Manuel Pérez Lourido
Ritos do frío
Chega o outono prometendo frío e folgas, de evidentes connotacións antitéticas, e cúbrenos unha sensación de deja vú que non chega para deixar na casa a bufanda. Coas primeiras choivas sae a rúa un resignado continxente de senegaleses a ofrecer a súa mercadoría cunha dignidade que asombra e entran gañas de escarallar un paraugas cada día. Asexamos o ceo tentando adiviñar a roupa axeitada e deixamos que o clima faga con nós unha desfeita, coma unha raza que ingresara en novembro cos ollos feridos e os beizos murchos porque é sabedora de que esperan días acurtándose e chíos nos ósos.
O outono é un tempo de reconstrución, de recollerse, de ollar ás cousas dende unha cortina de auga, de lembrar que imos para vellos, de ler e de esquecer. O inverno é unha viaxe pola beira fría da ponte, observando cos ollos de que lado ven a corrente. O inverno é unha ponte, necesaria e inevitable, para aprender as cousas que só se aprenden cando non queda outro remedio.
Móntase un rebumbio no Nadal, unha especie de tómbola cada ano máis benéfica, para afrouxar os petos e que circule un pouco o carto. Saímos de cea coma se fose a derradeira con xente coa que só ceas no Nadal e bebes cousas que só bebes nesa época do ano e comes cousas que case non comes doutra forma e ris e fas chistes porque algo está a dicir que remata un ciclo e a vida aínda conta contigo. Pos o reloxo en hora, botas un brinde, das un bicos... unha forma coma outra calquera de inaugurar un almanaque de esperanzas novas.
Pero desta volta todo semella un pouco esgazado, como de louza vella. Pasaron defuntos e todos os santos (ou samaín, ou halloween, cadaquén que lle chame como lle pete) con máis pena que gloria, como debe ser, por outra banda. As trompetas que noutro tempo soaban chamando á festa e ao comercio tiñan a sordina da crise posta: a vida pasa coma en ambulancia, ás veces soa a buguina, outras só leva as luces postas, pero sempre semella que imos todo nós aí adentro. Todo fai pensar que en Decembro o marisco non vai estar polas nubes, nin por case ningún sitio, e toda a parafernalia, panoplia e pantomima do nadal ten pinta de ir desta vez máis polo rego da sentatez e da mesura. Á forza din que é que aforcan.
14.11.2012