Tribuna Viva
Situación Centro de Saúde PAC Baltar
Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo, queremos denunciar a constante merma de persoal na Atención Primaria e a sobrecarga de traballo ao que está sometido derivada desta situación, ao que se lle suma a baixa, por Covid, de parte do pouco persoal que queda. Onte mesmo, o PAC de Baltar quedaba cunha soa enfermeira e unha celadora, o que fixo imposible a súa tarefa, polo que remataron derivando as urxencias ao PAC de O Grove.
Así mesmo, queremos pedir á cidadanía que entenda que os protocolos sanitarios non son elaborados polo persoal sanitario dos centros de saúde, senon que só se limitan a aplicar o indicado polo Sergas e a dirección de área (se é que existe, pois a súa xestión é inexistente). Polo que, nin médicos/as, nin enfermeiros/as, nin celadores/as, nin administrativos/as, nin o persoal de limpeza, etc., son responsables da xestión dos centros de saúde. As queixas, deben dirixirse á correspondente Área de xestión e non pagalas coas persoas que tentan, dentro das posibilidades, facer o seu traballo.
O persoal do Centro de saúde non só se encarga de consultas presenciais e telefónicas, senón que tamén atenden pacientes a domicilio, atenden aos pacientes dos compañeiros/as que causan baixa e, a maiores, teñen unha listaxe diaria que lles proporciona o CSC coas incidencias por Covid provintes das chamadas ao 881540045 e autodeclaracións na web que inxiren na lista de traballo do día.
A ineficiencia da xestión sanitaria reflíctese no momento en que non existe capacidade de suficiente para levar a cabo o seu propio protocolo; o que fai que moitas persoas, ao ver que as súas chamadas non son respondidas, nin o CSC, nin os sanitarios se poñen en contacto con ellas, acudan aos PAC, centros de saúde e servizos de urxencias hospitalarias sabéndose ou sospeitando ser positivos en Covid, o que deriva nun tremendo caos, por acudir a un servizo que por protocolo non os pode atender, porque promoven o contaxio entre pacientes que acuden ao servizo de urxencias con outras patoloxías, e porque dificultan a labor dese servizo.
Tanto persoal sanitario como pacientes debemos apoiarnos mútuamente e denunciar o deterioro do sistema sanitario pois repercute directamente na nosa saúde e na calidade do servizo. Os protocolos inadecuados, a falta de xestión eficicente, e a falta de persoal sanitario tras anos de desmantelamento ao noso servizo público de saúde fai a combinación perfecta para que estemos vivindo un inferno tanto sanitarios como pacientes. Non é que o persoal non queira traballar, é que eles, a pé de pandemia, tamén se contaxian, enferman, morren… Todos e todas somos persoas. Coidémonos e, sobre todo, respectémonos.
Consello Fundacional da Plataforma en Defensa Da Sanidade Pública Sanxenxo