Marta Rodríguez Engroba
Violencia de xénero na mocidade: ignorada por moitos adultos? si. Agochada ou minimizada por eles? non
No acabado de rematar o mes de Novembro en Si, hai saída retomamos algo que, por mor da pandemia, no 2020 non foi posible levar a cabo, que botábamos profundamente de menos, que é unha parte fundamental do noso traballo, que mimamos especialmente e que eu en concreto, que son a afortunada que adoito materializalo, vivo intensamente, non soamente polo que implica, se non polo moito que, ano a ano, aprendo.
Estou a referirme as charlas nos colexios, institutos, e, en definitiva, ao contacto cos mais novos, aos que lles estou enormemente agradecida, porque é moito o que, en cada contacto que teño con eles, me ensinan.
Este ano non soamente non foi unha excepción, se non que a experiencia foi aínda máis intensa se cabe, xa que, por circunstancias, tiven un contacto moito máis estreito con algúns deses rapaces e rapazas, conversas mais privadas, e dicir que estou impresionada e quedarme francamente curta.
Sería moi complicado resumir aquí todo o que falamos durante esas xuntanzas, ou decidir que foi mais ou menos relevante, porque todo o foi, desde a primeira ata a última verba que cruzamos, pero si teño que dicir que a emoción me superou en moitas ocasións e aínda o fai agora, cando, escribindo estas liñas, volven a miña memoria, pero vou tentar compartir con vos algunhas delas, que todo o mundo debería ter ocasión de escoitar das súas bocas, malia que tamén é verdade que cando non se quere ver nin entender, como sucede demasiado a miúdo ......
Non podedes nin imaxinarvos o que é, por exemplo, escoitar de boca dunha rapaza, case unha nena, que aínda non superou os 16 anos, que leva, desde que acababa de cumprir os 14, mergullada nunha tremenda historia de violencia de xénero, o seu desgarro, o seu medo, pero, por riba de todo, a súa impotencia, dando por sentado que nunca poderá superar o inferno que está a vivir, confesando a súa incapacidade para rachar por completo cunha relación da que é consciente, malia o nova que é, a está matando día a día.
Non son quen de esquecer como nun ton monocorde, baixiño, foi debullando a súa historia, e contestou afirmativamente a miña creo que lóxica pregunta de se os seus pais son coñecedores de todo o horror que está a vivir.
Si o saben, mais, condicionados por unha banda polo que dirán, e pola outra, pola súa propia guerra de parella, e dado que medios económicos lles sobran, prefiren que sexan o psicólogo e o psiquiatra, cos que tampouco teñen demasiado contacto, os que se ocupen dela, mesmo que a mediquen, como se o que lle pasa a sua filla fora unha enfermidade que se cura con pastillas, mentres mamá se gaba de estar a facelo moi ben porque no colmo da comprensión chega a mediar entre eles para pedirlle ao maltratador da súa filla, que apenas ten 2 anos máis que ela, que non a trate mal, e mesmo "negocia" con él permitirlle durmir con ela na casa cando o seu home non estea para que as cousas se arranxen e papá repite unha e outra vez aquelo de "Se me entero de que lle volve a tocar a miña filla é que o mato!", pero nin papá nin mamá teñen a mais mínima intención de tomar as rendas do asunto e tentar que esa relación que está a estragar a vida da súa filla para sempre remate e menos aínda denuncialo, dado que estamos a falar dun rapaz "de boa familia", e, con certa xente, mellor evitar problemas.
Por non mencionar, claro está, que non se lle pasa pola cabeza ir a comisaria ou ao Xulgado a falar da "honra" da súa filla!. Ata aí poderíamos chegar!.
Iso queda para a xentalla, para os marxinais, pero non para el, nin para a súa familia, que forman parte dos VIPS da cidade.
Non impresiona menos o relato doutra compañeira que, coa mesma idade, xa coñece moi de preto o terror, pero que asume que é o normal na parella, por moito que lle digan o contrario, porque é o que viviu na súa casa toda a vida, o que lle tocou a ela mesma na sua primeira relación, tamén na seguinte e que agora, que está saíndo cun rapaz que di a trata ben, ten claro que o que debe facer é non implicarse demasiado, porque non ten a menor dúbida de que o seu noivo, mais tarde ou mais cedo, acabará por maltratala, polo que esta vez, di, "prefire ir un paso por diante"... Tremendo!
Naturalmente, nunca contou o que lle pasou nas anteriores relacións.
É mais, ela mesma lle aconsellou e lle pregou a súa nai en mais dunha ocasión que rompera co seu pai, que o denunciara, pero todo foi inútil.
Súa nai non move nin un so dedo sen contar co "permiso" do seu home, e vive nunha alerta constante para que non se altere e a agreda, algo que, obviamente, como pasa en toda relación rexida pola violencia machista, nunca é quen de conseguir.
Ante isto, qué lle vai contar?
Digno de escoitar tamén o relato dun rapaz que chegou a ser obxecto de burla de mais dun compañeiro, dos seus propios amigos, que lle chamaban "marica" e "nenaza" desde que iniciara unha relación cunha rapaza, que era, é, nin máis nin menos, unha relación saudable, na que os celos, a posesión, o control, nin moito menos o maltrato ten cabida, pero que pon en dúbida a súa condición de "macho".
Mesmo seu propio pai chegou a tachalo, en máis dunha ocasión, despois de escoitalo falar por teléfono coa súa moza, ou de ser coñecedor de que lle "permitía", ollo, "permitía"!, que ela tivera os seus propios amigos, e que saíra e fixera plans, en ocasións, con eles sen incluílo a el, algo que non lle molesta en absoluto, xa que esa actitude era, segue a ser, recíproca, de miñaxoia , e o insta continuamente a mudar de actitude porque, lle di, "As mulleres hai que atalas curto".
Non vería con malos ollos, pola contra, que el a enganara.....Para iso é un home!.
Podería seguir, porque as conversas foron moitas e longas, pero creo que, como exemplo, abondan.
Estas son tan so algunhas das testemuñas, reais, moi reais, de tres desas rapazas e rapaces aos que acusamos sen pestanexar de ser responsables do aumento da violencia machista entre eles.
Que opinades, seguimos a culpalos?.
Tamén é verdade que cada un lava a conciencia a súa maneira......
Asociación Si, hai saida