levamos séculos baixo un paternalista e conservador paraugas que o mesmo nós defende da chuvia do ceo que da áurea, e esta escóenos polo lombo abaixo dia si, día tamén.
Pero, que problema pode ter Feihook ? El, con mirar cara outro lado e baleirar o cazo cada pouco, xa bastante fai. Amigos ten abondo que lho recheen en tanto fai verdadeiros contorsionismos para propiciar unha eucalitizacion galopante que xa Galiza ten máis glóbulus que toda Oceanía. Esta si que é unha verdadeira "GLOBULIZACIÓN". Pero, calma; nesta amada terra Nunca Pasa Nada e, como dicía o Miguel de Cerdedo: " A electricidade é unha cousa corrente"
E que mais ? Ah, o domingo 4 de xulho vén connosco á marcha contra ence ás doce da manhá. Faite bo.