
Antón Masa
Que reivindican os traballadores e traballadoras de ENCE cando falan de adscribir os terreos de ENCE á Autoridade Portuaria?
Tal e como recollen os medios de comunicación, as reivindicacións do persoal de ENCE -e as dos comités de empresa que o representan- céntranse na "adscrición dos terreos ocupados pola empresa en Lourizán" á Autoridade Portuaria de Marín como "alternativa máis viábel" para garantir a continuidade da actividade da fábrica en Lourizán. Establecen así unha relación directa entre a adscrición dos terreos "ao Porto" e a continuidade de ENCE en Lourizán, e basean esta afirmación -segundo din- no Informe elaborado polo Consello Consultivo de Galicia en resposta á solicitude do Presidente da Xunta.
Así pois, dedúcese destas declaracións que o que pretenden reivindicar realmente é a "adscrición de ENCE ao Porto”" algo ben diferente á adscrición dos terreos de Lourizán e radicalmente contrario ao "avalado" polo Informe do Consello Consultivo.
Nese sentido, deberían saber que a adscrición dos terreos de Lourizán ao Porto, só se podería facer unha vez estean libres, é dicir, logo de que ENCE os abandone; porque unha empresa coma ENCE, por lei, non ten cabida en terreos portuarios. E tanto a Xunta de Galicia, como a Autoridade Portuaria de Marín, como a propia ENCE e os sindicatos, saben que isto é así. Porén, non teñen reparos en promover e/ou apoiar unhas posicións e unhas loitas que, saben perfectamente, están abocadas ao máis rotundo dos fracasos.
O certo é que as posibilidades de adscribir os terreos -mesmo libres de ENCE- ao porto de Marín, son moi remotas. En primeiro lugar porque precisa dos informes favorábeis de -cando menos- os Ministerios de Transición Ecolóxica, Transportes e Economía, que non semellan estar pola labor, e, en segundo lugar, porque esa zona hoxe ocupada por ENCE ten que se recuperar para o uso e desfrute do conxunto da cidadanía, algo ao que nin a inmensa maioría da poboación da comarca, nin a APDR, imos renunciar; porque é de xustiza e porque, ademais, a Lei ampáranos!