PorVir
PorVir presenta unha queixa pola difusión dun vídeo que atenta contra o patrimonio arqueolóxico
O Grupo Municipal PorVir do concello de Campo Lameiro vén de presentar queixa formal ante distintas institucións (Consellería de Cultura e a súa Xefatura Territorial de Pontevedra, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Secretaría Xeral de Política Lingüística e A Mesa Pola Normalización Lingüística)
Puidemos comprobar que no Portal da Lingua Galega, amparado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, está colgado un vídeo "O Retorno de Nabiza Girl-1-Os Petróglifos no que a artista se achega ao petróglifo "A Rotea de Mendo" en Campo Lameiro acompañada dunha concelleira do goberno municipal para comprobar a agresión que sufriu este BIC en marzo de 2021. Esta é unha Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022
Este grave feito de remarcar un BIC é usado pola artista para dicir (supostamente logo de falar coa concelleira):
"... non foi nada importante, simplemente unha persoa que non quería que se perderan os petróglifos e remarcounos porriba. Era unha técnica que se usaba antes e xa non recomendada, é dicir, que meteu a pata... dáche unha arroutada e fas as cousas sen pensar e iso tamén é algo do que enorgullecerse..."
Ao noso parecer unha reportaxe e posta en escena prosaica que, máis que poñer en valor o idioma e cultura galega, chega a ser vulgar e contraproducente para crear un vínculo emocional entre o patrimonio e a sociedade para axudar a concienciar sobre a súa conservación.
Un acto que está penado e recollido como tal no Código Penal non pode ser posto en valor nin amparado por ningún ente público. Igualmente atenta contra o noso patrimonio cultural.
Varios puntos que recolle a "Carta Internacional para la Gestión del Patrimonio Arqueológico" de ICOMOS son vulnerados na promoción deste vídeo colgado nas páxinas públicas como son "O Portal da Lingua" ou as redes sociais do Concello de Campo Lameiro entre outras.
Queremos mostrar a nosa preocupación de que os medios de comunicación e redes sociais se fagan eco desta agresión en marzo de 2021 e a condenen mentres que as institucións públicas subvencionen recursos videográficos nos que se resta importancia ao ataque dun BIC e incluso se chegue a mostrar este tipo de actuacións como unha ideosincrasia da cidadanía galega.
Do mesmo xeito que a cidadanía de a pé ten que cumprir as normas e aterse ás consecuencias dos seus actos vandálicos, as propias institucións públicas deben ser implacables á hora de cumprir as súas propias normas e penas cando cometen a imprudencia de promocionar o ataque a un BIC como un acto impulsivo restándolle importancia a un delito penal.
Deixando a un lado as diferentes posicións solicitamos por un lado a retirada inmediata deste vídeo xa que bota por terra o traballo incansable de profesionais e cidadanía en xeral que leva anos loitando pola máxima protección da que gozan os BIC e, por outro, a revisión previa dos contidos difundidos polos organismos públicos. Non podemos aceptar que unha institución pública cometa o erro de avalar e difundir un delito penal.