Tribuna Viva
Estereotipos machistas nas Festas do Carme de Marín
O Concello de Marín tivo a ben incluír o pasado sábado pola noite o monologuista Miguel Lago no programa das Festas do Carme.
O espectáculo deste señor comezou con “chistes” machistas sobre como as mulleres rivalizamos entre nosoutras polo noso físico; con “chistes” sobre o aspecto das mulleres da CUT ou de Bildu; “chistes” sobre os defectos físicos dos cans de palleiro adoptados; “chistes” sobre “paletos” de Murcia e de Castela; etc...
Ou sexa, os mesmos chistes de hai sesenta anos: machistas, clasistas e moi casposos. Pero resulta que non! Disque este cómico creou para os seus espectáculos un alter ego (probablemente) politicamente incorrecto, a través do cal di toda esa chea de barbaridades.
Onde está a incorrección política cando se converte as mulleres en obxectos? Cando se fala con desprezo dos nosos cans de palleiro? Cando rin dos “paletos” de Murcia? Iso no é incorrección política porque ese é o discurso que viñemos escoitando dende hai décadas, xa normalizado e cheo de prexuízos contra as minorías. O alter ego do Sr. Lago cae nos mesmos discursos e bromas de toda a vida, eses que cheiran a naftalina.
Cóntannos que un dos chistes estrela de Miguel Lago é criticar os nosos vellos e vellas por viviren tanto, porque son un custe moi alto para a Seguridade Social. Que gracioso, este Miguel Lago, verdade?!?!?! Despois botamos as mans á cabeza cando en Madrid deixaron morrer os anciáns sen levalos aos hospitais. Que gracioso, este Miguel Lago!
Hai anos que a nosa sociedade cambiou e aprendeu que, para que sexa incorrección política de verdade, os chistes teñen que facerse dende abaixo -dende a opresión- cara arriba -os poderosos-. Por que o Sr. Lago, sendo de Vigo, non se dedica a facer chistes e a criticar os que están desmantelando o sector do metal? Por que non denuncia o mal que funcionan os servizos sociais nesa cidade mentres no programa de televisión onde traballa fanlle promoción ao alcalde e ás súas luces de Nadal? Por que non fai chistes dos directivos da súa cadea, todos con cartos nos petos? Por que non ri dos caciques, que tanto abundan no noso país?
Esta suposta incorrección política ten moi claros os seus obxectivos: seguir lanzando o mesmo discurso, pero co disfrace do humor rancio.
Nunca defenderemos que se censure un espectáculo; pero aspiramos a que o público se erga das cadeiras e lle dea as costas a un humor de caverna, que o único que fai é perpetuar un discurso rancio e estereotipado sobre as mulleres, sobre os vellos, sobre as persoas migrantes ou sobre os “paletos” de Murcia.
O Concello de Marín sabía moi ben a quen contrataba. Circo en época de fame.
Colectivo Feminista Zeivas