José Freire
Desvergoña e corrupción
Non hai nada peor que levar a cabo prácticas corruptas e facelo coma se formase parte dun comportamento rutineiro asumido socialmente. Iso está sucedendo no noso País dende hai moito tempo.
En España pasamos da ditadura á corrupción sen solución de continuidade, porque houbo moitos que creron que podían comportarse como o ditador e os mandamáis do réxime só porque a eles os elixiran os cidadáns ou foran nomeados para un cargo tras as eleccións democráticas. Era tanta a falta de cultura democrática que non se decataron de que a democracia se asenta sobre un conxunto de normas éticas de comportamento que a diferencian máis das ditaduras que o feito de poder votar cada catro anos.
As prácticas corruptas, o amiguismo, o enchufismo, a prevaricación, o uso indebido dos medios e fondos públicos para fins privados e un longo etcétera, instaláronse no comportamento dos políticos e xestores públicos, sendo observado dende a indiferenza por unha boa parte da sociedade que parece ter asumido que onde hai posibilidades de roubar algo que é de todos roubarían, porque o que é de todos non é de ninguén, ou polo menos non é meu.
Un dos exemplos máis claros de todo isto é a cúpula do Ministerio do Interior e a Dirección Xeral da Policía que, esta mesma semana, coincidindo coa festa dos Santos Anxos Custodios, patróns do Corpo Nacional de Policía, levaron a cabo un acto de desvergoña e corrupción coa concesión das condecoracións de ouro pensionadas.
Unha policía onde sempre houbo corrupción na concesión de condecoracións pero que este ano volveu superarse neste asunto, concedendo un número de cruces vermellas, pensionadas, escandaloso á escala superior cando a devandita condecoración esixe como requisito que nunha actuación policial se poña en risco a vida, a integridade física ou ter sufrido lesións en acto de servizo. Entre 474 membros da escala superior, que son o 0,69 do total de membros da Policía, repartíronse 27 medallas, o que supón que o 5,69% dos seus compoñentes levou a cabo unha acción heroica, con risco para a súa vida; entre 5.792 membros da escala executiva que son o 8,45 do colectivo repartíronse 73 medallas, o que supón que o 1,26% dos seus membros puxo en risco a súa vida ou integridade física; entre 4.828 subinspectores que son o 7,05% do colectivo repartíronse 11 medallas, supoñendo que o 0,22 dos seus membros fixo fronte a unha situación de risco grave ou resultado ferido, e entre 57.378 membros da escala básica que son o 83,79 do colectivo repartíronse 27 medallas pensionadas, o que supón que o 0,04% arriscou a súa vida.
Hai decenas de casos de policías que arriscaron a súa vida, para salvar ás dos demáis, e resultado con feridas graves, que non recibiron a recompensa merecida.
Pero a Dirección Xeral non queda aí. E namentres se esquece destes servidores públicos, condecora a persoeiros que nada teñen que ver coa función policial e que, por suposto, non cumpren cos requisitos que a norma esixe. E senón díganme vostedes cáles son os méritos do bispo de Palencia, Esteban Escudero Torres, a actriz Mª Isabel López García, o ex-ministro e deputado Juan Carlos Aparicio, O párroco da Igrexa Corpus Christi de Alxeciras, un membro do Consello Xeral de Irmandades e Cofradías de Sevilla, un viticultor rioxano, o concelleiro delegado do Grupo Galliña Blanca, un directivo de Augas de Barcelona, un directivo dunha clínica dermatolóxica, o presidente dunha asociación de agricultores gaditana, varios periodistas, e un longo etc., ata acadar un total de 449 persoas. E o máis grave é que o Ministerio do Interior non fixo público os méritos de cada unha destas persoas para facerse acredora a tal condecoración.
Todo isto ten un nome: prevaricación e malversación. E alguén terá que pagar por isto. ¿Ou non?.