Francisco Freire Vila
LOMCP
Estes días fun convocado ao Consello Escolar do colexio do meu fillo e un dos puntos da orde do día era "Presentación e aprobación dos aspectos da PXA (programación xeral anual) que lle corresponden ao Consello Escolar". Cando se aprobe a LOMCE este punto quedaría redactado así: "Presentación dos aspectos da PXA (programación xeral anual)". O Consello Escolar non será un órgano de decisión, non se aprobará nada nel e, en consecuencia, as nais e pais perderemos un espazo de participación importante.
Pero non só iso, acaba rotundamente coa nosa presenza nos consellos escolares porque, que pai ou nai vai asistir a unha convocatoria na que non se decide nada? De que vale ir, por exemplo, a unha presentación dunha PXA cando esa mesma documentación xa está dispoñible para as familias nas secretarías dos centros? Sabendo da súa inutilidade, quen se vai presentar ás eleccións ao consello escolar?
Tamén, ata agora, as nais e pais participabamos na elección das direccións dos centros. Coa LOMCE as direccións dos centros serán elixidas pola administración e terán plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado que sexa proposto pola administración.
Pero á parte desta anulación dos pais e nais, non podemos aceptar a LOMCE porque non convence e é pouco crible que axude á mellora da calidade educativa, senón reflexionemos un pouco. Se foi creada como medida para diminuír o fracaso escolar, o debilitamento do ensino público vai reducir o fracaso escolar? O aumento da desigualdade vai reducir o fracaso escolar? Os concertos e a legalización das subvencións a centros que segregan por sexos vai reducir o fracaso escolar?... ÿ evidente que non. A mellora da calidade na Educación é moito máis complexa que iso e comeza por desligar a Educación das ideoloxías como fan os paises que destacan polo seu brillante sistema educativo.
Mentres uns auguran que a LOMCE será derogada cando cambie a composición do Congreso, o ministro de Educación segue no seu interese de malgastar os cartos na aplicación dunha efémera lei que só é apoiada pola patronal do ensino privado, pola xerarquía eclesiástica e polo seu partido e fai oídos xordos ao resto da sociedade que demanda, dunha vez por todas, un pacto político serio que dote de estabilidade á lexislación educativa dende a educación infantil ata a Universidade, goberne quen goberne.
Este país non necesita unha lei orgánica para a mellora da calidade educativa, senón unha lei orgánica para a mellora da calidade política (LOMCP).