Tribuna Viva
Resposta da CIG, CCOO e UGT as declaracións da concelleira Carmen Fouces sobre os bombeiros
As seccións sindicais CIG, CCOO e UGT do Concello de Pontevedra, queremos sair ao paso das declaracións realizadas pola concelleira de persoal Sra. Fouces, na que manifestaba a idoneidade da dotación de bombeiros en Pontevedra, polo que vimos a acreditar as carencia denunciadas.
En primeiro lugar, queremos reiterar a insuficiencia de medios humans e en segundo lugar demostrar a os cidadáns de Pontevedra que nosa demanda de aumento de persoal é apoiada por varios informes:
Informe psicosocial dunha empresa externa CUALITAS-MUGATRA contratada polo concello. No devandito informe, de outubro de 2020, indica cunha prioridade de execución alta e cun prazo de 3 meses, o seguinte: “Aumentar o persoal do servizo de bombeiros, tanto en bombeiros como en mandos (cabos, sarxentos, etc) de maneira que se cumpran os cocientes mínimos recomendados e que dispoñan de dotacións suficientes para as intervencións”.
Informe do actual xefe do servizo de Bombeiros, onde alerta da escaseza de efectivos para atender correctamente o servizo, publicado no mes de Agosto de 2021, na que indica a necesidade de aumentar o persoal a un total de 48 traballadores (actualmente 38) dunha dotación acorde á poboación de Pontevedra.
Existindo informes de técnicos independentes da empresa Mugatra e dun técnico municipal como é o xefe de bombeiros, as declaracións políticas rozan a falsidade dolosa e intentan enganar á cidadanía de Pontevedra. Sendo grave ignorar os informes que a señora Fouces debería coñecer, é máis poñer en risco a seguridade dos traballadores e o patrimonio e seguridade da poboación á que prestamos o servizo.
Esta falta de persoal fai que cando hai dúas intervencións simultáneas, teñamos que dividir a dotación. Exemplos moi recentes:
Día 16/09/2021, Incendio simultáneo na Pizzería de rúa Riestra e unha cociña en Monteporreiro. Neste caso, 1 condutor e dous bombeiros desprazáronse á pizzería e o mando e outro condutor á cociña en Monteporreiro.
Día 11/10/2021, Inspección de niño de avespa velutina, á que se desprazan un condutor e un bombeiro, e ao mesmo tempo un incendio dos entullos da construción da nova Residencia de Maiores en Casimiro Gómez, onde actuaron un mando, un condutor e un bombeiro.
Esta carencia de efectivos afecta á seguridade dos traballadores e os cidadáns de Pontevedra e o máximo responsable desta situación e do réxime autoritario que estamos a sufrir é o Alcalde de Pontevedra, señor LORES