Manuel Pérez Lourido
Por que non falamos inglés?
ÿ difícil topar a alguén de nós que non se fixese algunha vez esta pregunta. Só un 10 % dos españois fala inglés de forma fluída. Ata o 20 % sube a cifra tratándose de defenderse un pouco. Non é que sexamos máis parvos cos máis, senón que non somos tan listos como nós pensamos. E isto podemos probalo enumerando unhas cuantas razóns:
Comecemos polo noso profesorado de inglés: nos nosos plans de estudos o desenvolvemento da capacidade comunicativa na lingua estranxeira queda relegado aos estudos de literatura e lingüística, ou á metodoloxía do seu aprendizaxe. Só nos estudos de tradución e interpretación se lle da preeminencia ao ámbito oral da lingua (só faltaría que o tradutor non soubese falar con soltura). Os profesores formados con ese déficit na oralidade e esa preferencia polos contidos gramaticais farán de correa de transmisión dese énfase ata que o circuíto se volva a retroalimentar cando o alumno chegue á universidade e lle salga a gramática polas orellas.
Á hora de tentar que os alumnos falen inglés nas aulas o elevado número destes non axuda precisamente. No seu día contempláronse desdobres nas aulas para apoiar un tratamento oral da lingua estranxeira pero os consabidos recortes de profesorado encargáronse de facer inviable esa posibilidade.
Neste país o cine e as series de televisión anglosaxonas déronse sempre en versión dobrada. Os nosos veciños portugués optaron polo máis económico procedemento dos subtítulos e hoxe dannos mil voltas falando a lingua franca.
O sempiterno medo ao ridículo do español medio tampouco axuda: estudos de Cambridge University Press falan dun 81 % de estudantes que recoñecen ese temor coma impedimento. Ou sexa, que a cousa deber estar arredor do noventa e pico por cento.
Os nosos referentes son nulos: polo xeral nin os nosos maiores, nin os nosos familiares nin os nosos gobernantes falan inglés. Entre os presidentes do goberno central só Calvo Sotelo, aquel home tan serio de UCD, falaba inglés con soltura. Dende entón (1975) "na de na".
Por isto, é volvendo tamén ao tema da vergoña, a "relaxing cup of coffee" da señora Botella é mellor tomala coma un sinal de ousadía que amosa certa intención de cambio no eterno rubor que nos ven retratando. E falo en serio.
Xa o seu home tentara facer algo así poñendo acento de Texas sen decatarse que estaba a falar español (pero a intención é o que conta), (e isto xa non vai tan en serio, vale). Aquel episodio e a súa memorable capacidade para equipararse con obtusos mandatarios internacionais poñendo os pes enriba dunha mesiña marcan un antes e un despois no papel do noso país na escena mundial.
Pero estámonos a ir do tema:
O 70% dos españois pensamos que o inglés e de gran importancia, pero só o estuda o 4%.
Coa crise está a aumentar a demanda dos estudos de inglés en todo o país, incrementándose as materias que en primaria e secundaria estanse a ofrecen coma seccións bilingües (é ao 50 % do tempo de clase, pero algo se vai andando). Tamén hoxe en día os rapaces e rapazas teñen máis posibilidades de estudar un tempo fóra (Erasmus, Leonardo), de participar en intercambios con alumnos de outros países, de recibir nas aulas a auxiliares de conversa nativos, etc.
Non esquecemos tampouco á masiva exposición ao inglés falado, que podemos ter a través da rede por medio de vídeos, cancións, radio, podcasts, etc
O noso goberno autonómico está a desenvolver unha decidida aposta pola aprendizaxe desta lingua, esforzo hai que dicir que pouco recoñecido. Se a súa posición respecto da lingua propia da nosa comunidade fose semellante, xa isto sería o colmo da coherencia. O certo é que ata a televisión pública galega hai tempo que emite películas en versión orixinal a través do seu segundo canle, o cal é moi de agradecer.
Algo se está a mover para facernos pensar que veñen tempos mellores que farán que a pregunta que nos faciamos ao principio deixe xa de seres pertinente.