Pedro J. Peón Estévez
O tontófono
Lembran a Maxwell Smart, o superaxente 86 ? Lembran aquel " temible operario do recontraespionaxe que utilizaba tecnoloxía punta cando se comunicaba con aquel seu "Zapatófono"? Pois o curioso trebelho vinha a se-lo precursor do actual "Tontófono", que algúns chaman móbil ou celular, segundo sexa a este ou ao outro lado do Atlántico. Outros chámanlhe "embigo" pois todo quisque ten, cando menos, un.
Por favor: non me chamen "analfabeto informático". Eu sei ben que o tal chintófano non é máis que un emisor-receptor de radio, dixitalizado si, pero nada máis. Un auténtico becerro de ouro ó que non chego a idolatrar. Hai quen non pode vivir sen el.Eu si. A un becerro, de ouro ou non, o que lhe compría era unha choca e non unha cámara. O que lhe puxo unha cámara acabouna de lear. E para melhor ilustrar isto último, relatareilhes algúns casos reais, curiosos abondo.
Cantas veces se ten dado un accidente, unha agresión, unha situación de perigo sen que ninguén bote unha man pero que tropecent@s curios@s gravan cos seus teléfonos ? Cant@s se arriscan e mesmo morren con tal de gravar a súa ousadía co móbil ? Cant@s sofren acoso, ameazas, chantaxe, extorsión a través do móbil ? E ciberestafas, cantas ?
Aínda non hai moito observei nunha concorrida praza Peregrina, un home-estátua rodeado de turistas -ou non- curiosos. Todos, pero todos eles gravábano cos telefonetes sen pudor ningún. O pobre facía a estátua á perfección: non bulía nin chisco. Cando se foi a patulea, o home tremía, aparentemente de frío, pero era de xenreira: nin unha cadela lhe botaran na gorra!
Un meu curmán ten dúas netas novinhas. A maior vén de cumprir oito anos, é cantareira, pandeireteira e bailadora ( xa o era antes da tanxumanía ) Está na escola de Cántigas da Terra e canta coa Coral. A pequena está impaciente para entrar tamén pero ten catro anos e ten que agardar polos cinco, que é a idade mínima de admisión. No colexio, o curso da maior proxecta unha viaxe cultural a Santiago e ela e máis unha companheira acordaron axudar nos gastos. E así, mentres unha tocaba a pandeireta, a outra bailaba na rúa. Axinha se lhe arremuinharon un fato de miróns con cadanseu telefonete a gravar coma se non houbera manhán, cousa que está pro-i-bi-dí-si-ma, pois tinhan sete anos...son MENORES ! E fóronse indo aqueles entremetidos facendo comentarios do tipo: " Muy bonito, muy bién - qué bién bailais 'el gallego' - tan pequeñas y que listas", e outras perlas. Cando as nenas miraron para o sombreiro que deixaran no chan, atopárono tan libre como cando o puxeran: nin un céntimo lhes botaran !!
E vénhenme á memoria aqueles debuxos animados de Hanna-Barbera que tanto me divertían de rapaz coa valente tartaruga D'Artagnan, un inxenioso quelónio con teléfono incorporado dentro do caparazón. Un precursor, nos primeiros sesenta, dos modernos móbiles.