Tribuna Viva
Denuncia da Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro
Este sábado día 11 de setembro a mañá dando un paseo polo lago de Castiñeiras xa nos topamos con diversos cogomelos frutificados logo destas últimas e moi benvidas chuvias.
Amanita fulva, Fistulina hepatica, Cordyceps ophioglossoides, Cantharellus amethysteus, Panuschonchatus, moitos exemplares de Scleroderma citrinum parasitados por Xerocomus parasiticus, Stropharia semiglobata, Stereum hirsutum, etc. Sobre un vello exemplar de Ganoderma sp. puidemos fotografar un fermoso xuvenil de pintafontes verde, Triturus marmoratus.
Os ourizos xa caídos no chan nos animaron a apañar unhas poucas castañas para logo secar na casa.
Nun destes intres ao agocharnos o que nos chamou a atención foi ver tres excrementos, e entre as feces se podían observar diversas cores.
Ao observalos máis de cerca a nosa sorpresa foi que eran restos de globos dos posibles “cumpre anos” que se celebran na área recreativa do lago de Castiñeiras.
Será tan difícil levar para casa o lixo que se xera logo de facer un churrasco, un cumpre anos ou calquera comida campestre nesta fermosa área de desfrute de tod@s?.
Se este animal botou fora estes restos de plástico, cantos lle quedarían dentro?
Pedimos, por favor a nais e pais que corrixan esta mala costume de usar globos que logo estoupan e quedan espallados por toda a herba do lago de Castiñeiras.
Por outra banda nestes últimos meses xa nos é habitual observar por desgraza en toda a zona lago e por toda a bisbarra do Morrazo as máscaras cirúrxicas espalladas por todos lados, algunhas delas cubrindo exemplares de cogomelos, e outras mellor non describir con detalle o fin para o que foron utilizadas...
Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro